TÍTULO: Todos fomos
AUTOR: Marcos Calveiro
COLECCIÓN: Fóra de Xogo
Había xa ben tempo que Marcos
Calveiro non daba ao prelo un libro xuvenil. Ou, alomenos, que eu chegase a
controlar. Agora, aparece na magnífica colección Fóra de Xogo, de Edicións
Xerais, Todos fomos.
Nela, unha rapaza desaparecida hai seis anos aparece espida e viva,
aínda que magoada psicoloxicamente nunha praia de Teis.
A partir de aquí, a novela
emprende dous camiños paralelos pero antagónicos.
Por unha banda, a inspectora
Lina Souto recibe unha chamada na que lle comunican a aparición da rapaza.
Consciente de que non se fixo o necesario eses anos atrás, a noticia produce nela
unha reacción febril que a leva a obsesionarse por resolver o caso e pechalo
dunha vez.
Pola outra banda, Belén
Soliño, unha estrela mediática da televisión sensacionalista, vai ao seu e
busca o espectáculo co sensacionalismo que esta sorte de programas anegan a
mañá de insensateces e personaxes que dan ganas de vomitar.
As dúas polarizarán a novela
na procura duns obxectivos diametralmente opostos.
Todo nesta novela é contra o
reloxo. Hai que descubrir o que lle pasou a Natalia e o misterio que se agocha
detrás. Hai que dar primicias e recorrer, se fai falta, a informadores non
completamente legais.
Todos fomos é
unha novela dun ritmo moi rápido, con frases curtas, diálogos directos e moi
viva. É unha novela negra que discorre na cidade de Vigo, fundamentalmente no
barrio de Teis, polo que a min me resultou moi próxima. Pero eu considero,
tanto pola linguaxe coma polo contido, que Todos fomos é unha
novela-crónica. Léndoa decatámonos axiña
de como respira unha parte da sociedade. Dende os barrios obreiros, maltratados
por crises indefinidas, ata esa xente que bebe de todas a mentiras que lle
contan cada mañá e dan creto ao que escoitan e ven sen decatarse da
manipulación á que están sometidas. Pero o que non hai dúbida é do carácter
especialmente crítico contra as institucións, personaxes da política, de certo
tipo de persoas baleiras e arrogantes que semellan monicreques nas palabras do
autor. E Calveiro fai alusión a aqueles momentos duros deste populoso barrio, no que
nos anos 80 e 90 a droga desatruíu un bo número de mozas e mozos.
É novela e é crónica do día
a día dun barrio que pode ser calquera, no que un día hai un feito que o sacode
especialmente.
Sorprende, ademais, o final
do relato. Cando agardas detalles, chegas á conclusión de que a vida continúa
por uns camiños máis que pisados. E permaneces lembrando todo aquilo que
liches, cuxo resulyado é a mesma vida.
Fresca, directísima, sen
adornos, demoledora, ben escrita, Todos fomos déixase ler con facilidade
e, cando a rematas, saloucas e comezas a repasar o moito que se dixo, sen
atropelos, ao longo das 140 páxinas da novela.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO