miércoles, 18 de mayo de 2022

AUDIO DO "PARLADOIRO DAS LETRAS " NA ESTRADA NO TEATRO PRINCIPAL. UN ACTO EMOCIONANTE.

 

Con Pablo García, o moderador.


Foi un acto emocionante o vivido a finais de marzo de 2022 na Estrada. No “Parladoiro das Letras”, unha iniciativa brillante do municipio estradense cun enorme Xosé Lueiro á cabeza, hai un especial agarimo polos autores e autoras que, ao longo dos meses, van pasando polas butacas do Teatro Principal para conversar cun moderador ou moderadora arredor das súas obras e das súas vidas.

 

Contestando a unha asistente ao acto

O que eu sentín neste acto foi a sensación de que estaban a homenaxearte. Encantoume. Canto respecto e interese por salientar o teu labor!

Non puiden estar máis a gusto no escenario deste teatro que cumpre 75 anos. Un proxecto que dignifica as institucións.

Moderou o acto con mestría Pablo García e por este espazo tan acolledor foron pasando persoas que, sentadas ao teu carón, che facían preguntas de moi diversa índole.

Lendo un poema de "Bicos e non balas"

Uns vídeos de persoas próximas a ti, nos que che facían preguntas e falaban do teu quefacer literario, daban moito máis contido ao acto. Por aí apareceron Ledicia Costas, Fran Alonso ou Andrea Jamardo e aí proxectaron a miña lectura do poema Que as traia de novo no Festival Internacional de Poesía celebrado en Medellín.

Ledicia Costas a través do vídeo


Non puido ser máis entrañable. Falei, recitei, respondín, agradecín...

E, por se fose pouco, a sorpresa da interpretación de Pomba, na guitarra e na voz de Manoele de Felisa, quen compuxo a melodía sobre o meu poema, provocou en min unha emoción inagardada. Unha verdadeira alfaia.

Manoele de Felisa cantando "Pomba"


Non esquezo o cadro precioso cun meu retrato realizado pola admirada Sara Valcárcel.

Todo resultou perfecto ese serán na Estrada.


Ao remate do acto con Manoele, Pilar, X.Lueiro, Sara e Pablo.

E o acto foi gravado en audio. Queda así rexistrado para que poida ser escoitado en calquera momento. Versos e aloumiños recolle a devandita gravación para que permaneza. Está embaixo destas liñas.

Son esas cousas que endexamais se leva o vento.