jueves, 16 de julio de 2015

BOB DYLAN: ESA LENDA QUE SEGUE A SER UNHA LENDA. ELEGANTE, MOI ELEGANTE FOI O SEU CONCERTO EN MADRID.

     
Actuación de Bob Dylan en Madrid
  

     Vino unha vez máis. Gocei unha vez máis. Vibrei unha vez máis.

      Bob Dylan deu en Madrid un concerto primoroso. Se tivese que definilo cun adxectivo, ese sería elegante.
     Ao longo de dúas horas e cuarto (cun descanso de vinte minutos), Bob Dylan demostrou que segue a ser o artista musical por excelencia aos 74 anos de idade. Non hai ninguén coma el no universo musical.
     Sobrio, acompañado por unha banda magnífica, foi elevando á categoría de arte cancións coñecidas e outras non tanto. Coa súa levita beixe, o seu típico sombreiro claro e agochado na penumbra, Dylan creou un ambiente de intensidade vocal chea de maxia.
  
     

     Bob Dylan arrisca en cada un dos concertos (cen cada ano, máis ou menos) desa Never ending tour. Os seus músicos coñecen perfectamente os desexos do xenio de Duluth e soan limpos, brillantes, sabendo en cada momento o que deben facer. Dylan non tocou, como xa vén sendo habitual, a guitarra nin o teclado. Pero diante dun piano de cola e , sobre todo, coa harmónica conseguiu momentos excelsos.
     

     Así é Bob Dylan. Esíxese e esixe os seus admiradores. Non está disposto a aburrirse cantando as cancións de hai corenta anos do mesmo xeito. Non baixa o nivel. Coa súa voz cavernosa acada pasaxes dunha fermosura difícil de alcanzar polo resto dos cantantes. Dylan, a diferenza dos que non o escoitan habitualmente, non engana a ninguén. O Bob Dylan de hoxe é un artista diferente que foxe das multitudes, que consegue un intimismo profundo que me encanta. 

Entrada do concerto

     Por que hai que brincar, berrar e lanzar proclamas cando actúa? Quen se sente estafado é que non sabe polas rutas polas que transita o vello Bob e cal é a súa liña dende hai ben tempo. Agradecín estar sentado no Barclaycard  Center (vaia nome ao Pazo dos Deportes!) escoitando a música, as palabras que vomitaba con forza, as chiscadelas musicais que non faltan en ningunha actuación; gocei coa brillantez dos músicos, co escenario medio en tebras, coa iluminación axeitada para un concerto no que houbo de todo: country, blues, momentos case jazzísticos, swing, folk e rock.
     

     Bob Dylan é unha lenda e, xaora, un enigma que, moi a miúdo, sorprende e emociona. Quen non comprenda isto, que escoite os seus discos e todo arranxado. Inútil resulta andar con andrómenas que non teñen ningunha razón de peso.
   Repito que gocei coas cancións dos seus álbums Tempest  (principlamente) e Through life together, coas dúas cancións de Shadows in the night  e coa interpretación sublime de Simple twist of fate  baixo o influxo da harmónica e, mesmo, cos bises: marabillosos ese Blownin´ in the wind  ao piano, case descoñecido, e un penetrante Love sick.

     Non esaxero se digo que este de Madrid foi para min un dos mellores concertos do Bob Dylan actual. Velo tan enxoito, tan pouca cousa e comprobar como enche o escenario resulta fascinante.


No descanso da actuación do vello Bob.

     Non o podo evitar. Nin quero.
     Esa caixa de sorpresas que é Bob Dylan sempre estará ben preto das miñas inquedanzas. Non me importa que sexa arisco, nin que non dea unha palabra ao público, nin que ande con floreos demagóxicos. O que si me importa é que cante, que revolucione os seus propios temas, que faga da música arte (que é o que ten que ser), que cante sen tempos perdidos. En definitiva, que siga a ser ese artista que leva a música nas veas e que percorre medio mundo porque ten necesidade de cantar. Por diñeiro non o fai. Ten ingresos varios e inxentes para viviren el e os seus durante anos e anos sen necesidade de saír á estrada mes tras mes.
 
Con Susi e Antón.
     Bob Dylan leva significando para min moito. E, curiosamente, continúa sen perder nada da influencia que deitou un día sobre a miña persoa.

     Estas son as cancións que soaron en Madrid e eses son os músicos que forman unha banda xenial.


     CANCIÓNS  QUE  BOB DYLAN INTERPRETOU
                        Setlist
 
Things Have Changed
She Belongs to Me
Beyond Here Lies Nothin’
Workingman’s Blues #2
Duquesne Whistle
Waiting for You
Pay in Blood
Tangled Up in Blue
Full Moon and Empty Arms

DESCANSO




High Water (For Charley Patton)
Simple Twist of Fate
Early Roman Kings
Forgetful Heart
Spirit on the Water
Scarlet Town
Soon After Midnight
Long and Wasted Years
Autumn Leaves
——
(Bises)

Blowin’ in the Wind
Love Sick 





    
 BANDA:

Kimball, Sexton, Garnier, Dylan, Recile (tapado) e Herron.
Bob Dylan – piano, harp
Tony Garnier
– bass
George Recile –
drums
Stu Kimball –
rhythm guitar, maracas
Charlie Sexton
on lead guitar
Donnie Herron – banjo, electric mand

Los Lobos

          Non quero rematar estas liñas sen salientar a marabillosa hora de boa música que ofreceron Los Lobos que actuaron de 20.00  a  21.00. Esta banda liderada por David Hidalgo deu unha lección de música de alto nivel, con ese estilo tan variado no que predomina a música anglosaxona, pero como fillos de inmigrantes mexicanos, levan no seu repertorio unha variedade de estilo que os fai moi sólidos. Con influencias moi claras do rock, do tex-mex, do folk, sons caribeños, música tradicional de México, rhythm & blues, boleros ou norteños etc. posúen un repertorio rico, pouco usual e dunha calidade incuestionable. Un referente da mestizaxe musical de primeira liña.
     
     Estiveron moi atinados nas cancións escollidas, pero os momentos álxidos conseguíronos coa interpretación de La bamba  e Volver, volver.
     Un complemento ideal para unha noite soberbia.


          
E agora, aínda que a imaxe é deficiente, podedes ver-escoitar un dos bises de Bob Dylan no concerto: Love Sick.

                                                                                                               
Ademais, unha magnífica versión do tema Early Roman Kings do seu álbum Tempest, tamén no concerto de Madrid.

                                                                                              



                                                                                               ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO