TÍTULO: O neno inverno.
ILUSTRACIÓNS: María
Lires.
EDITORIAL: Galaxia.Colección: ÁRBORE.
A editorial Galaxia achégalles aos lectores preadolescentes esta fermosa historia de amizade, tenrura e superación. A súa autora é a escritora María Canosa, unha das voces actuais destacadas tanto na narrativa coma na poesía dentro do noso panorama literario infanto- xuvenil.
O neno inverno é
a historia dun neno albino que está acostumado a ser diferente e de que isto provoque a mofa por parte dalgún
compañeiro. Alberte, que así se chama o protagonista, é consciente das súas
limitacións físicas e do especial coidado que debe pór en cada acción pois é
extremadamente sensible a determinados axentes climatolóxicos, sobre todo a
calor, por iso adora o inverno. Sabedor de todo isto atopa refuxio na
biblioteca onde goza da tranquilidade, do silencio e da maxia da palabra
escrita, ademais de saciar a súa curiosidade á vez que a ansia por aprender.
Aquí, no seu acubillo é feliz ata que un
día aparece Álex, unha compañeira de clase, que lle gusta porque é intelixente,
alegre e ten personalidade. Con ela descubrirá o verdadeiro significado da
palabra amizade, ademais dun máxico poder oculto. Álex axudarao a ser el mesmo
e a superar atrancos que coidaba insuperables.
María Canosa |
A autora, a través dos 18 capítulos curtos nos que se artella a historia e cunha prosa clara e directa non exenta de tenrura nin de elementos máxicos, reivindica a igualdade e a grandiosidade do feito de compartir. Pon de manifesto a diferenza, non coma sinónimo de discriminación ou illamento, senón coma signo de pluralidade para crear entre todos unha sociedade máis rica e xusta.
As ilustracións de María Lires coa súa gama cromática baseada en grises e azuis están
en sintonía co ton textual.
ALBA PIÑEIRO