AUTOR: Héctor Cajaraville.
ILUSTRACIÓNS: Ignacio Hernández.
EDITORIAL: Xerais. Colección : MERLÍN
O autor Héctor
Cajaraville, escritor e xornalista, ademais de corrector, dáse a coñecer no
mundo da Literatura Infantil con Quen dá
a quenda? libro que vén avalado por ser finalista no Premio Merlín de
Literatura Infantil, 2015.
Quen dá a quenda? é unha novela engaiolante dende o principio ata o final
que capta a atención do lector, non só infantil senón tamén adulto. Estruturada
en 21 capítulos de curta extensión e baseada no uso coidado da palabra adubada
con humor intelixente, o autor é capaz de rachar con estereotipos e escuros
prexuízos. Divina Sandamil Penas é o nome da protagonista, que é unha meiga
boa, xa que logo, só sabe facer o ben a todo aquel que se achegue ao seu
consultorio agochado nunha mesta fraga.
Héctor Cajaraville |
Ao longo dos capítulos van desfilar unha serie de personaxes do máis variado en busca do remedio axeitado ao seu mal. O curioso deste grupo é que está formado por persoas, animais, obxectos e mesmo fenómenos naturais coa facultade de poder falar e comunicarse. Divina coa colaboración dun moucho sabio e dunha cortina lingoreteira, e a través dos seus conxuros e apócemas, logrará solventar os problemas dos seus diferentes pacientes (un barco que se marea, un ordenador desordenado, un porco, un tanto sibarita, un cero que non se conforma, un neno que soñaba que soñaba etc.) aos que en pago só lles pide que fagan o ben para a comunidade da que forman parte.
Héctor Cajaraville nun encontro cos lectores e lectoras |
O humor está presente en todo o libro, dende os nomes ata certas situacións surrealistas, pero é un humor intelixente que busca a reflexión do acabado de ler e a comprensión de determinados comportamentos moitas veces exentos de sentido común.
Por medio
dunha prosa fluída, ben construída e sustentada en diálogos cheos de riqueza léxica, o autor amósanos a importancia do
traballo en común e do esforzo individual para crear unha mellor convivencia humana
e natural.