Dende sempre, Europa ten sido un refuxio para os grandes do
jazz estadounidense, dende Coleman Hawkins ata Ben Webster, pasando por Dexter
Gordon, Benny Carter, Sidney Bechet e tantos outros, algúns dos cales mesmo se
afincaron no Vello Continente porque atoparon alí unha audiencia receptiva á
súa música. Así, tamén dende sempre, a escena jazzística europea ten producido
músicos dunha enorme calidade, especialmente nas Illas Británicas, Francia,
Holanda e Escandinavia: os máxicos Django Reinhardt e Stéphane Grappelli, o
máis academicista Humphrey Lyttelton, o sempiterno xigante do contrabaixo
Niels-Henning Ørsted Pedersen ou o noso excelente Tete Montoliú son só algúns
exemplos notables. Como viquingos musicais que somos, hoxe imos viaxar cara ao
xélido norte de Europa—xélido é unicamente o seu clima, non a súa música—para
descubrir a Arne Domnérus, a quen moitos chaman “o xefe do jazz sueco”, un
verdadeiro mago do clarinete e do saxo tenor cunha longa carreira tanto en
Europa coma nos Estados Unidos e un home que ten compartido escenario e estudio
de gravación con algúns dos grandes do jazz, entre os que se atopan Charlie
Parker, Clifford Brown ou Jimmy Rowles. Aí vai iso!
Nado en Estocolmo en 1924, o pequeno Arne interesouse axiña
pola música, en especial polo clarinete, aínda que despois pasaría a estudar
saxo tamén, e remataría sendo un mestre en ambos os dous instrumentos. Nos anos
corenta, Domnérus era unha presenza constante na Expressens Elitorkester, unha
banda formada, coma o seu nome indica, pola elite do jazz sueco, cuxos
compoñentes ficaban á discreción (e bo gusto musical) dos lectores do diario
Expressen. Mais, sen dúbida, o intre máis salientable dos seus primeiros anos
como músico foi a súa aparición nun festival de jazz en París en 1949. O seu
estilo cálido e cheo de swing impresionou o público aquela noite, e
particularmente a un tal Charlie Parker que andaba por alí cos oídos ben
abertos. Cando Bird realizou unha xira por Escandinavia pouco despois, non
dubidou nin un segundo en contratar a Domnérus como acompañante, e por fortuna,
temos rexistros sonoros desa colaboración.
Entre concertos en diversas partes do mundo e actuacións
xunto aos mellores músicos estadounidenses cando se atopaban de paso por
Escandinavia, Domnérus tivo aínda tempo para formar parte de varios grupos de
jazz organizados pola radio sueca durante máis de dúas décadas, ademais de
compoñer música para a televisión e o cine. Pero o que realmente lle gustaba a
este home apaixonado polo jazz era o escenario, e na meirande parte dos seus
concertos en vivo aparece acompañado por algúns dos mellores instrumentistas de
jazz de Suecia, entre eles Lars Gullin ao saxo barítono, Rolf Ericson á
trompeta e Bengt Hallberg ao piano. O resultado é sempre unha música de
indiscutible calidade, e moitas das gravacións contidas na súa extensa
discografía constitúen exemplos perfectos do máis interesante que o bop
escandinavo e europeo tiña que ofrecer. A súa popularidade en Escandinavia,
onde o jazz ten gozado sempre dunha aceptación masiva, levouno a facer xiras
polos Estados Unidos e tamén por Xapón (outro país de notable tradición
jazzística) e a participar en sesións xunto a Jimmy Witherspoon e Clark Terry,
entre outros. Domnérus amosou sempre un profundo interese pola música de Duke
Ellington e gravou máis dun disco adicado ao Duque, pero a partir de finais dos
anos setenta, a influencia dos concertos sacros de Ellington levouno mesmo a
tocar e gravar en directo en diversas igrexas, ao tempo que o seu son comezou a
tinxirse de influencias da música tradicional escandinava. Aínda que os seus
derradeiros anos estiveron marcados por unha saúde feble, Domnérus seguiu a
producir discos interesantes case ata a fin da súa vida. Faleceu na capital
sueca en 2008, recoñecido como un dos grandes do jazz europeo e como unha das
inspiracións para as novas xeracións de músicos de jazz escandinavos, cunha
obra sólida tras de si que paga a pena descubrir.
E para facelo, o mellor lugar para comezar é o que os
criticos salientan como o seu mellor traballo: Jazz at the Pawnshop. Rexistrado
en 1977 no Pawnshop Club de Estocolmo, este disco representa un dos puntos máis
álxidos da carreira de Domnérus, ilustrando o seu estilo persoal, a metade de
camiño entre o swing e o bop, mesturando composicións propias con clásicos coma
“Limehouse Blues”, “Lady Be Good”, “Stuffy” ou “Everything Happens to Me”. O
noso home amosa o seu virtuosismo ao clarinete e ao saxo tenor, e está
acompañado por Bengt Hallberg ao piano, Lars Erstrand ao vibráfono, Georg
Riedel ao contrabaixo e Egil Johansen á batería. Todos eles gozan de espazo
para improvisar, con abundantes solos ben imaxinativos e sorprendentes, diante dun
público sempre respectuoso e entusiasta perante o que está a presenciar no
pequeno club. O disco vendeu máis de medio millón de exemplares (podo adiviñar
xa a expresión de incredulidade na faciana de quen estea a ler isto, pero podo
asegurarvos que non, que Domnérus non participou nunca no Festival de
Eurovisión e que ningún dos compoñentes de ABBA fai un cameo no disco; é só
que, como sabemos, “Sweden is different”) e levou á discográfica a editar máis
elepés procedentes destas sesións en vivo. Todos eles están recollidos nunha
caixa de tres CDs e un DVD publicada en 2009 por Proprius Records co gallo do
trixésimo aniversario destas gravacións xa lexendarias. Este é o punto de
partida perfecto para quen desexe entrar no universo musical de Arne Domnérus,
unha viaxe en clave de jazz que recomendo vivamente e que non ha defraudar a
ninguén.
Aínda que os vídeos de Arne Domnérus non son multitude,
déixovos aquí un, gravado durante un concerto en París no ano 2000, no que Arne
toca “When Lights Are Low”, o clásico de Benny Carter, acompañado por Claes
Crona ao piano. Unha verdadeira delicia!
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ