jueves, 23 de febrero de 2017

GÚSTANOS A LECTURA OU GÚSTANNOS CERTOS LIBROS CONCRETOS? , novo artigo de Manuel Veiga Taboada




Un novo artigo de Manuel Veiga. Un novo motivo para reflexionar. Un novo espazo para definir gustos e apreciacións culturais.
     Os artigos deste magnífico escritor sacoden os lectores e lectoras. Non deixan indiferente a ninguén. Semellan desconcertar a aqueles que non están avisados sobre o peculiar carácter crítico do que Manuel Veiga desenvolve neles.
     Son artigos para pensar. E, tras pensar, darle a razón completamente ou en parte. E tamén para estar en desacordo.
     En Versos e aloumiños estamos ben orgullosos destas colaboracións que, para nós, posúen un valor extraordinario.
     E os lectores e lectoras deste blog-revista, encantados polo enfoque deste home intelixente que escribe textos intelixentes.

     Leámolo unha vez máis e ordenemos os nosos criterios.

                       Foto de Antonio Gutiérrez

           Gústanos a lectura ou gústannos certos libros concretos?

                                                                                                          
                                                                                                           Manuel Veiga Taboada


Hai poucos días, encontreime cunha muller, de certa idade, que me dixo que non lle dedicaba ningún esforzo aos libros, pero que, a cambio, lle gustaba moito a ópera. Quedei sorprendido. Pouco despois, puiden ler, na contraportada de Faro, as declaracións dun psiquiatra que afirmaba que, debido á internet, agora a xente le menos ou non le nada. E, por último, case o mesmo día, a miña filla de dezaseis anos confesoume que a ela e ás súas amigas lles gustaban moito as series e que ver series equivalía hoxe a ler libros.

     
     Non discutín ningunha destas apreciacións, pero sentinme incómodo. Incómodo porque cada vez desconfío máis das xeneralidades. Comprendo que é válido realizar contundentes afirmacións a prol do amor, das viaxes, da lectura, da liberdade, etc., pero creo que estas mesmas palabras nos soan cada vez máis baleiras e, en bastantes casos, dan a impresión de servir de coartada. Ademais, que significan en realidade? Parece difícil encontrar alguén que diga que non lle gusta a música, o cine ou as viaxes. Ler, é certo, custa un pouco máis.

     Todo isto pode acabar parecéndonos superficial. Acaso, cando falamos de amor, non pensamos nun momento concreto, nunha persoa concreta. Entendémonos, sobre todo, a través de circunstancias particulares. Son elas as que de verdade conseguen que sintamos e que nos identifiquemos con algo. Proust dicía que unha obra de arte debe ser individual, aínda que ao principio non captemos a súa beleza.
 
Marcel Proust
     A min gústame a palabra “situacionismo”. Creo que os humanos vivimos situacións, entendemos a vida a través delas. Gústannos algúns libros, algunhas películas, certas cancións. Segundo o momento, o estado de ánimo e a calidade da obra.

     Por suposto, as abstraccións son importantes. A capacidade para elaborar conceptos xerais é unha característica dos seres humanos que os fai superiores a outras especies. Pero estou en contra de utilizar os valores xerais como desculpa ou como explicación que apenas explica nada.


     
     Volvendo ao inicio. Calquera das tres experiencias que mencionei daría pé, sen dúbida, a un debate. É máis, estes debates están moi de actualidade. Pero creo que serven para aclarar pouco, precisamente porque son demasiado xerais. Por exemplo, eu diríalle á miña filla que prefiro certos libros a certas series e tamén viceversa. Hai películas que son mellores que as novelas que as inspiraron. E tamén hai moitos exemplos nos que ocorre o contrario.


     Non me nego a facer comparacións. Aínda que, con frecuencia, resultan inxustas, tamén se pode aprender algo delas. Pere Gimferrer escribiu un libro ilustrativo no que compara o cine e a literatura. Comparando unhas artes con outras, uns medios e outros, descubrimos certos secretos técnicos que despois nos axudarán a desfrutalas. A ópera é unha arte moi completa e, polo tanto, un logro difícil. O psiquiatra, entrevistado en Faro, esquece que na internet o que facemos, fundamentalmente, é ler. Outra cuestión sería determinar en que aspectos a escritura virtual vai modificar o estilo da escritura e da lectura en papel. Tamén a novela substituíu, no seu momento e en certos usos, a poesía. Ou tal vez sería mellor dicir que a prosa restoulle espazo á versificación.


     Son todos eles aspectos interesantes. A realidade case sempre é máis accesíbel en termos concretos. A nosa intelixencia permítenos filosofar, pero é o concreto o que nos fai sentir.