viernes, 3 de febrero de 2017

PAPEIS RECOBRADOS (12) "Pura música. Pura emoción poética"

    Foto de Anxo Cabada



Un artigo, publicado no seu momento n´A Nosa Terra, ben especial para min, porque aborda un tema que me apaixona: a relación tan íntima entre música e poesía .
     Dúas artes sen as que non podería vivir.
     Dúas frechas directas ao corazón que me emocionan sen límites.
     Neste “papel recobrado” fálase  do que significa escribir para min, da incidencia da música na poesía. E aparece Chopin. E dirixe e toca Daniel Barenboim. E salientamos frases acertadas de Antonio Colinas e de Joan Margarit.
     E aparecen uns versos da miña querida e admirada Eva Veiga.
     Un texto que desprende tenrura e paixón pola música, pola poesía.

     Que vos guste.





PURA MÚSICA. PURA EMOCIÓN POÉTICA

                                                    
                                                                 
                                                                ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO






Non estou escoitando a Mozart. Escoito a Chopin. Fermosísimo o disco Barenboim plays Chopin.The warsaw recital do extraordinario pianista e director arxentino-israelí.Para el, Mozart é o compositor máis completo.
Daniel Barenboim

     Di no seu libro El sonido es vida. El poder de la música ( Belacqua/ documentos), que “ en Mozart a ledicia non está exenta de escuridade, nin a escuridade de ledicia”. E afirma que a música é unha escola de vida., no sentido literal. Lúcidas reflexións dun humanista que cre firmemente que a vida ten que aprender da música e non só ao revés.

     Todo isto reconfórtame e alégrame. Levo ben de anos dicindo que, para min, a poesía é un xeito de vida. Que a poesía é máis que un xénero. Que a poesía non se ensina, fíltrase. 


Antonio Colinas
E, miren por onde, Antonio Colinas di nunha entrevista de hai uns anos que a poesía é, sobre todo, unha maneira de ser e de estar no mundo. Para min, aproveito para incidir de novo, o proceso de escribir (ou de crear) e de vivir van relacionados intimamente. Vida e literatura ou vida e música aliméntanse mutuamente ata fundirse. Música e poesía, por exemplo, conseguen crear un espazo de emocións intensas. E coido que ambas reciben un trato pouco intelixente nas escolas en xeral. Unha das razóns quizais sexa que os docentes non len poesía nin escoitan música. Porque, en definitiva, as dúas formas artísticas se mostran nas aulas desprovistas da emoción que contaxia quen cre profundamente na necesidade do seu achegamento ao alumnado. Non se pode caer na ensinanza da métrica fría ou do xélido solfexo e crer que se está traballando ben a poesía e a música. Non. Hai que baixar ata á súa  esencia emocional.Chegar ata o epicentro onde nacen variadas sensacións pracenteiras.

Joan Margarit
      Di Joan Margarit que “ler poesía é como tocar un instrumento. Require un esforzo maior que ler prosa, pero é que nesta vida nada é de balde. Todo esixe un sacrificio”. E ese esforzo, digo eu, virá tras achegar os poetas axeitados e as pezas musicais atractivas aos nenos e nenas nas primeiras idades e transmitirlles a maxia, o ritmo, a musicalidade, o encanto que os versos e os fragmentos musicais posúen. Que os interioricen. Que os fagan seus. Que os incorporen á súa respiración.

Ás veces,nas escolas, pregúntanme que significa para min escribir, por que o fago, en que me inspiro para crear un conto, unha novela ou uns poemas. Sempre contesto o mesmo. Escribir significa atoparme a min mesmo, saber quen son, facer da palabra un instrumento imprescindible para evocar, para sentir que respiras, para denunciar, para coñecer mellor os demais e as súas realidades.Escribir é transcender as limitacións persoais que sentes vivas. É percibir a individualidade dentro dunha sociedade para integrala nela e sacudila. 
     
     Engado, ademais, que dúas son as fontes que me inspiran: as lecturas que fago e a vida que vivo. Esa que me obriga a andar cos ollos ben abertos, cos oídos moi atentos e co corazón transparente disposto a enchouparse dos múltiples comportamentos humanos. Detéñome aquí. Non sigo por este camiño. Resulta bastante coñecido.
Eva Veiga

     Por iso decido camiñar polo fermoso libro de Eva Veiga, A frecha azul do teixo (Espiral Maior). Ábroo e róubolle a esta muller sensible, que tanto admiro, un poema para que se funda cunha polonesa engaiolante de Chopin tocada polo meu querido Barenboim: sóñate corazón / ergue as pesadas pálpebras / afaite á claridade / do nada a esa verba / de insólito silencio / a luz máis invisible / atravesa intacta / o cego sol das horas.
Frederic Chopin

             Pura música. Pura emoción poética.