O auditorio "Mar de Vigo". |
Hai uns días estiven por segunda vez no
Auditorio “Mar de Vigo” escoitando a The
Soul Jacket, un magnífico grupo musical vigués que me gusta e que recomendo
vivamente pola súa calidade. Os dous discos que teñen no mercado son
excelentes. O segundo, Black cotton
limited, acaba de saír.
Anteriormente, uns anos atrás, estivera
gozando cun dos meus grupos favoritos, Wilco, nun concerto memorable.
Non me convence, en absoluto, a acústica
do auditorio. Pero iso é outro tema.
Antes de comezar a actuación dos Soul Jacket, observando o ambiente, a
rabia subiu moitos enteiros.
Veume á
mente, a negativa do Alcalde de Vigo a recibirnos a Manuel Bragado e a min para
propoñerlle que Paco Ibáñez cantase
en Vigo, dentro do proxecto “Vivencias” que celebra os oitenta anos do artista
e a saída do seu primeiro disco, dedicado a Lorca e a Góngora, hai xa cincuenta
anos. A calada por resposta, deixoume con moi mal corpo. Un tempo despois, fixen, tamén a través do
director de Xerais, unha nova solicitude para ser recibido polo rexedor vigués.
Pasaron varios meses e o silencio repetiuse.
Como podemos chamar a esta actitude de don
Abel Caballero? Que razóns pode ter
para non recibir a un escritor vigués que lle vai facer unha proposta sen máis?
Que non o vai presionar. Simplemente comentarlle que é Vivencias e a importancia que ten.
Recibir significa dicir que si? Ou significa escoitar? Non merece
Paco Ibáñez cantar en Vigo? Sabe o señor Caballero que está enchendo teatros de
maior importancia e prestixio que este infrautilizado auditorio noso? Que lle
dá medo ao Alcalde?
Cidades de maior entidade que Vigo,
acollen con agarimo e entusiasmo os concertos do trobador máis importante do
noso país que percorre Europa e América.
O proxecto Vivencias brilla en París, en Barcelona, en Sevilla, en Donosti e,
ao longo de 2015, en moitos puntos de España, América e Europa.
Pero Paco Ibáñez non cantará en Vigo. Nin
sequera o señor Caballero tivo a decencia e o respecto de escoitar os meus
argumentos, que son moitos e variados, para saber algo máis do que se lle
quería propoñer.
Talvez será que non lle dá os votos
suficientes a un dos alcaldes máis populistas que tivo esta cidade. (E logo
permítense o luxo de chamar así a Podemos.
Que descaro!).
Onde está o seu labor cultural na cidade?
Dá noxo, mágoa e moito máis. A cultura
en Vigo sobrevive grazas aos esforzos e á creatividade de tantas persoas que
non pensan en axudas de ningún tipo e que loitan contra todos os atrancos que
lles poñen as institucións.
A cultura en Vigo medra malia as actitudes
negativas de persoas como Abel Caballero, que se chaman progresistas, e manchan
tal denominación. Socialistas? Por favor. Que tristeza! Se Pablo Iglesias (o
fundador do PSOE, xaora) levantase a cabeza sentiría vergoña. Non se diferencia
en nada dos seus rivais políticos. Busca votos e renuncia ao progresismo que se
lle supón como membro dun partido que leva nas súas siglas socialista e obreiro.
Mágoa.
E pensándoo ben, que podemos esperar dun
alcalde que se nega a derrubar a vomitiva Cruz de los Caídos, despois dunha
sentenza xudicial, unha lacra nun lugar tan fermoso como o monte do Castro.
Aínda lembro a vergonza allea que sentín cando nunha canle nacional de
televisión (coido que era La Sexta)
este alcalde fixo o ridículo máis espantoso intentando xustificar o que non
tiña ningunha xustificación. Xa o dixen: votos a calquera prezo.
Así nos vai.
Pois ben, Paco Ibáñez non cantará en Vigo.
A nosa cidade quedará fóra dun proxecto impresionante que vai máis aló do
meramente musical.
Grazas, señor Alcalde, polo respecto amosado.
Grazas, señor Alcalde, por afogar os
intentos de que Vigo figure nun evento desta magnitude.
Grazas, señor Alcalde, pola súa
sensibilidade perante un cidadán vigués, escritor, conferenciante, profesor,
que ama a súa cidade e que simplemente quería falarlle dun proxecto cultural
dun valor indubidable. Porque Paco Ibáñez elixira Vigo para un concerto
importante.
Grazas, señor Alcalde, por querer
escoitar simplemente o que lle agrada escoitar. Pola súa prepotencia.
Grazas, señor Alcalde, no nome de Paco
Ibáñez, da poesía, da música, da palabra, por ser tan sensible aos actos
culturais. E non crea que Paco está acabado. Quizais a súa ignorancia neste
tema o leve a crer iso. Canta mellor que nunca.
Grazas, señor Alcalde, por non ter
asistido á presentación, no seu día, da antoloxía “Un rato díxolle á lúa”, na
que si estivo desinteresadamente Paco Ibáñez, o presidente da Academia Galega,
Xesús Alonso Montero e un concelleiro do seu equipo de goberno. Por certo, moi
entusiamado. Supoño que Paco Ibáñez, pensa vostede, pode restarlle algún voto.
Que mal informado está. E digo mágoa, no tocante á súa presenza, porque o
coñecería persoalmente e tiraría conclusións diferentes das que se axitan no
seu maxín.Paco Ibáñez non é un calquera e vostede debería sabelo.
Señor Alcalde, Paco Ibáñez é un artista de
culto, pero, por riba de todo, é unha persoa xenerosa, honesta, consecuente,
cos brazos abertos aos demais e coa xustiza social por diante. Non quere
premios nin distincións (renunciou a moitos), senón o aplauso do público. É un
home de ben. Un exemplo a seguir, pois cre no que fai e non se afastou da
autenticidade nin un milímetro ao longo dese medio século de vida artística agasallándonos
coa poesía na súa voz.
E vostede? Pode dicir o mesmo? Non son quen
de responder. Alá vostede e os seus actos. Mais laméntoos.
Siga, siga, señor Caballero, co seu
programa en Localia. Siga escoitando parabéns. Que continúe subindo o seu ego e siga a falar só con quen lle conveña. Esa vén sendo a súa liña.
Seguramente gañará as eleccións
municipais. O seu populismo resulta bochornoso. Pero que non lle caiba a menor
dúbida: deixará varios borranchos ben grandes na súa xestión. O adxectivo
“socialista”, tan respectable, hai ben tempo que o deixou polo camiño, se algunha
vez creu nel.
Un xa ten serias dúbidas.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO