miércoles, 23 de febrero de 2022

PASEOS POÉTICOS (XIII) Paseo no "Día de Rosalía" polo camiño dos versos que acariñan.

 



Aproveitando este 23 de Febreiro, Día de Rosalía de Castro, paseo pola soidade das miñas lembranzas. Rememoro aqueles tempos da descuberta da muller e da poeta que deu luz e substancia á nosa poesía, ou aínda máis, á nosa literatura.

Camiño entre roseiras e moitas flores que recenden a frescura, a palabra agochada entre as herbas, a versos que ateigan de esperanza os meus pasos tan descridos como arelantes de esperanza.


Rosalía de Castro



E Rosalía non é unha poeta máis. Rosalía sempre foi unha escritora que posuía unha forte vocación de poeta. Sempre foi esa muller comprometida coa terra, co tempo que lle tocou vivir. Rosalía de Castro é un símbolo real, por representativa, da literatura galega de todos os tempos.

A publicación, en 1863, de Cantares Gallegos sinala o inicio do Rexurdimento literario galego. É a recuperación para a arte dunha lingua cuxa tradición literaria fora inexistente ao longo de catro escuros séculos.

 

Sento sobre o tronco dunha árbore cunha antoloxía rosaliana, ao bordo do camiño e reparo, unha vez máis, na potencia da súa voz lírica, do seu verso intimista que descobre moitas das posibilidades que se descoñecían arredor da nosa lingua. Se en Cantares Gallegos puxo a poesía ao servizo do social, en Follas Novas (1880) e, posteriormente, no poemario En las orillas del Sar (1884) preséntasenos como unha poeta da intimidade e, co tempo, da fondura universal.

Sigo paseando e véñenme á memoria os fermosos versos que Manuel Curros Enríquez lle dedicara a esta muller loitadora infatigable a prol da verdadeira  esencia dun país moi castigado polas adversidades.

E recito en voz alta:

 

                                                A ROSALÍA DE CASTRO  (1885)

 

          Do mar pola orela

          mireina pasar,

          na frente unha estrela,

Manuel Curros Enríquez
          no bico un cantar.

 

          E vina tan sola

          na noite sen fin,

¡que inda recei pola probe da tola

eu, que non teño quen rece por min!

 

          A musa dos pobos

          que vin pasar eu,

          comesta dos lobos,

          comesta se veu…

 

          Os ósos son dela

          que vades gardar.

¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!

¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

 

 

Que emocionante poema lle dedicou o poeta de Celanova, unha das voces máis xusticeiras do seu tempo e un poeta dunha potencia lírica tan evidente.

Érgome do banco e debuxo co dedo no aire un poema que eu incluín no meu Caderno de fume ao sentir en segredo as campás de Bastabales, esas que enchían de soidade á nosa poeta.

 

 


 

Sigo a pasear con pasos curtos. Deixo as pegadas sobre unha terra que sostén o meu corpo e a miña lectura poética nun día tan sinalado.

Daquela, doulle voz a Rosalía para que sexa ela quen loe esas badaladas tan tristes que a fan chorar. Eu non podo evitar escoitar eu ao lonxe a voz lírica e envolvente de Amancio Prada cantando coma ninguén estes suxestivos versos que apuntan ao corazón do ser humano máis sensible.





E un ano máis, desexo fondamente que Rosalía de Castro pase de ser unicamente un rostro nas camisetas, nas cuncas, nos chaveiros ou nas máscaras e os galegos e galegas se decidan a lela como a súa obra merece. Nunca é tarde e xamais perde substancia na relectura.

 


 

Pouco a pouco foi rematando o paseo; porén, síntome feliz e cobro nova vida.

É a maxia da poesía.

É a maxia de Rosalía.




                                                                                                                              O POETA PASEANTE