viernes, 2 de enero de 2015

"VERSOS E ALOUMIÑOS" ACADA AS 100.000 VISITAS CANDO REMATA 2014.

     Cando, alá polo verán do ano 2008, varios meses antes de casar e durante unha visita dunhas semanas a terras viguesas, á miña muller, Erin, e mais a min ocorréusenos comezar un blog sobre o traballo literario do meu pai, tiñamos no maxín unha idea totalmente diferente do que sería este proxecto. Sabiamos xa que ía chamarse Versos e aloumiños, pero naqueles intres pensabamos neste blog simplemente como un medio para facer pública información sobre a obra de Antonio García Teijeiro e as súas actividades literarias, que por entón eran xa moitas e levaban ben tempo a ter lugar.

      E así foi o blog durante os primeiros anos, coa publicación de poucos artigos que falaban sobre todo dos últimos libros seus publicados, dalgunhas das súas viaxes literarias polo mundo (a Colombia, por exemplo) e das súas aparicións en público para dar algunha conferencia ou presentar algunha obra propia o dalgún amigo.


      Mais velaquí que o interesado pasou un tempo problemático no eido persoal, e os médicos, con moita cabeza, prescribíronlle, xunto ás medicinas, unhas pequenas doses de literatura, argumentando que escribir ía axudarlle a mellorar o seu estado de saúde. Foi entón cando o propio Antonio tomou o mando do blog, case sen querer, case tendo os demais que obrigalo, pois é el unha persoa moi modesta á que non lle gusta falar moito de si. É unha persoa profundamente agarimosa e sentimental, que non goza coas cousas se non as comparte, e por iso precisamente, para poder gozar co seu traballo en Versos e aloumiños, converteuno nun espazo compartido, onde non só se fala das súas obras e das súas teimas, senón que Antonio dá a oportunidade aos seus amigos (que son moitos e bos, e repartidos polo mundo adiante) para que se expresen no blog, sen distinción de temas (culturais, xaora) nin de linguas (con preferencia do galego, iso si), facendo del un lugar de encontro cultural e humano moi especial e, diría eu aínda máis, moi necesario.

      E hoxe, tras máis de seis anos de vida, as tecnoloxías cibernéticas din que Versos e aloumiños acadou as 100.000 visitas, e por iso queremos dar as grazas a todos aqueles e aquelas que, ao longo dos anos, teñen participado activamente no blog ou teñen lido os seus contidos con maior ou menor asiduidade. Todos eles e elas contribúen a que este proxecto tan fermoso e cheo de calor e agarimo siga adiante. Son absolutamente necesarios. Este é un blog-revista que facemos entre persoas vencelladas afectivamente e que amamos o feito cultural no seu estado máis puro.

     E Erin e mais eu, persoalmente, queremos agradecer ao propio Antonio que teña tomado a nosa idea primixenia para trocala en algo que endexamais pensamos que puidese tomar forma e chegar a ser o que é hoxe. Parafraseando ao gran Irving Berlin, seguiremos adiante mentres haxa música, amor, amizade e literatura.

                                                                                   ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ