TÍTULO: Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil
para dicir, contar e cantar.
AUTOR: Manuel
Rico Verea. Obradoiro Experimental de Música Tradicional. (con Nani García).
ILUSTRACIÓNS: David Rodríguez
EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA. 2018
Manuel Rico Verea (Foto, Edicións Xerais) |
Cando
vexo que sae do prelo un novo libro de literatura tradicional, síntome moi
feliz. E se ese libro é un cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar, a
satisfacción multiplícase por mil.
Levo ben anos proclamando a quen me queira
oír que a poesía debe entrar en voz alta nas aulas e nos fogares, que a
literatura de tradición oral ten que ser o primeiro paso do alumnado á hora de
tomar contacto coa poesía e que cantar con eles nas aulas (e nas casas) é unha actividade
gozosa de incalculables beneficios.
Por iso saúdo con ledicia o libro Eu
ben vin, virivín, dun home,
Manuel Rico Verea, que leva moitísimo tempo – e con acerto- traballando
neste eido fundamental para a formación da rapazada e de Nani García, un músico
de moi alto nivel a quen non fai falta presentar. Entre ambos crean un
documento sonoro (o libro contén un CD) que aproxima aos lectores e lectoras a
novas referencias musicais coas melodías do cancioneiro infantil galego. Pero o conxunto de poemas sinxelos permiten, ademais de seren cantados, seren ditos en voz alta e gozar da palabra como elemento rítmico e engaiolante.
Achegarse ao cancioneiro, como din os
autores, produce “unha sorpresa polo poder evocador das pequeñas composicións
rítmico-literarias, polo seu valor pedagóxico e, sobre todo, polo proceso
recreador ao que se ve sometido a través do tempo”.
O libro está ateigado de rimas, de
recitados, de fórmulas máxicas, de encadeados e de cancións máis
representativas do cancioneiro de tradición que nos falan do mundo dos animais:
Xoaniña
voa, voa
que
che hei dar
pan
de broa.
Xoaniña
voa, voa
vai
e tráeme
alguna
nova.
Xoaniña
voa, voa
que
teu pai
vai
en Lisboa.
Neste libro temos tamén un apartado de
actividades didácticas das cancións, que permiten ao educador/a tirarlle moito
proveito a cada tema. Actividades para coñecer curiosidades dos animais
protagonistas, denominacións varias deses animais e nas súas páxinas anímase a memorizar, a contar e a cantar
temas fermosos e alegres. Posúe, ademais, una sinxela e marabillosa partitura e
no disco hai posibilidades de interpretar en play back que o fan máis lúdico aínda.
Unha alfaia, sen dúbida, o CD que trae o volume:
un documento sonoro creado polo Obradoiro Experimental de Música Tradicional,
formado por Manuel Rico e Nani García, que fan deste proxecto un luxo para a
nosa literatura e a nosa lingua.
Conta ademais, cunhas vivas ilustracións
de David Rodríguez, en cor, atraentes e suxestivas que envolven os textos de
calor pictórica.
Imprescindible.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO