jueves, 15 de mayo de 2014

UN ENCONTRO POÉTICO CON VARIAS CONNOTACIÓNS ESPECIAIS



     É tempo de encontros cos lectores e lectoras.
    
      Despois de case dous anos sen facelos, entrei, de novo, nesa dinámica do contacto directo con nenos e nenas que len poesía, que xogan coa poesía, que se entusiasman coa poesía e que comezan a escribir versos.
      
     Gústame que pasen estas cousas. Levo ben tempo loitando para que a ilusión polo poético chegue a todos os recunchos posibles.
      
     Labor arduo, pero indispensable na miña vida.
      
     Fareino ata que xa non poida máis. Se non o fixese, sentiría algo que non me permitiría atoparme ben comigo mesmo.
     
      E, aínda que non teña que ver directamente co que estou dicindo, vou deixar aquí, para celebrar o Día das Letras Galegas, uns versos de Xosé Mª Díaz Castro, a quen celebramos nestas datas.
    
     Trátase do poema Nimbos, que dá título ao seu poemario máis coñecido.



Se é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,

das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morto xove, dalgún soño.

    
     Aí quedan tan fermosos versos. A poesía decote preto de nós.
    
     Estaba a comentar a necesidade de que os nenos e nenas estean preto da poesía. Encántalles. Gozan con ela. Si, iso ocorre se o mestre/a achégallela con agarimo, emoción e intelixencia.
    
     Falarei máis polo miúdo dentro dun tempo dos encontros. Apetéceme.
     Hoxe limítome a reflectir a miña alegría por visitar o CEIP “García Barbón” aquí en Vigo.
    
     Efectivamente, este centro público posúe unhas connotacións moi especiais para min.
    
     Por unha banda, lembro o inmenso labor, case único, que o meu amigo Xesús R. Jares, levou a cabo hai moitos anos, aqueles nos que era o director do centro. El loitou por poñer os alicerces dunha escola participativa, aberta, sen violencia e que educase para a paz nuns anos ben difíciles.
    
Xesús R. Jares
     Cada día que pasa, a necesidade de persoas como Suso Jares faise imprescindible. Que pouso deixou en nós! Que filosofía tan humana foi inculcando a todas as persoas que tivemos a sorte de estarmos preto del!
    
     Estou seguro de que, onde queira que estea, Xesús R. Jares terá un ollo (ou os dous) posto nesta sociedade que non sabemos cara a onde camiña entre a apatía e a dirección que lle están a marcar persoas sen escrúpulos.
    
     Como o boto de menos, nestes momentos de destrución dos máis fundamentais dereitos humanos, sociais, que están a ser coutados pola irracionalidade dun goberno infame!
    
     Como me gustaría falar con el (como fixemos tantas veces) do que está a suceder nun país que perde día a día, sen cesar, aqueles pasos adiante que tanto custou dar! Que lamentable espectáculo!
    
     Suso, meu amigo, pasa o tempo e sinto máis o baleiro que deixaches en min. Están a roubarme as palabras, mesmo as que poderían servir para definir este caos inducido que estamos vivindo.

     Vou cambiar de tema. Prodúceme tristeza todo isto. E debo dicir que a presenza de Xesús Jares acompañoume en silencio toda a mañá nesta visita.

Noa e Antón en Nashville, o día da graduación deste último.
     A outra razón do meu agarimo polo “García Barbón”  é que neste colexio estudaron os meus fillos Antón e Noa. Dous nenos que neste centro público atoparon camiños que foron seguindo nunha das primeiras etapas da súa existencia.
    
     Hoxe son un home e unha muller cultos, honestos, sensibles, comprometidos coa vida e fan que, como pai, me sinta moi fachendoso das súas traxectorias persoais.
    Ai, os mitos dos “grandes” colexios!
    Ai, a estupidez humana, tan presente na educación e na formación dos fillos!

     Pois fun ao “García Barbón” e alí estaban Filo (que deu clase a Antón e a Noa) e Marga, as mestras, que realizaron un traballo magnífico cos seus alumnos de 3º A e de 3º B.Foi un encontro de verdade. Coñeceron o rato Honorato, conteilles a súa historia, pasaron as probas poéticas con nota, recitaron poemas, leron traballos feitos nestes meses, gozaron, en definitiva, da palabra poética. Foi unha festa  da poesía.
    

     E visitei a Biblioteca (magnífica!) e vin, despois de moitos anos, a Bea Rodríguez, que fora alumna miña e bibliotecaria cando tiña doce, trece, catorce anos. Unha auténtica sorpresa.
     ¡Que alegría vela tan satisfeita do seu traballo, da súa vida!
    
     Asinei libros, sentín o agarimo dos rapaces e rapazas e sentinme moi ben. Deille, ademais, uns bicos a Beatriz Fraga, mestra e escritora, sempre tan agarimosa,que me agasallou un fermosísimo conto e que aproveitei a ocasión para pedirlle unha nova colaboración para Versos e aloumiños.
    
     En fin, un día de sol radiante que brillou máis, se cadra, por todo o vivido no centro.

     Así que vou poñer deseguido, uns traballos deste alumnado entusiasta e “tocado” pola maxia poética. Unha mostra de que, cando hai autenticidade no que se fai, conséguense bos resultados.
    
     E recordemos que non se trata de “facer poetas” senón de intentar que a poesía non resulte para eles algo raro e estraño. Que poidan medrar con ela e, endexamais, de costas a algo que vai ser beneficioso para a súa formación.
    
      Xa o dixen. Foi un verdadeiro pracer!

                    
                         As dúas primeiras follas pertencen ao grupo de 3º A e as dúas seguintes ao de 3º B.










                                                                                                                       Antonio García Teijeiro