Mostrando entradas con la etiqueta maría lires. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta maría lires. Mostrar todas las entradas

lunes, 21 de marzo de 2022

NO "DÍA DA POESÍA", UNS POEMAS DE "DE POMBAS E BOLBORETAS" E "NO XARDÍN DO POETA" DENDE A MIÑA VOZ.

 



Polo xardín do poeta andan a voar pombas e bolboretas.

Non, non é un verso fácil para que quede bonito.

Non, non.

Ilustración de Víctor Rivas


É que é certo. No xardín do poeta (Ed. Xerais), ilustrado por Víctor Rivas, acaba de aparecer uns días despois de que vise a luz De pombas e bolboretas (Ed. Embora), ilustrado por María Lires.

De aí que anden todas algo excitadas por voar polo xardín dun poeta, Federico García Lorca, con quen conversei a partir duns seus versos nun exercicio poético moi gratificante para min.

 

Ilustración de María Lires

E, claro. Todas pelexan por pousarse nos pétalos das flores, beber nas súas fontes, camiñar polos carreiros, abanearse nas ponlas das árbores e respirar ese aire poético que tan ben fai a todos os que o proban.

 


Para que ese voo das pombas e das bolboretas chegue a todas e todos vós, velaquí uns poemas en dous vídeos dende a miña voz de ambos os dous poemarios.


Espero e desexo que teñades desfrutado con estes poemas e que a poesía permaneza sempre nas vosas vidas. Que o Día da Poesía nos leve a poñer un poema, alomenos, na nosa vida cada día.


Ilustración de María Lires



martes, 8 de febrero de 2022

DARDO POÉTICO (LXXIX) "De pombas e bolboretas"

 




Por fin chegou. Tras certos retrasos por cuestións técnicas, De pombas e bolboretas estará nas librarías esta primeira semana de febreiro.




Edicións Embora preparou una edición moi fermosa da man de María Lires, que realizou un traballo impoñente, para recuperar estes poemas que pedían a berros unha oportunidade.

Ilustracións vigorosas e calmas á vez. Cores vivos moi ledos, composicións orixinais e dunha expresividade que conmove.

Entre elas voan as pombas e as bolboretas ben felices nun ceo de sensibilidade, de tenrura e de intelixencia.





No país das bolboretas pasan cousas incribles porque fai cada un o que lle peta. Sabedes que as abellas fan calceta, que as carreiras son sen meta e que as curvas son ben rectas? E que os poemas perden letras, os cans tocan a trompeta e o sol anda en bicicleta?





Porque este país máxico das bolboretas non é un país calquera. Nel podedes atopar desertos de turrón, rechouchíos de manteiga e paxaros de charón.

Neste libro as bolboretas visitan poetas e con eles crean poemas.





E as pombas? Pois pairan no mar, escriben co peteiro a palabra PAZ, levan anteollos e, mesmo, libros nas ás…

En fin, que hai un mundo sedutor neste libro entre poemas e ilustracións e síntome moi feliz de que vexa, por fin, a luz.





jueves, 29 de julio de 2021

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXX) "O libro das avoas", de Xosé Antonio Perozo

 





                      XOSÉ ANTONIO PEROZO (Llerena, 1951)

 

 

MIÑA  AVOA FOI…

 

Miña avoa foi á feira,

na feira mercou dous pans,

os pans gardounos na cesta,

a cesta pillouna un can,

Xosé Antonio Perozo (Foto Wikipedia)


o can escapou á rúa,

e na rúa un pillabán

rouboulle os seus pans ao can.

 

Miña avoa foi ao monte,

no monte cazou coellos,

os coellos ían nun saco,

o saco era ben vello,

por vello tiña un buraco,

polo buraco os coellos

liscaron ao monte ao cabo

e alí morrerán de vellos.

 

 

MESTRA

 

Para facer os deberes

eu teño un truco secreto.

Vou á casa da miña avoa,

porque ela sabe ser mestra

e as dúbidas voan soas.

 

 

SOIDADE

 

Hai unha avoa sen netos,

sen netas, nin cans, nin gatos,

a min dáme moita mágoa

pensar que a coman os ratos.

 

 

TEMOS

 

Temos avoas pintoras,

temos avoas que bailan,

temos avoas artistas,

temos avoas que cantan,

 

Ilustración de María Lires
hai avoas arquitectas,

temos avoas doutoras,

hai avoas xornalistas,

hainas que son profesoras,

 

temos avoas que venden,

temos avoas que mercan,

temos avoas que falan,

temos avoas que calan.

 

Cando temos unha avoa

temos un rico tesouro.

E se temos dúas avoas

temos un castelo de ouro.

 

 

 

(De O libro das avoas, publicado por Editorial Galaxia, 2021)

 

 



miércoles, 18 de marzo de 2015

MARÍA SOLAR, UNHA REPARTIDORA DE SOÑOS NO SEU LIBRO "O MEU PESADELO FAVORITO".




     “Os beixos son a nosa fonte principal de enerxía, non hai nada máis enerxético no Universo ca un bico”. Entrañable e acertada afirmación dunha personaxe, a repartidora de bicos, que deixou abraiado a Manuel, o protagonista da fermosísima historia que María Solar nos conta no seu libro O meu pesadelo favorito.
      
     Gañador en 2014 do prestixioso Premio Lazarillo, esta novela para rapaces de 10 a 100 anos brilla con luz de seu. Namora. Enfeitiza.
É unha historia curiosa que protagoniza Manuel e os soños que vive cando ten febre. Uns soños, ás veces pesadelos, outras veces sensacións, que o confunden pero que sempre o levan a tomar decisións imprevistas e divertidas.
   Hai moito, moito nesta novela editada por Galaxia na súa colección Árbore.

     En primeiro lugar –e iso é o importante- atopamos literatura da boa. María Solar escribe moi ben. Ten claro o mundo que quere construír e faino cunha claridade que engaiola. Utiliza o onírico para expresar realidades que son duras. Porque, a través dos soños, nos fala do amor, do afecto, da morte, da diferenza (algo que recalca ao longo da historia), da mentira e, mesmo, da clonación grazas aos entrañables personaxes que son o doutor Ensaio e a doutora Probeta. Unha referencia científica que, ademais dos doutores, nos presenta a través de dous seres, animais imposibles, Dinorrinco e Hipodrilo nacidos de cruzamentos divertidos que nos fan pensar na soidade tantas veces presente no noso mundo.
      
María Solar
     Tamén atopamos neste libro o gusto polo belido: os bicos e o seu efecto beneficioso e afectivo nos seres humanos, os olores que nos permiten recordar e vivir momentos inesquecibles, a aparición definitiva de Alicia…

      Entre a fantasía dos soños hai lugar para un pequeño achegamento á ciencia ficción coa aparición de ZZC5, un extraterrestre explorador que chegou á terra para informar de como vivimos os humanos. Un ser verde, de aspecto xelatinoso, non moi alto e cun único ollo dentro dun escafandro. Con el, e outros personaxes, a autora pon o dedo na intolerancia co “diferente”, ademais do exercicio, da alimentación, das cidades, etc.
E faino con elegancia, como quen non quere a cousa.

     Detéñome aquí. Co comentado abonda para animar a entrar neste libro. Hai moitas situacións engaiolantes. Situacións que farán as delicias dos lectores e lectoras. Gozarán descubríndoas.
 
Ilustración a dobre páxina de María Lires.
     O meu pesadelo favorito é un paso máis na consistente carreira literaria de María Solar. Unha carreira na que une a boa literatura e un coñecemento moi claro das persoas ás que van dirixidos os seus textos. Persoas que somos todos, sexa dito.

     Un libro intelixente, enxeñoso, divertido, crítico que atesoura unha dose enorme de literatura, que conta coas ilustracións de María Lires expresivamente divertidas.
      
     Un libro para gozar.
     Un libro para pensar.
     Un libro para perderse por el, nas súas aventuras e que fai que respectemos e queiramos  máis o que nos rodea.


                                                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO