martes, 8 de febrero de 2022

DARDO POÉTICO (LXXIX) "De pombas e bolboretas"

 




Por fin chegou. Tras certos retrasos por cuestións técnicas, De pombas e bolboretas estará nas librarías esta primeira semana de febreiro.




Edicións Embora preparou una edición moi fermosa da man de María Lires, que realizou un traballo impoñente, para recuperar estes poemas que pedían a berros unha oportunidade.

Ilustracións vigorosas e calmas á vez. Cores vivos moi ledos, composicións orixinais e dunha expresividade que conmove.

Entre elas voan as pombas e as bolboretas ben felices nun ceo de sensibilidade, de tenrura e de intelixencia.





No país das bolboretas pasan cousas incribles porque fai cada un o que lle peta. Sabedes que as abellas fan calceta, que as carreiras son sen meta e que as curvas son ben rectas? E que os poemas perden letras, os cans tocan a trompeta e o sol anda en bicicleta?





Porque este país máxico das bolboretas non é un país calquera. Nel podedes atopar desertos de turrón, rechouchíos de manteiga e paxaros de charón.

Neste libro as bolboretas visitan poetas e con eles crean poemas.





E as pombas? Pois pairan no mar, escriben co peteiro a palabra PAZ, levan anteollos e, mesmo, libros nas ás…

En fin, que hai un mundo sedutor neste libro entre poemas e ilustracións e síntome moi feliz de que vexa, por fin, a luz.