jueves, 26 de mayo de 2022

ENCONTROS 2022 (5) : CEIPS "Virxe do Rocío" e "Alfonso R. Castelao", en Vigo

 




Dous encontros diferentes neste mes de maio.

O primeiro tivo lugar no CEIP “Virxe do Rocío” con nenos e nenas de 1º de Primaria.

Moi adiantados, tanto que leron e traballaron Poemar o mar.

O encontro amosou o enorme traballo relizado polo profesorado perante un poemario. Un é feliz cando ten coñecemento de que se prescriben libros de poesía nas aulas. Non é habitual. Segue a haber moito medo diante dos textos poéticos.

Lemos, xogamos e apareceulles Maaaartiño, o monicreque mariñeiro, pescador de letras, que fixo a delicia da rapazada.

Houbo un vídeo realizado na aula, no que os pequenos recitaron un poema por grupos.

Moi interesante foi tamén o labor de recreación dun poema que eu escribira especialmente para o centro uns meses atrás. Nenos e nenas fixeron poemiñas moi lindos.

Velaquí o poema:

 

EN VIGO

 

                                Para o CEIP Virxe do Rocío

 

Andaba o Sireno

na Porta do Sol

lembrando sereas

á luz dun farol.

 

Cen barcas deixaban

na ría de Vigo

de prata, ronseis;

cantigas de amigo.

 

Os nenos e nenas,

cos lapis nas mans,

pintaban Samil

soñando o verán.

 

E cando á tardiña

renace o solpor,

envólvense as Cíes

de maxia e de cor.

 

Uns días de inverno

a choiva caía

no monte do Castro,

na ermida da Guía.

 

E mil algaradas

enchían as rúas,

as costas, o porto,

os parques e a lúa.

 

Ai, Vigo, cidade,

cidade fermosa,

co rostro de seda.

Cidade de ferro

moi viva e moi leda.

 




O segundo encontro tivo lugar no CEIP “Alfonso R. Castelao”. Cincuenta nenos e nenas de 1º de Primaria coñeceron a historia de Honorato, un rato namorado da lúa, que, tras aparecer na rúa metido nun calcetín, vive na biblioteca da miña casa e escribe versos coma os do gran poeta Frederick.





Leron e seguen a facelo, o libro Honorato, o rato namorado, editado por Xerais.

Recitados, xogos orais e a visita final de Maaartiño, o pescador de letras, ocuparon unha hora gozosa de literatura.