martes, 24 de mayo de 2022

LOA DE XOSÉ COBAS ESCRITA E LIDA POR ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA

Xosé Cobas, Carmen Fouces e Marica Campo

 

Foi un pracer para min escribir unha loa sobre Xosé Cobas e a súa obra.

En efecto, a XXXIII edición do Salón do Libro de Pontevedra case pechou as súas portas coa homenaxe a unha escritora, Marica Campo e a un ilustrador, Xosé Cobas, pola súa contribución ao engrandecemento da nosa LIX que, por certo, goza dunha saúde extraordinaria. Carmen Fouces, concelleira de Cultura, fixo de mestra de cerimonias.

Soledad Felloza fixo un sentido texto sobre a poeta Marica Campo e a min tocoume -cun enorme pracer- falar da miña relación e da obra dun grande da ilustración galega.

Para que se poidan coñecer as miñas palabras, Versos e aloumiños recolle o texto íntegro dunha loanza sincera arredor dunha gran persoa e un artista dun altísimo nivel.

Agardo que vos guste.


Lendo a loanza sobre Xosé Cobas


                   LOANZA DUN POETA DA IMAXE: XOSÉ COBAS

 

                        Salón do Libro de Pontevedra. 26 de marzo de 2022


No ano 1994 comezou a producirse un milagre do que eu descoñecía a transcendencia que tería no futuro.

Saía do prelo un meu libro de relatos, Fantasía en Re Maior, que estaba ilustrado por alguén que eu non coñecía daquela: Xosé Cobas.

Non pensaba eu naquel intre que era un sinal que anunciaba a aparición na miña vida literaria -e tamén na persoal- dunha persoa que faría, anos despois, que os meus poemarios tivesen un aura especial e marcasen un antes e un despois da súa participación nos mesmos, grazas á súa maxia creativa e ao seu xeito brillante de entender a miña poesía.

Asomaba a maxia creativa dun artista singular. Era a maxia de Xosé Cobas.

Dende o principio, os meus poemarios con el convertéronse noutra cousa. Cobas ten un concepto poético, tan sutil e rico, que proporciona á palabra poética uns aloumiños estéticos que a salientan cun halo misterioso e sedutor.

Si, porque Xosé Cobas ten o poder de levar da man palabra e imaxe, co obxectivo de que transiten xuntos polo camiño da beleza.


Xosé Cobas no acto

Pasaran 15 anos , era xa 1999, a piques de rematar o século, cando Cobas ilustrou o meu poemario Caderno de fume. E nel, malia ser un formato pouco vistoso, xa deixou o seu selo persoal de ilustrar poemas. Cos anos foron máis e a constatación evidente de que este home tiña unha maneira singular de enfocar o seu labor artístico nos meus textos. Cada poemario meu que ve a luz da súa man convértese nunha festa dos sentidos.

Eu estou convencido de que Xosé Cobas é un narrador visual. Estou convencido, así mesmo, que é un poeta da imaxe. Poesía que deita nas diversas formas de crear, tanto sexan carteis, poemarios, narracións ou pinturas. Algo ten este home que cando se enfronta a un texto ou a unha idea non tarda en visualizar o máis fondo de ambos e convertelos nunhas imaxes sedutoras e poderosas que os enriquecen. É quen de facer unha lectura persoal brillante que nos enmeiga cos seus fondos tan sutís, coa concepción perfecta de obxectos e personaxes colocados nese espazo que crea ou coas materias que emprega.

Nada en Cobas é casual. Cando pinta, debuxa -ou sexa, crea-, axiña notamos unha técnica descomunal. Cobas coñece -e ben se nota- os grandes artistas plásticos de todas as épocas, bebe neles e é capaz de converter o alleo en persoal a través da capacidade de entender textos ou impulsos para acadar un estilo recoñecible, tan orixinal como inconfundible.

Dos escritores estariamos falando da “voz literaria”.

Abrazo emotivo ao remate da loanza

De Cobas eu diría a “voz estética”, porque ten unha formación artística que fai máis rico o seu labor.

Sempre notei nos traballos de Xosé nos meus libros -e nos dos demais- un respecto claro polas miñas palabras. Pero tamén a arte debe ser fiel aos seus principios de sensibilidade, visión e estilo persoal.Cando Cobas ilustra os meus poemarios, apelo á liberdade de artista que posúe. Nin lle digo nada nin lle trazo carreiros. Sei perfectamente o que dá de si e sei que vai enriquecer o texto dende unha mirada de seu, nunha dialéctica intelixente entre as palabras e as imaxes.

Hai sombras marabillosas nas pinturas de Cobas. Sombras que nacen da fascinación, seino, polo silencio e polo misterio que configuran a súa obra.

Admiro a obra silenciosa de Xosé Cobas. Nela atopamos unha auréola de calma e acougo poético que acariña. Os seus símbolos, os trazos, a xénese dun universo suxestivo, as formas inacabadas, as metáforas plásticas conseguen enriquecer os diversos conceptos estético-literarios aos que se enfronta.

A min prodúcenme serenidade as súas mostras pictóricas. Será talvez por esa estética do silencio -sen aire que mova as pólas das árbores- que procura, como el mesmo afirma “esa estética do silencio, porque o silencio como tal é coma o branco e o negro absolutos, non existe”. Pero tamén por como trata a luz dun xeito maxistral.

Cando un le estas reflexións, non pode menos que emocionarse e comprender a fondura da súa obra. De aí, a través das imaxes de Cobas, a súa complicidade co mundo que o rodea. Hai no seu traballo ausencia de ruído. Hai silencio metaforizado, coma el di, e moita imaxinación. Dálle á realidade uns matices ricos e reflexivos que a fan obxecto de ser admirada.

O universo de Xosé Cobas é inabarcable. Faltaríanme horas e mesmo palabras para ser xusto cun home bo e xeneroso, ademais de grandísimo artista. Pero o tempo é finito e quero deixar patente a súa lealdade cos seus amigos e amigas, exemplificada na amizade que mantivo co entrañable e irrepetible Xabier P. DoCampo, que moito creu en Cobas, a partir das súas felices colaboracións literarias. Porque Xosé Cobas – o “compañeiro”, como me di cando falamos por teléfono- é un ser sensible, honesto e intelixente, tanto na súa vida persoal como no xeito de entender a arte.

Síntome identificado con el cando afirma que na súa casa nunca lle favoreceron a súa vocación de artista. A min, tampouco me animaron a ser escritor.

E xa ves, prezado Xosé, non nos foi tan mal.

Remato, por fin,  cuns versos improvisados dedicados a ti e a Ánxeles, como non! con todo o meu agarimo.

Entre a metáfora

  e os silencios

fuches enchendo

            de cores

                  mil espazos baleiros

Luz, calma, negro.

Dozura, amor, misterio.

Pinceis, materia, aire.

E máis silencios.

Fermosos e doces momentos.

                                                         

           

Ao final do acto: Xosé Cobas, Carmen Fouces, Soledad Felloza, Marica Campo e Antonio García Teijeiro