jueves, 10 de enero de 2019

ESCAPARATE POÉTICO (CXIX) Luisa Castro








                                                        LUISA CASTRO  (Foz, 1966)





ANQUE se rían dos versos que che escribo
e que deixo agochados entre as mantas do catre
pedaleo
e Vegadeo é de lonxe unha caixa de mistos,
levo alas nas rodas,
vou en llanta,
Luisa Castro (Foto de  Lisbeth Salas)
recoñezo a paisaxe e teño alma porque fago amizades
cunha recua de cans de varios pobos e diversa índole

          Ládranme porque te amo,
          tíranseme ós zapatos coma fanecas salvaxes.






AS MONXAS mándanme ler as escrituras
porque son buena e teño cara de buena, loiriña, así,
e teño cara de vocación
e son a primeira
en resolver os problemas de Rubio.

Ás veces xuro, pero iso é porque non teño país, mamá.

Pero son buena
e canto no coro flores a María,
vou ás novenas de maio co uniforme cheo de barro
de xogar cos pícaros a feitos e verdades
pero as monxas pensan que é porque son medio neno

e xogo ao fútbol.





OS RAPACES que vivían na cidade tíñannos medo.
Facían fermosos castelos na praia
por un minúsculo puzle de Michelín,
inchaban globos durante horas,
paseaban o espigón, comían peixiños con sabor
a gasoil, napolitanas
e medo.

Cando meu primo ameazaba coa súa presenza
os rapaces da cidade poñían os chubasqueiros
e corrían a refuxiarse
en castelos outísimos de virtuosa construción.
Solitarios.

Nós non tiñamos tempo para puzles nin castelos:
respectabamos a area.




ÓDIOTE omo as batas de casa comigo dentro,

ti, poético, patético, pegado a min como as batas de casa.

Deixo espazo entre liñas,

cómpre facelo así,

de outra maneira non cabe o meu desgusto


mentres renxe a cama comigo dentro,

estoura o quentador comigo dentro,

acéndese a luz da escaleira comigo.





DESPOIS dunha tarde escribindo poemas
métome na ducha
e só sinto
estancarse no embigo a auga morna que vén
da tubería.

Nin sequera o chorro frío dos amigos de Loeffler.




(Do libro Baleas e Baleas, editado pola Ed. Galaxia, 2018)