TÍTULO: Un
máis.
AUTORES: Olalla González ( texto) e Marc Taeger (
ilustracións)
EDITORIAL: Kalandraka.
A editorial Kalandraka
achégalles aos primeiros lectores este fermoso e suxestivo álbum ilustrado
da man da mestra e especialista en animación á lectura Olalla González e do artista
suízo afincado no Morrazo Marc Taeger.
Un máis formula a chegada dun novo membro á familia e os
cambios que isto supón, non só a nivel físico por parte da nai, senón tamén
anímico ao espertar o interese de todos os membros ante a expectativa da futura
vida.
A trama parte
cando o protagonista do conto o pequeno
coello se decata de que a súa nai presenta unha barriga que antes non tiña.
Daquela, decide preguntarlle a que se debe,
e ante a noticia de que vai chegar un irmán, vai compartila cos seres
máis próximos da súa contorna para ver se eles saberán dicirlle a data concreta
do seu nacemento.
Así que, deste
xeito, lles pregunta ao Picapau, ao pequeno esquío, ao oso grande e mais á ovella.
Todos amosan a súa ilusión e solidariedade preparándolle algún agasallo.
Cada
resposta faille medrar a emoción e ábrelle as portas da imaxinación ao soñar co
que poderían xogar, facer... cando sexan un máis.
As distintas paisaxes estacionais
reflectidas nos soños axudan a que os primeiros lectores teñan conciencia do
paso do tempo ata a chegada do gran día onde ao pequeno coello lle agardan varias sorpresas.
O feito de que a súa estrutura sexa
repetitiva e acumulativa atrae a atención do lector, que axiña se identifica co
protagonista e déixase levar por toda unha amálgama de sentimentos onde a
tenrura e a ledicia están presentes.
As vivas ilustracións supoñen a lectura
plástica do texto xogando coa combinación de cores nas escenas reais e a
monocromía nas correspondentes aos soños do protagonista.
ALBA PIÑEIRO
ALBA PIÑEIRO