domingo, 5 de febrero de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (XCV) Modesto Fraga






                                        MODESTO  FRAGA  (Fisterra, 1974)





NOITES DE SHEREZADE



Creme cando che digo: “o noso amor
é un barco no devalo das mareas,
o aroma que devén das nosas veas
Modesto Fraga
inzadas de salitre, no solpor”.

Creme cando che digo con fervor
en medio de arroaces e baleas
a carón de corais, cunchas e areas
“canto custa instalarse no amor!”.

Quixera ser Simbad, aquel mariño
intrépido das mil e unha noites,
viaxar contigo alén da eternidade;

quixera camiñar sen que me escoites,
soñar que un día fuches Sherezade
e o noso amor un cálido aloumiño.






PEXEGUEIROS EN FLOR



No tempo dos aromas matutinos
por mananciais e ríos fun buscarte
percorrín mar e terra ata encontrarte
entre salgueiros e vizosos pinos.

Pexegueiros en flor, zumes salinos
pétalos deliciosos, flor e arte,
unha paisaxe enteira para amarte
nesta nudez de cánticos divinos.

Caen lentas as follas. Sabe a outono
a seca frouma, cálida ambrosía
dos corpos que se anhelan vivamente.

Non quero despertar, prefiro o sono
a deliciosa chuvia fuxidía
que esvara dos teus seos, paixón ardente.





SE ALGÚN DÍA


Se algún día nos faltan as palabras
que falen os silencios e os sentidos,
as paredes da casa, a vella lámpada
o vetusto almanaque ou esas fotos

tinguidas de inocencia en branco e negro,
como aquela canción das nosas vidas
que sabiamos case de memoria,
de Pablo Milanés, lembras amor?

Se algún día nos faltan as palabras
deixemos que nos falen os murmurios,
os cantos dos paxaros, a chorima,

o mar, o vento, o río, aquelas cousas
que sempre compartimos, o que queda
se algún día nos faltan as palabras.





ADAGIO DE OUTONO
Modesto Fraga (Imaxe Xaime Ramallal)


Eu quédome contigo, co teu sono,
coa partitura alegre que mereces
porque despois de todo permaneces
en medio deste adagio neste outono.

Eu quédome contigo e reflexiono
nas horas compartidas nas que ás veces
sinto que te me vas cando apareces
nas notas musicais das que son dono.

Eu quédome contigo, co teu canto,
coa melódica voz que se derrama
e intúo vir, pois sempre vai comigo

como esa tenue luz que adoro tanto;
canda a última canción do pentagrama
sempre e despois, eu quédome contigo.






(Do libro Adagio por outono, editado por Alvarellos Editora. “1º Premio XLI Edición Certame literario Concello de Vilalba”)