Non
todo o mundo entendeu, no seu momento, o que as humanizacións das cidades
significaba. Oposicións de toda clase,
prioridade para coches e aparcadoiros, que se prexudicaba os comercios…
opinións sen o máis mínimo coñecemento do espírito que as devanditas
humanizacións contiñan.
Pasado o tempo, todos aqueles que se
opuñan tiveron que recoñecer a bondade dos proxectos.
Hai que loitar demasiado, nunha sociedade
bastante desinformada, para acadar resultados que, non o esquezamos, están pensados
para unha mellor hixiene mental dos cidadáns e para acadar unha mellor calidade de vida. Demasiadas barreiras
arquitectónicas para todos aqueles que teñan algunha dificultade, sexan
pequechos, anciáns ou discapacitados, gases tóxicos, contaminación acústica
infernal, beirarrúas convertidas en aparcadoiros habituais … Seguimos?
De acordo que se está a avanzar neste
terreo, pero aínda queda moito por facer.
E os nenos e nenas? A eles imos referirnos nesta ocasión. Pois o
teñen moi mal. Xa non se xoga na rúa, o autobús escolar róuballes unha chea de
tempo e os atrancos multiplícanse se os cativos queren gozar da cidade. Dependen
dos adultos en exceso, falta seguridade, as beirarrúas acostuman a estar
tomadas polos vehículos, as velocidades altas dominan a circulación, non se
respectan os pasos de peóns como se debería, a contaminación produce un aire
irrespirable, non se coidan os espazos de xogos… En fin, que as urbes non están
pensadas para vivilas en total plenitude.
Danse pasos, iso si, pero moi timidamente
e, pensamos, sen unha convicción auténtica.
Por todo isto (e moito máis) temos que
saudar con ledicia a publicación dun libro único, aberto, que aluma os escuros
recunchos da estupidez humana: “A cidade dos nenos” de Francesco Tonucci, editado
pola Editorial Kalandraka e, por fin, en galego, coa tradución de Mónica
Martínez Baleirón, Sonia Santos Ferreirós e Rut Vázquez González.
“A cidade dos nenos” viu a luz a finais de 1996 para presentar unha nova
filosofía de goberno na cidade. Eran os nenos os elementos clave e mostraba
como modelo os primeiros anos da experiencia en Fano (Italia). A experiencia
abriu camiños a outras novas en países como España, Italia, Arxentina,
Colombia, México, Perú, Uruguai e Chile, lugares onde Tonucci daba conferencias
que eran moi celebradas. A partir de todo isto creouse unha rede internacional
á que se foron sumando máis de 200 cidades.
Os nenos tomaron a palabra e levaron
adiante proxectos elaborados por eles.
“A cidade dos nenos”, libro interesante e
necesario, converteuse nunha guía que, directa ou indirectamente, ía marcar as
pautas para converter as localidades en lugares máis habitables.
Se falamos desta magnífica obra, diremos
que consta de tres partes.
-
A
primeira é “O proxecto”. Nela analízase un malestar existente no
desenvolvemento da cidade, o paradoxo dos servizos, os acordos entre adultos, a
solución individual da defensa, a solución social da participación, a primacía
do xogo, a soidade do neno…
-
A
segunda parte leva por nome “As propostas”. Explica o laboratorio de onde saen
o Consello dos nenos, os nenos planificadores, o neno no pensamento dos adultos,
a importancia de que os rapaces poidan saír sós da casa, que vivan experiencias
propias. Fálase dos accidentes domésticos, do conflito irresoluble coa
televisión, a renegociación da relación de poder entre o coche e o cidadán, os
aliados dos pequenos, un plan de urbanismo, a escola adaptada aos nenos e
moitas máis cousas.
-
Na
terceira, chamada As experiencias”, podemos ler cun enorme pracer o
desenvolvemento do proxecto en Fano (A cidade dos nenos), o Pleno municipal
aberto aos nenos, “policía, amigo deles”, un día sen coches, un selo de
calidade infantil para hoteis e restaurantes, “Eu e a miña cidade”: o cartel,
“á escola imos sós” e moitas máis experiencias, actividades, iniciativas que
xurdiron a partir da experiencia do Laboratorio de Fano e que non deben ser
consideradas como unha proposta integral, nin como un itinerario obrigado ou mesmo
recomendado. Pretenden ser un testemuño modesto, pero optimista, sobre as
posibilidades de realización dun proxecto contido na primeira parte do libro.
A edición galega cóntanos, ademais, as reflexións do alcalde de
Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores tras un percorrido pola cidade con
Frato (acrónimo de Francesco Tonucci). “A súa filosofía”, di o alcalde
referíndose ao pedagogo italiano, “estaba claramente definida: os ollos dos
nenos son os principais catalizadores das necesidades urbanas. Os nenos dan a
medida do que todos os demais
precisamos: máis espazos para o lecer, unha cidade máis segura, mellor
alumeada, con menos obstáculos para moverse, na que sexa posible a actividade
lúdica, unha cidade sen fumes e sen ameazas para camiñar ou xogar…”
Tamén Francesco Tonucci, nesta edición,
ten palabras de recoñecemento para o labor desenvolvido en Pontevedra como
cidade fermosa e habitable.
E interesante, xaora, o limiar do profesor
da Universidade de Compostela e membro de Nova Escola Galega, Antón Costa Rico,
quen nos achega a figura de Tonucci e a súa presenza en Galicia dende 1988 da
man de NEG, ademais de comentar os movementos cidadáns e pedagóxicos, as
políticas de desenvolvemento cultural, a psicoloxía ambiental e a aprendizaxe
do medio urbano, intensa preocupación do pedagogo italiano.
Modelo de multa dos nenos de Fano aos condutores maleducados. |
Lémbranos Antón Costa esas achegas a
través de viñetas nas que aparece un cativo coas súas reflexións (de neno). “A
sinxela profundidade destas reflexións, a tenrura e a presenza das emocións,
que se dan cita a partes iguais nestes textos e imaxes, engaiolaron moitos
lectores e lectoras, o que explica a gran difusión internacional lograda polos
textos de Francesco Tonucci”, afirma Costa quen nos recorda que Frato naceu
como banda deseñada e un pouco por casualidade; así e todo, semellaba que
podería expresar cousas non doadas de dicir só con palabras. Tonucci dirá del
que “é a miña man esquerda”.
Estamos, pois, diante dun libro, “ A
cidade dos nenos”, que en palabras de Norberto Bobbio “é un continuo eloxio da
fantasía, da creatividade, da liberdade, da intelixencia, da espontaneidade e
da extraordinaria abundancia de ideas e sentimentos do mundo dos nenos".
Eu, coma di Bobbio no prefacio desta
alfaia, quixera transmitir aos lectores e lectoras o meu agarimo, o meu
interese e as miñas emocións tras pasear pola cidade ideal, pensada por
Tonucci, para que se animen a gozar andando polas rúas dun ecosistema
equilibrado e libre de perigos, decidido a deixar de ser un inferno.
E, de paso, reivindicar esas cidades como
algo agradable, fuxindo de tantos discursos interesados que impiden gozar
destes espazos que nos pertencen e que tanto inflúen nas nosas vidas.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO