jueves, 20 de noviembre de 2014

O AMOR CONXUGAL E LITERARIO DE ALBERTO MORAVIA

Adoita ocorrerme que, cando estou na biblioteca da universidade á procura dun libro, cae nas miñas mans outro que nada ten que ver co primeiro pero que remata por ser unha escolla de maior interese. Foi así como dei xa hai anos en Nashville coa divertida e pouco coñecida novela de Wilkie Collins A Rogue's Life, e foi tamén así como, non hai moito, atopei na biblioteca da University of Tennessee at Martin, a institución onde traballo, o libro do que brevemente falarei hoxe: L'amore coniugale, de Alberto Moravia, que eu lin nunha tradución inglesa que leva por título Conjugal Love. Publicada en 1949, pouco antes dunha das súas obras máis coñecidas (Il conformista, de 1951), este Amor conxugal é unha novela ben curta escrita co típico estilo moraviano directo, seco e case matematicamente calculado, na que se dan cita os temas que caracterizan a obra do escritor italiano: o sexo, as relacións persoais obsesivas, a crítica da vida burguesa e, con especial intensidade neste libro, a creación literaria. Xa o dixera con claridade el mesmo nunha ocasión: "Coido que o sexo pode ser un argumento moi axeitado para os escritores se deciden falar dese tema sen tabús". E no libro que nos ocupa faise evidente que non lle faltaba razón.


Moravia nos seus anos de xuventude
Moravia, que nacera en Roma en 1907 e había xa tempo que trocara o seu nome verdadeiro, Alberto Pincherle, polo nom de plume de Moravia, contábase entón entre os escritores contemporáneos italianos máis importantes e de maior éxito, grazas a títulos coma Gli indifferenti (a súa primeira novela, que publicara el mesmo en 1929) ou L'imbroglio (1937). Durante os anos nos que o fascismo triunfou en Italia, Moravia viuse obrigado a loitar coa censura, xa que era ben coñecida a súa oposición á ideoloxía fascista de Mussolini, e durante uns anos adicouse a escribir textos de corte máis surrealista nos que agochaba sempre a crítica social e política. Rematada a Segunda Guerra Mundial, Moravia emerxeu con forzas anovadas, colaborando asiduamente en xornais coma o Corriere della Sera e escribindo algunhas das súas obras máis celebradas, como son La romana (1947), La disubbidienza (1948) e a xa citada Il conformista, varias delas adaptadas ao cinema.


Edición italiana de Amor conxugal
É precisamente desta época da que data Amor conxugal, novela breve que axiña ficou un pouco esquecida entre a prolífica produción moraviana, se cadra por ter sido publicada pouco antes d'O conformista, obra esta última que acadou unha maior sona. En Amor conxugal, Moravia volta sobre os seus temas favoritos das relacións obsesivas e o poder controlador da libido, opoñendo a actividade sexual á creación artística. Así, nesta novela que está ambientada indubidablemente nos anos do fascismo italiano, Moravia preséntanos a Silvio, un burgués que ten tempo de máis nas súas mans porque non se ve na obriga de traballar, e que decide pasar un tempo nunha mansión toscana coa súa fermosa muller, Leda, co obxectivo de escribir un libro. Nas primeiras páxinas da obra, queda ben claro que Silvio está a enfrontar problemas de creatividade e non é quen de escribir nin unha soa páxina que lle pareza aceptable, o que el atribúe ao feito de baleirar todas as súas enerxías no leito coa súa muller cada noite. Deste xeito, a enerxía sexual oponse aquí á enerxía creativa, sen que haxa posibilidade de que as dúas sexan compatibles. Cal será entón a solución que se lle ocorre a Silvio? Pois pechar a cancela aos impulsos libidinosos para que non sufran os impulsos artísticos. Comeza así unha complexa relación nada saudable entre o matrimonio que devagariño vai desembocando nun perigoso xogo psicolóxico de poder e nunha espiral enfermiza, narrada por Moravia sempre coa precisión, co lirismo e coa economía lingüística que son marcas do seu estilo.



Alberto Moravia, sempre pensativo e observador

Tras unha carreira prolífica e de enorme calidade literaria, verdadeiramente influente non só nas letras italianas senón nas universais, Moravia foi achado morto en 1990 no cuarto de baño do seu andar en Roma, a cidade que o vira nacer 83 anos antes. Aínda que moitas das súas obras foron adaptadas á gran pantalla por directores de renome coma Vittorio de Sica, Bernardo Bertolucci e Jean-Luc Goddard, e malia que gozou dunha evidente aceptación popular ao longo da súa vida, semella (a min alomenos) que Alberto Moravia está un chisco esquecido hoxe en día, o que é unha mágoa. De feito, L'amore coniugale non está dispoñible nin en castelán nin en galego no momento en que escribo estas liñas, e a edición castelá máis actual desta novela data de 1997 e atópase fóra de catálogo dende hai ben tempo. Esta é unha situación que conviría solucionar axiña, pois trátase dunha obra que paga a pena redescubrir.

                                                    ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ