miércoles, 24 de abril de 2024

PRESENTACIÓN DO POEMARIO "Os ecos do vento", na Libraría Lume na Coruña



Se a presentación de “Os ecos do vento” en Vigo foi marabillosa, a celebrada na Libraría Lume, na Coruña, non foi menos.

Chus Fernández na súa intervención

De novo, os ecos dos poemas desas mulleres que eu escollín para o poemario brillaron nun ambiente magnífico. Gabriela, Mistral, Cecilia Pisos, Mecedes Calvo e as demais acompañaron a senllos discursos de Chus Fernández e de Xosé Cobas, quen volveu explicar dende a súa óptica as fermosas ilustracións de Noemi Villamuza.


Chus Fernández salientou a miña traxectoria poética e falou moi positivamente do poemario nas tres vertentes do mesmo: os poemas, as ilustracións e a edición coidada e con gusto de Kalandraka Editorial.

Xosé Cobas fala dunha das ilustracións do libro

Sentinme, unha vez máis, moi ben acompañado por estas persoas que souberon crear interese pola obra e provocaron unha velada moi cálida.

Moitas grazas a todas e todos por partillar un tempo precioso arredor da poesía.

Aquí embaixo podedes escoitar o acto na súa integridade.