domingo, 10 de mayo de 2015

A NENA DO PARQUE: NOA, DÚAS DÉCADAS DESPOIS

Versos e aloumiños quere agradecer a Maria do Carmo Duarte, profesora de lingua portuguesa nunha universidade estadounidense, a súa colaboración desinteresada ao ternos achegado a súa lectura dun dos últimos libros de Antonio García Teijeiro, A nena do parque, que saíu do prelo hai só uns poucos meses. Tiven a oportunidade de coñecer a María do Carmo no transcurso dunha conferencia na que participei hai pouco, e vendo o seu interese pola literatura en galego, decidín agasallarlle un exemplar e falarlle da obra do autor. Moi interesada polo que lle contei,leu o libro e correspondeu con esta breve crítica, escrita orixinalmente en portugués pero que eu traducín ao galego. Muito obrigado pelo texto, cara amiga Maria! (Antón García-Fernández)

Alá polos primeros anos da década dos noventa, Antonio García Teijeiro publicaba Noa, un sinxelo e emotivo conto adicado á súa filla que saíu á luz en varias das linguas de España: ademais de en galego e castelán, o libro, que formaba parte da pioneira colección La Chalupa, de Edicións La Galera, apareceu traducido ao catalán, ao aranés e a dúas variedades distintas de vasco. En novembro do ano pasado, Edicións Embora publicou A nena do parque, unha edición revisada e ampliada por García Teijeiro, quen nesta nova versión escribe un relato sobre a base do anterior pero con unha chea de modificacións e engadidos que o modernizan e fan aínda máis interesante.

O que non cambia, xaora, é a mensaxe ecolóxica, de respecto pola natureza e de loita por un futuro mellor que xa caracterizara a primeira versión. Pero fóra diso, non hai dúbida de que a Noa que protagoniza este novo título da xa longa bibliografía de García Teijeiro creceu, como tamén creceu o texto. N'A nena do parque atopamos novos personaxes que non aparecían en Noa, e como adoita facer o autor, temos agora versos interpolados que van subliñando unha trama que xa por si mesma é ben poética.





O libro vai adicado a Noa e á pequena Libby
Porque está claro que García Teijeiro é un poeta, un dos de maior relevancia LIX galega de hoxe, e iso nótase ben tamén nos seus libros de narrativa. A nena do parque podería considerarse sen maiores problemas prosa poética, unha prosa lixeira que non é difícil ler, pero que fai pensar a nenos e adultos sobre temas sociais, políticos e artísticos de moita importancia. N'A nena do parque, a pequena Noa vese na obriga de loitar contra a incomprensión dos maiores, cuxas decisións teñen sempre que ver con intereses económicos e doutros tipos que, por sorte, non caben na cabeza sensible e bulideira dos máis pequenos. E a súa loita ten éxito porque nace do agarimo e da sensibilidade, da esperanza por un mundo mellor que move as accións dos nenos e as nenas, sempre dispostos a falar coas estrelas, as árbores e os animais. Así se vai construíndo o universo poético e literario de García Teijeiro, que con esta Nena do parque, reactualización daquela Noa, consegue emocionarnos e facernos ver o mundo a través dos ollos esperanzados e esperanzadores desta nova Noa.

                                                       MARIA DO CARMO DUARTE