jueves, 17 de febrero de 2022

DARDO POÉTICO (LXXX) "No xardín do poeta", un poemario de Antonio García Teijeiro que conversa con Lorca".

 



Teño nas mans o primeiro exemplar adiantado do poemario No xardín do poeta, un libro polo que levaba devecendo hai ben tempo.

Este poemario foi adiado por mor da pandemia e as súas secuelas no eido editorial

 


No xardín do poeta é unha homenaxe clara, definitiva, a ese gran poeta que é Federico García Lorca, a cuxa traxectoria tanto lle debo.

 

En todo o libro, os versos do poeta de Fuentevaqueros teñen unha presenza continua. E con eses versos, co seu espírito, nacen os meus, continuación literaria da fondura lorquiana e pasean felices por un xardín lírico despois de dialogar cos do gran Federico.

 


E atopamos nese xardín marabilloso, ao que accedín pola necesidade de ulir as súas flores, poemas de formas varias e medidas diversas; poemas musicais, rítmicos, cheos de luz, lúdicos, que intentan ser brillantes e, sobre todo, vitais, porque son froito da conversa íntima entre dous poetas que aman a vida.

 




Pero o poemario non sería tran atrente sen a ollada lírica, tenra, intelixente do seu ilustrador, Víctor Rivas.

Víctor non puido captar mellor o que agochaban e mostraban os poemas deste libro. De aí que as súas ilustracións procuran -e conseguen- fundirse co pensamento poético destes versos para crear criaturas que danzan con eles e danlle unha segunda vida.

 




Estou moi satisfeito co resultado final deste libro, No xardín do poeta, e agradezo a Edicións Xerais o agarimo e o coidado que puxeron dende o primeiro día na elaboración deste poemario tan querido por min e que ve a luz na colección Merlín.