Diáfanos, sutís, cheos de emotividade e de sinxeleza son estes tres contos en verso que María Victoria Moreno escribiu pensando na rapazada. Tres contos de animais e nenos que aman os animais. Tres contos recollidos nun libro que Edicións Xerais publicou en 2005, ano da norte da escritora, que reeditou na colección Merlín o ano pasado e que leva por título Eu conto, ti cantas. Tres contos humorísticos, cheos de tenrura que son ¡Xa non teño medo!, Can branco, can negro e ¿Un cachiño de bica?
María Victoria Moreno tiña unha vea poética moi evidente. As narracións de María Victoria posúen ritmo poético e están ateigados da poesía da vida. Ela foi quen de darlle un ton poético a todo o que tocaba. Cando falaba, ben veces facía poesía. Cando escribía, tamén. Sabía perfectamente a necesidade da lírica na vida dos seres humanos que tanto amaba. E conxugaba a realidade co lirismo. Isto pódese comprobar nus versos coma estes:
nace un silencio
que é redondo e escuro,
mais non dá medo.
Pertence esta estrofa ao primeiro dos contos do libro
e nela xa lles está a dicir aos pequechos como se pode expresar poeticamente a
noite, no momento que se apaga a luz para durmir. Unhas estrofas moi ben artelladas e contadas con moito agarimo, que nos
falan dese tema universal que é o medo á escuridade de tantos nenos e nenas
durante un tempo.
No segundo deles, Can branco, can negro, cóntanos e cántanos a realidade de dous
cans, Nicolau e Correcamiños. Un, o primeiro, foi recibido por todos con festas
e aloumiños. Era un can bonito, de moi boas maneiras. Un canciño moi feito / de capa brillante
e negra. O segundo naceu na beiravía da estrada onde un home malo e feo / botara
a cadela branca, / que levaba na barriga / seis cadeliños de nata.
Dúas vidas, dúas
situacións de partida. Pero, chegarían a coñecerse?
No terceiro conto, ¿Un cachiño de bica?, María Victoria conta a historia, un
conto ledo / coma os ollos dun can/ e a voz dun neno.. Nica era unha
cadela e Iván un neno que andaban sempre xuntos e sempre ledos… Ai, Nica! Esa
foi a cadela que máis acariñei nos anos da miña relación con María Victoria.
Iván ofrece á cadela un cachiño de bica para que a probe e a Nica
lambe/ mainamente o regalo / que máis lle sabe… Conta a historia a autora
que se converte en contadora das andainas deses dous seres marabilloso. E faino
nunha linguaxe delicada en verso.
O conto remata así:
ben cho agradezo.
Quero mandarche un bico
máis un consello:
fai como Iván
busca o amor nos ollos
doces dun can.
Tres contos emotivos, ilustrados de xeito
maxistral por Manuel Uhía, grande
amigo da autora e o seu ilustrador favorito. Non é de estrañar pois Manuel Uhía
é un dos ilustradores pioneiros da nosa LIX. As faces dos personaxes están
dotadas dunha expresividade que te deixa abraiado, cunha tenrura e unha dose de
humor verdadeiramente conseguidos.
Para rematar, dicir que me emocionou a dedicatoria á súa filla Begoña, a quen adoraba María Victoria:
Para Begoña, que chega á casa ao solpor e
regálame todas as luces do día.
Pura poesía de alguén que pasou toda a súa
vida amando.
Manuel Uhía con Mª Victoria e Pedro Ferriol |
Un libro necesario que saíu á luz uns días antes de morrer unha das autoras que puxo as bases necesarias para que a LIX en lingua galega teña hoxe o brillo que ten.
Leámolo en alto e gocemos coa súa maneira de facer felices aos demais.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO