TÍTULOS: Este
é Toribio; Toribio contra o profesor
Smith; Toribio e o contador de
contos; Toribio ten unha idea e Toribio revoluciona o tráfico.
Carlos Casares (Foto de Ricardo Grobas) |
AUTOR: Carlos Casares.
ILUSTRACIÓNS: Penélope Ares.
EDITORIAL: Galaxia.COLECCIÓN: Árbore.
A editorial Galaxia
vinte e seis anos despois da súa primeira edición e co gallo das Letras
Galegas, volve reeditar toda a serie de Toribio
de Carlos Casares, o autor
homenaxeado neste ano 2017.
Trátase de
cinco libros, que poderiamos considerar coma pioneiros dentro do panorama da
literatura infanto-xuvenil das nosas letras, ao inaugurar o fenómeno das sagas
literarias infantís.
Todos comparten o mesmo protagonista, Toribio, un neno de
oito anos moi espelido e cunha imaxinación desbordante. No primeiro Este é Toribio, os lectores van
coñecer a Toribio, os seus pais e tanto os amigos animados coma os inanimados,
humanos ou animais e mesmo, algún que outro inimigo. Pero sobre todo
descubrirán a súa afección favorita: inventar todo tipo de artefactos que
faciliten a vida cotiá en paz e harmonía.
Nos catro
seguintes, xa aparecen todos os personaxes en acción para traballar xuntos en botar abaixo calquera disparate que o malvado
profesor Smith poida facer co seu Lapis
Ladrón. Así, grazas á colaboración da súa amiga Sara e mais dos outros: a
Ra dos Recados, os profesores Pardau e Papafigovich, que coa axuda dos seus
fantásticos inventos, evitarán que o profesor Smith logre cumprir os seus
terribles obxectivos.
Coas enxeñosas
historias e o humor presente, tanto na linguaxe coma en determinadas
situacións, Carlos Casares consegue
atraer a atención dos lectores máis novos, que se van introducindo no mundo das
tecnoloxías para que, ao mesmo tempo que se divirtan, aprendan.
As coloridas e expresivas ilustracións de Penélope Ares son as encargadas de
dotar con vida a Toribio e todo o que forma parte do seu real e fantástico
mundo.
ALBA PIÑEIRO