Dende que o lector lera Ruído e O soño
da febre ficou engaiolado pola prosa de Miguel Anxo Murado.
Fin
de século en Palestina rematou por agrandar,
máis se cadra, a admiración pola obra do escritor lucense.
De aí que, cando viu Tres minutos no
aire na librería, non tardou en mercalo e volver a gozar do talento de
Murado.
O lector sentiu curiosidade por ler o que o autor contara no Diario Cultural da Radio Galega en tres minutes, máis ou menos, nunha colaboración semanal entre os anos 2006 e 2009.
O lector
non escoitara as pequenas narracións nas ondas e abofé que gozou enormemente
lendo as 226 páxinas que compoñen o libro.
Gozo foi o primeiro que sentiu o lector coa lectura e deseguido –ou a
o tempo – curiosidade e reflexión polo que os textos descubrían. Textos
pensados para ser ditos e que, preservando o ton e o ritmo oral, non deixan de
aportar pausa ao ser lidos.
O lector
volveu reafirmarse na claridade e o dinamismo da prosa de Miguel Anxo Murado.
Lía un relato, sorprendíase, reflexionaba e e xa estaba desexando pasar ao
seguinte. O lector chegou a envolverse no ritmo frenético das pezas literarias.
Tiña que deterse porque xa era hora de apagar a luz – o lector goza lendo na cama ata altas horas – pero non era quen de
parar. Cada peza, contada cunha mestría inusual e un ritmo moi vivo, ofrecía un
feito actual, curioso, simpático, fondo, coa opinión do autor que achegaba
coñecementos e acadaba que o lector
pensase sobre o tema.
E así rememorou a Cunqueiro, citado ben veces, soubo das Rapas luguesas e de
Sabucedo, das referencias ao lobo coa figura de Fole de fondo ou que, aló polo século XVI ,Michel Eyquem, nome verdadeiro
de Montaigne, o inventor do
xénero “ensaio” fora alcalde de Bordeos e tiña unha intensa relación co famoso
viño desta rexión francesa.
O
lector ficou abraiado diante da caveira de Yorick, sorprendido perante a
lenda de que Lenin lía moi rápido ou
a de Theodore Rooselvelt de quen se
dicía que lle abondaba un golpe de vista para saber o que poñía nunha páxina.
Curiosa tamén a referencia a certos comentarios do filósofo Massimo Cacciari que afirmaba que Armani era o Michelangelo do noso tempo.
Hai moita ironía no
discurso de Miguel Anxo Murado neste Tres minutos no aire. Aproveita moitas destas anécdotas para dar
unha vision a vida de seu.
E o
lector detívose nas últimas pezas para concordar con el en que o
desprestixio da mocidade é algo inxusto, así como recoñecer que os edificios
contan historias porque a pedra explica moito.
Critica Murado a
moda das memorias políticas dos mandatarios actuais. Afirma que son parte do
presente, sendo o pasado unha excusa para contar o que se está a facer.
Fica desorientado o lector cando le que, para o autor, Gandhi é un reaccionario
sobrevalorado e reflexiona sobre a verdadeira natureza do famoso cadro O grito de Munch.
Cando remata o volume, o lector sente unha enorme felicidade e
volve a certos textos que o sorprenderon especialmente.
Tres minutos no aire
é un fermoso mosaico- pensa o lector-
das idas e voltas que dá a sociedade de todos os tempos e da contradición dos
seres humanos. E ao rematar o libro sente que respire un chisquiño mellor.