miércoles, 24 de febrero de 2021

DARDO POÉTICO (LXXI) "Unha homenaxe a Rosalía de Castro no seu día"





Día 24 de febreiro, “Día de Rosalía”. Homenaxes, lecturas públicas, incidencia nos medios…Rosalía, nai e señora, poeta insigne, poesía universal.

    Eu tamén quero homenaxeala. Leo a Rosalía de contino. A súa obra completa está sempre encol da miña mesa de noite.  Leo e releo a Rosalía de Castro como unha necesidade vital. A través dela comprendo mellor as grazas e desgrazas do noso pobo galego. Acompáñame, acubíllame, faime sentir un ser cheo de enerxía e de ganas de facer cousas.

 


     Sempre estivo Rosalía na miña obra. Sempre hai uns seus versos entre os meus, verdadeira fonte de inspiración para a miña poesía. Síntome mellor persoa despois de ler os seus poemas. O seu carácter empúrrame a escribir e a desfrutar de emocións no cotián, mesmo cando a cor gris enzoufa o ambiente.

     


     En moitos dos meus poemarios a súa pegada vólvese evidente e eu téñoa presente decote.

     Velaquí tres poemas que xustifican o que digo. Velaquí un recitado ateigado de sensibilidade e agarimo pola poeta, pola muller.

 


     O primeiro poema pertence a Al hilo de la palabra, escrito en castelán, pero traducido ao galego para a ocasión. O segundo atópase en Caderno de fume e lévame a sentir as tristes badaladas de Bastabales que significaban a soidade para Rosalía. E o terceiro, de Na fogueira dos versos, parte de dous versos da autora.

     


     Oxalá todo o que se festexa neste día sirva para que se lea máis a Rosalía. Que non sexa unicamente unha faciana nas camisetas, nas cuncas, nas insignias. Que leamos unha autora que é un símbolo da poesía non só galega senón tamén universal.







                                                                                                                                    ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO