miércoles, 26 de febrero de 2020

A BUTACA DO LECTOR (12) "O lado do que dormes", de María Canosa




Ao lector déronlle ganas de facer unhas pausas cando lía (e sentía) as palabras que Laura, a protagonista da magnífica novela O lado do que dormes, de María Canosa, vai cuspindo entre a desilusión e os novos azos para seguir a súa vida. Espera un pouquiño, Laura, dicía o lector algo anguriado. Pero non había xeito de deter as súas frases cargadas de decisións que daban a volta dunhas páxinas a outras.

     Pechou o libro nun determinado intre e, con el nas mans, comezou a pensar no discurso da muller. Canta razón tiña na meirande parte das súas diatribas contra a sociedade que a estaba minusvalorando de vez!  E se non a anulou foi porque, malia as dúbidas que lle petaban nos miolos un día si e outro tamén, tiña un compañeiro, Andrés, que a respectaba, lle daba serenidade e a motivaba (xunto cos fillos) e a Clara , unha compañeira do estudio, que sobrelevaba a súa vida ben difícil cunha forza extraordinaria intentando, continuamente,  ver o vaso medio cheo. Xuntas darán pasos atinados para resistiren e dar novos impulsos ás súas vidas.

    
O lector expón nos seus pensamentos a verdade do que Laura lle presenta diante: unha muller intelixente que ama a súa parella, os seus fillos, quere traballar e, xa que logo, que o seu labor sexa recoñecido. Todo son cambadelas cando sae do seu domicilio: un xefe que non  valora o seu traballo como debería porque é muller. Un cliente que, baseado na súa actitude machista, está nunha situación de poder e chega a abusar dela de palabra. Un tempo cotián que a agobia e que, pola súa condición femenina, non permite o gozo de Laura no seo familiar.
     Laura quere, ama, é responsable. Sen embargo, todo se alía en contra dela e faina dubidar do seu papel na sociedade. Mesmo atopa a Violeta, unha antiga compañeira escolar, que fora acosada nas aulas e que a esnaquizaron para sempre. (Ou non?)  Séntese culpable por non ter tomado outra actitude naqueles anos mozos nos que a súa compañeira sufriu tanto.

     O lector comprende estas situacións coma unha lacra para o desenvolvemento da muller como tal. E dóelle o discurso de Laura. Dóelle moitísimo. E dóelle porque o que aquí conta maxistralmente María Canosa (á que adora) é unha radiografía perfecta do rol que as mulleres posúen no día a día demasiadas veces agochado.

O lector segue a reflexionar e non quere dar ningunha pista máis.
Pero pensa que a afouteza e a dignidade da protagonista (e dalgúns personaxes máis) son para el tamén ese trofeo que Laura consegue de cando en vez. Fica enmeigado polo xeito de narrar da autora. Unha narración dun vigor enorme, moi claro na exposición. E uns momentos nos que quere chamar a protagonista en voz alta e dicirlle que non se pregue diante desas condutas ignominiosas que a asolagan.
 Daquela,pecha o libro na páxina 196, a derradeira, e sente moi preto a esa muller de 37 anos que, nun mundo inhóspito, loita por acadar os seus soños.