TÍTULO: Unha última carta.
EDITORIAL: Kalandraka.
Unha última carta é un fermoso álbum ilustrado gañador do IX Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados, 2016.
Vén da man de dous autores gregos, Antonis Papatheodoulou (texto) e Iris Samartzi (ilustracións),
ambos recoñecidos tanto dentro coma fóra
do país heleno polos seus respectivos traballos en conxunto ou por separado. Ás
nosas letras chega grazas á tradución de
Manuela Rodríguez.
Os autores do libro |
A través dunha simbiose entre a palabra escrita e a plástica e empregando unha linguaxe poética coma fío condutor, os autores achéganlle ao público infantil esta fermosa historia cargada de humanidade.
O señor Costas
é o protagonista da mesma. É un carteiro que, despois de ter exercido a súa
profesión durante cincuenta anos, afronta o seu derradeiro día de traballo. O
que podería ser motivo de ledicia para a maioría dos traballadores, para
el non o é tanto porque o señor Costas
non é un simple repartidor de cartas, senón que se converte durante todos eses
anos de servizo no mensaxeiro da palabra escrita e fotografada, das lembranzas,
dos soños daqueles que non puideron ir á
escola e que el lles lía as cartas, dándolles vida ás letras impresas.
Todos os habitantes da pequena illa mediterránea na que vive, queren, respectan e admiran a súa teimosía de percorrer os camiños necesarios ata dar co destinatario da carta. O señor Costas é ben sabedor disto, por iso non vai entender o comportamento estraño dos veciños neste día tan especial. Será grazas a unha última carta cando descubra e reciba o froito de todo o seu esforzo de vida laboral compartindo.
O libro está concibido coma unha homenaxe á entrañable profesión do carteiro a pé, tanto no seu contido coma no formato, no que destacan as magníficas colaxes de Iris Samartzi con continuas referencias ao mundo postal. Ademais, a edición coidada por parte da Editorial Kalandraka fai do libro un obxecto atraente para calquera lector.
ALBA PIÑEIRO