sábado, 31 de mayo de 2014

ESCAPARATE POÉTICO (XXXVII). Marta Dacosta (2)






MARTA  DACOSTA (2)   (Vigo, 1966)



abrir unha ventá
ao sol da mañá

Marta Dacosta
confirmar que o día trae
calor para as horas
unha liña rubia no horizonte
salgada para a lingua

abrir o corpo
a través dos pulmóns
desexosos de inundarse
do frescor da mañá

sentir que o tempo vai amodo

que non xogamos ás sorpresas
imposíbeis

que o soño foi semente

que o día agroma


…………………………………….

Así?
Con catro versos
vou escorrentar
a escuridade?

………………………………………


verdade?
que verdade?

a que constrúen as palabras falsas dos covardes
os seus berros dislocados e caníbales
desmesuradas murallas contra a luz?

alimentareime da sombra diagonal
que protexe a fonte baixo os pradairos espidos

do silencio
que foxe do seu veleno incendiado
onanista, cultivado
en horas

infértiles





( Do libro dun lago escuro, editado por Edicións Xerais.2014. Premio Johán Carballeira de Poesía)