jueves, 27 de diciembre de 2018

UNHA CONVERSA SOBRE JACQUES BREL CON LUIS GARCÍA GIL

Luis García Gil
Sobre Jacques Brel, o xenial cantautor belga que me levou a querer aprender francés cando eu non contaba máis ca once ou doce anos, xa falei nestas mesmas páxinas hai uns anos. Pero hai só unhas semanas tiven a oportunidade de gravar para un episodio do meu podcast El Envés de la Página (título cunqueiriano onde os haxa, por certo, que fai referencia a unha columna que don Álvaro escribía no Faro de Vigo nos anos sesenta) unha conversa co escritor gaditano Luis García Gil precisamente sobre Brel. Como poderedes comprobar na súa páxina web, Luis é un especialista no legado musical dos cantautores e leva xa escritos unha chea de volumes adicados a importantes nomes do xénero, coma Joan Manuel Serrat, Luis Eduardo Aute, Javier Ruibal ou Patxi Andión. Nestes últimos tempos vén de publicar unha biografía da cantante Marisol (Marisol, Pepa Flores, corazón rebelde, en Ed. Milenio) e está a traballar en estudos sobre Carlos Saura e Jean Cocteau, pois o cinema é outra das súas grandes paixóns.


Jacques Brel


Luis é tamén autor dun dos poucos libros escritos orixinalmente en español sobre Brel. Titulado Jacques Brel, una canción desesperada (Ed. Milenio, 2009), é un traballo excelente no que se repasan tanto a traxectoria vital do chansonnier belga como a súa obra musical e poética. A min sempre me interesaron esas biografías que teñen moi en conta a produción artística do personaxe de quen se ocupan, xa que adoita ser a razón principal pola que me achego a este tipo de libros. E, sen dúbida, isto ocorre nesta biografía de Brel, na que Luis traballa baixo a idea de que a vida do cantautor belga é indisociable da súa concepción poética e musical. Calquera que desexe coñecer a Brel máis en profundidade ten unha cita inexcusable con esta obra, que na nosa conversación tomamos coma excusa para falar de Brel, de música, de literatura, de poesía e de moitas outras cousas que agardo que vos resulten interesantes. Déixovos aquí abaixo o podcast completo, desexando que a súa escoita vos leve a coñecer un chisco mellor a figura de Jacques Brel e, se cadra, a desempoar e voltar a gozar cos seus discos.



                                                                             ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ