Chus Fernández presenta Versos e viceversos na Coruña |
Presentar Versos
e viceversos na Coruña, tras as presentacións en Fuenlabrada, Vigo e
Pontevedra, requería unha persoa ben espcial para iso. De aí, que pensei axiña
en Chus Fernández.
Chus Fernández é unha gran coñecedora da
LIX que se escribe en Galicia e fóra dela. É Chus quen fai as reseñas da
literatura galega e os percorridos da nosa LIX na revista CLIJ, unha das máis
prestixiosas, sen ningunha dúbida, do país.
Pero non só iso, senón tamén a amizade que
nos une debido ao tempo que levamos loitando por facer da literatura
infantoxuvenil algo máis visible. Ambos os dous sabemos da importancia da
mesma, da lectura na infancia e na adolescencia e polo tanto estamos
vencellados por este labor tan arduo coma marabilloso.
A súa presentación foi admirable e Chus
tivo o detalle de enviarme o texto (que non leu) para compartilo no noso
blog-revista, algo que Versos e
aloumiños lle agradece fondamente.
PRESENTACIÓN VERSOS
E VICEVERSOS 3 de Agosto, 2019.
O libro que hoxe presentamos é sen dúbida un libro singular, especial, unha
“rara avis”… E isto por varías razóns.
Unha delas é porque se trata dun libro de poesía, e a poesía é o xénero
menos representado no actual panorama editorial. Afortunadamente esta escaseza
soe compensarse, como é o caso presente, cunha gran calidade dos poemarios que
se editan.
Outra razón é porque este libro ten catro
autores. Iremos vendo:
-
Dous
son os autores do texto, dous poetas amigos: Antonio G. Teijeiro e Juan Carlos
Martín Ramos, un galego e outro andaluz que, ademais de ter entre eles unha boa
amizade, forman parte dun clan común, o
clan dos poetas, é dicir, dos sabios da tribo , os que son quen de poñer verbas
ao inefable, a aquelo que todos intuíamos e non sabiamos expresar ata que eles nolo
descubriron, e era así, xaora, non podía ser doutra maneira. Pero ademais,
estes dous son da tribo de Manuel María, de Bernardino Graña, de Gloria
Fuertes, de María Elena Walsh, de Lorca,
de Alberti, de Juan Ramón,…dos que saben que cando se escribe poesía para os
nenos e nenas hai que facelo co máximo respecto, con todo rigor literario,
porque, como dixo Gianni Rodari, “Escribir para a infancia é interpretar
maxistralmente unha sinfonía utilizando poucos instrumentos.” Que difícil.
-
Antonio
é ben coñecido aquí na súa terra porque él é un dos pais da moderna literatura
infantil galega. Narrador, pero sobre todo poeta, leva motos anos achegándonos
as súas creacións que xa forman parte do noso patrimonio, e polas que ten
recibido importantes premios como o Premio Merlín, o Premio Paolo Vergerio, o
Luna de Aire e o Nacional de Literatura infantil e Xuvenil do ano 2017. Pero
non só é poeta, Antonio é tamén un militante da poesía, que vai cos seus
coñecementos e a súa voz alí onde é requirido, amosando áss novas
xeracións que a poesía non é algo
difícil e alleo,, senón algo próximo e necesario “ como el pan de cada día,
como el aire que exigimos trece veces por minuto” que dicía Gabriel Celaya.
-
Juan
Carlos é outro militante da poesía, con unha extensa e importante obra que ten
acadado merecidamente moitos premios: Premio Leer es vivir, Premio Lazarillo,
Premio Luna del Aire, Premio Internacional de Poesía para Niños “Ciudad de
Orihuela”. Ademais, Juan Carlos é un home de teatro con moitos anos de
experiencia como titiriteiro, indo dun lugar a outro dando vida e voz a
monicreques, que en repetidas ocasións son personaxes aos que van dedicados os
seus poemas.
-
O
terceiro autor do libro é o seu ilustrador, Juan Ramón Alonso, outro dos
grandes, dos que puxeron as bases da
actual Literatura Infantil. Coñecemos
ben a Juan Ramón Alonso, non podemos deixar de relacionalo co noso querido Juan
Farias e as súas extraordinarias Crónicas
de Mediatarde, nin co inesquecible
libro de Concha López Narváez La Tierra del Sol y la Luna, nin coas
fermosas ilustracións do libro do noso autor Manuel Janeiro, Pucho o habitador dos tellados. Coñecemos
a sorte, ou a habilidade, que teñen tanto Antonio como Juan Carlos de
acompañarse dos mellores ilustradores e ilustradoras, e este libro é un fito
máis nese brillante historial. As fermosísimas ilustracións de Juan Ramón
Alonso poñen imaxes a algo realmente difícil como é ilustrar poesía onde, case
sempre, trátase de amosar plasticamente algo abstracto, unha idea, un concepto,
un sentimento… Ninguén que lea este libro poderá disociar os poemas das
extraordinarias ilustracións que os complementan.
-
Dixen
que eran catro autores, fáltame un. E este é, sen dúbida, o editor. Este libro
non sería o que é sen o mimo e o coidado cos que está editado. Todo, cada
detalle, está pensado para facer do libro unha pequena xoia: O papel empregado,
o tratamento das ilustracións, a capa, as gardas, o tipo de letra, a
disposición dos elementos na páxina… Todo isto fai de Verso e viveverso un fermoso obxecto artístico.
E que imos atopar no libro?
Son trinta poemas escritos a dúas mans polos seus autores. No libro cada
poema ten unha pequena introdución, unha estrofa, unhas veces en castelán se é
obra de Juan Carlos, e outras en galego se a escribiu Antonio, a continuación,
o outro poeta retoma a idea que lle suxiren estes versos e a amplíaa e recréaa
cunha creación propia. Antonio glosa a Juan Carlos e Juan Carlos Glosa a
Antonio.
Son poemas que teñen como destinatario a todo tipo de público lector, desde os nenos e nenas aos que vai dirixido preferentemente, ata
calquera persoa adulta amante da poesía.
A maior parte destes poemas posúe estrutura
clásica, versos agrupados en estrofas
moi diversas, e utilización de
ritmo e rima, ademais doutra gran variedade de recursos poéticos, tanto
fonéticos como semánticos ou sintácticos. Non falta a vontade lúdica de
utilizar a linguaxe como un xoguete manipulable que se pode montar e desmontar,
que depara sorpresas e novos
descubrimentos.
Son poemas intimistas, en todos eles hai un “eu poético”, unha voz en
primeira persoa que se dirixe a un ti receptor, e que utiliza todos eses
recursos para expresar sentimentos propios.
Tamén atopamos diversidade de temas, algúns dos máis representados son: o mar, as lembranzas, a infancia, a propia
creación, a denuncia de inxustizas, os sentimentos…
Vexamos exemplos:
O mar nas composicións deste libro é un mar personalizado, un mar que soña, que bica, que descansa,
que pregunta, é un mar que garda recordos da infancia, que resume unha vida
enteira, un mar democrático como dicía Nicolás Guillén, un mar vivo que ten buguinas, ondas, peixes,
gaivotas…, un mar grande que tamén se
fai pequeniño para que o poidamos
enrolar como unha toalla e poñelo a secar no tellado, un mar amigo que nos vén buscar á nosa casa.
He puesto a
secar el mar
en
el tendedero.
O mar non está mollado.
Porén, púxeno a secar
sobre o tellado.
Eu plantei na súa escuma
algúns caraveis de sal,
flores de lúa.
………………………………………………
Mar
Mar
que
preto
e
lonxe
estás
Unha vez veu o mar
e preguntou por min
Regaloume unha buguina
chea de voces estrañas,
o canto dunha serea
e unha historia de piratas.
……………………………………………………………..
Ás veces, Antonio e Juan Carlos utilizan obxectos simbólicos para expresar
sentimentos e desexos: A Chave, para abrir os soños e deixalos en liberdade:
Guardo una llave
bajo
la almohada,
la
llave de abrir la puerta
de
la mañana.
Gardo unha chave
dentro do peto.
Abro con ela
soños sen medo.
Soños de lúa
e de xeada.
Soños que aluma
a madrugada.
…………………………………………………………………………….
O caderno, como símbolo do proceso creativo e da propia escritura:
Miña naiciña!
Que
cousas teño!
Xa
non me collen
no
meu caderno.
Sempre levo o meu caderno
aberto de par en par
para que escriba quen teña
unha historia que contar.
A chuvia escribe con pingas
letras que non se ven,
estralan cando se pousan
e esborranchan o papel.
……………………………………………………………….
A poesía tamén serve para denunciar as inxustizas:
Cando recibiu a orde
de
atacar
o neno decatouse
de
que era Nadal
e perdeuse nas sombras.
Non vou obedecer as túas ordes,
xeneral.
Non quero ser afouto por algo
que non entendo,
xeneral.
Para xogar á guerra é preciso
xogar en paz.
Pois no medio da guerra,
nin sequera xogar á paz
é xogar.
E, finalmente, unha mostra de como as palabras xogan a descompoñerse,
barallarse e volver a montarse:
Trotamundos es poeta,
vagabundo,
aventurero.
O poeta
trota
mundos
Dinos sempre
o que sente,
vive lonxe
de si
mesmo,
pero
ben preto da xente.
Trota mundos
e vereas.
Trota mares.
Trota soños,
pola terra
polo vento
pola neve
e polo ceo.
………………………………………………………..
So me resta dar os meus parabéns aos autores de Versos e viceversos, a os catro, desexarlle ao libro unha feliz
traxectoria, e a todos vostedes que desfruten coma min coa lectura destes
preciosos poemas.
Moitas grazas.
María
Jesús Fernández.
A Coruña, Feira do Libro 2019