Por desgraza, Luis Eduardo Aute está pero non está. Leva ben tempo facéndonos sufrir aos que o queremos e admiramos fondamente.
O azar foille esquivo a unha persoa grande
en todos os aspectos: comprometido coa honestidade, coa sociedade; artista
pleno, dun talante intelectual á altura de moi poucos músicos ou poetas que van
ateigando de soños as nosas vidas.
Home xeneroso, amigo dos seus amigos,
polifacético, amable, difícil de afastar dos seus principios e dunha riqueza
compositiva impresionante. Un artista, como dixen, total, co inconformismo por diante e unha
lucidez inmensa.
A súa obra, tanto pictórica como poética
ou musical, reborda intensidade. Aute sempre atento á relidade que nos envolve
e, como reflicte, no seu último disco El niño que miraba el mar, na
procura dos seus soños infantís, as súas lembranzas e a necesidade de saber
quen é con respecto ao que foi.
Este
home, que dixo nalgún momento que “poñemos
unha máscara para poder sobrevivir”, viviu sempre de emocións.
O mar, por exemplo (nisto coincido con
el), unha delas. Como di Juan Cruz:
“o mar é a ollada de Aute, e é tamén o
seu xeito de muiñar; é parte da súa poesía e o máis fondo do seu pasado. El
mesmo afirma, diante do seu último traballo (impresionante) o seguinte: “Coido que o paso do tempo deixa as súas
pegadas no mar. Non é o mesmo mar o que ves cando es neno que o que ves cando
tes uns cantos anos; non o ves cos mesmos ollos”.
Afirma tamén que “como todos nestes tempos, dáme rabia a estupidez do ser humano, a
incapacidade do ser humano de ser humano no canto dunha mala besta… Coido que
ao longo da vida imos matando paseniño o neno que fomos por pura supervivencia;
vivimos nunha xungla, e a xungla empúrrate a ser perverso, mala xente e cínico
para poder sobrevivir. Somos verdugos de nós mesmos”.
Así é Luis Eduardo Aute: sempre atento para continuar a súa senda.
Aínda cre un pouco no ser humano, porque nos conta que”mentres quede un ser humano que considere os demais coma seres humanos
e non como material negociable, o mundo pode tomar outro rumbo”.
Na súa casa en Madrid con Susi |
Escribiría e escribiría moito máis sobre
unha persoa que quero e admiro profundamente. Mais non o vou facer. Afúndome no
silencio tenso que me provoca a situación persoal dun home que sempre creu que
a vida é ser competente antes que competitivo e que nunca aceptou a tiranía das
queimaduras; que sempre estivo disposto a coller a guitarra porque é o que dá
sentido á súa vida.
Hoxe Luis Eduardo entra con letras
maiúsculas neste noso espazo de Versos e aloumiños.
E de que maneira!!!
Hai algún tempo pedinlle
manuscritas dúas cancións que me emocionan especialmente. Trátase de Quiéreme,
contida no disco Intemperie e O
neno que miraba el mar no CD do mesmo título. Eu quería poñelas neste
blog-revista como algo especial na sección A luz das palabras. Arelaba que esa
fose a súa contribución a este espazo de liberdade, poesía e música. El, sempre
tan xeneroso, cumpriu o meu desexo e envioume ambas as dúas cancións escritas
pola súa man tan amable.
Luis Eduardo Aute |
Levo ben tempo pensando o intre máis
preciso para poñelas. Levo agardando ben tempo para que vexan a luz. Non
atopaba o momento oportuno. E xa non aguanto máis. Mergullado no triste
silencio que nolo envolve, quero que fale a súa voz, a súa letra, o seu
espírito aberto e cheo de humanidade. Non agardo máis.
Podemos escoitar as dúas cancións. Podemos
penetrar unha vez máis no seu mundo tan rico. Podemos conxugar o verbo
emocionar(nos). Podemos seguir transformando en
paixón o que o seu enxeño nos agasalla. Podemos, en definitiva, abrazar
un home que sente e sentiu a miúdo a necesidade de ver o horizonte, de ver un
máis alá na nosa vida.
Quérote, prezado Luis Eduardo.
"Quiéreme" é o cuarto tema deste magnífico disco: Intemperie
"Quiéreme" (canción)
A súa última obra é El niño que miraba el mar. Podedes escoitar a canción, que leva o mesmo título, e lela manuscrita por el.
"El niño que miraba el mar" (Canción)
E se queredes escoitar esta última canción "en directo", podedes facelo a continuación:
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO