domingo, 30 de noviembre de 2014

"BONECOS" : VOLVE FLUÍR A AUGA LIZGAIRA DE PACO MARTÍN

Paco Martín




     Díxeno ben veces. A xenerosidade de  Paco Martín non ten límites.
      
      Xa temos a terceira quenda dos seus agudos artigos que, co nome de Auga Lizgaira, foi publicando no xornal El Progreso.
      
      Envíame catro textos dun contido con densidade. Densidade polo corpo que teñen, non porque sexan inintelixibles, nin moito menos. Todo o contrario. Son irónicos, poñen o dedo na chaga e, despois de lelos, un queda máis que satisfeito consigo mesmo. E agradécelle a Paco esa prosa tan enxeñosa e lúcida.
      
     Unha prosa necesaria para tomar o pulso á realidade que nos toca vivir (ou sufrir).
      
     O certo é que no mes de setembro compartimos unha fin de semana marabillosa polas terras de Monforte, os canóns do Miño e As Médulas.  Xavier Senín, Mari Carme, Xabier DoCampo, Mª Xesús, Ánxela, Paco, Susi e mais eu pasamos dous días estupendos nun ambiente de amizade, humor no medio dunha impresionante paisaxe.
      
Paco, Ánxela, Senín, Mari Carme, X.DoCampo, Mª Xesús, Antonio e Susi.
     Son xuntanzas que facemos de cando en vez con outros escritores/as ou ilustradores como Fina Casalderrey, Xosé Cobas, Manuel Uhía, Xoán Babarro, Ana Mª Fernández e as respectivas parellas. Sentimos a necesidade de estarmos xuntos, ben arredor dun bo xantar co noso Agustín, tan querido; ben cunha viaxe ou cunha camiñada.
     Que ben o pasamos!

     Paco Martín prometérame o envío dos seus artigos e, como non podía ser doutro xeito, cumpriu.
     Sorte, pois, que temos en Versos e aloumiños, de contar de novo coa súa palabra.
     Grazas, mestre.

     Aquí tedes o primeiro dos catro.

                                        
               
                                 
                                                          BONECOS           

        Supoño que terán un nome que os distinga doutros bonecos pero a verdade é que eu non sei cal é. Refírome a eses manequíns articulados, case sempre feitos de madeira, dos que se serven pintores e ilustradores para que lles fagan de modelo á hora de debuxar persoas –ou animais, que tamén os hai de cabalos, cans e mesmo elefantes- nas diferentes actitudes e posicións nas que o artista os colocou previamente. No caso dos humanos hainos de muller e de home porque, din os que entenden, nin as proporcións nin o xeito de adoptar a postura son as mesmas nos dous casos polo que o resultado podería quedar desvirtuado se isto non se ten abondo en conta.

  Vense nos establecementos do ramo e, como é lóxico, os comerciantes, á hora de situalos, teñen bo coidado de lles dar unha aparencia atraente para que se vexa a moita capacidade de acomodación que lles é propia e, xa que logo, o enormemente prácticos que poden resultarlles aos que con eles traballen. Case sempre aparecen en posturas dinámicas, máis ou menos festivas, tamén estáticas, máis ou menos serenas ou conciliadoras, e mesmo, por veces, algo arrogantes e violentas, tanto é así que non é raro sorprenderte co fociño achegado ao vidro do escaparate mentres imaxinas toda unha batería de bonecos daqueles situada riba da mesa de traballo de calquera dos encargados de argallar a táctica de cada día de calquera partido político ou empresa multinacional: “Este é fulano, así, co talante amigable que cómpre evidenciar ás veces..., a man estendida e a testa ergueita. E esta é mengana, disposta sempre a presentar cara ao rival, segura de si mesma e unha miga acometida..., haberá que temperar algo ese xesto tan marcado como de ir turrar.”
 
Marcel Achard

E, co empezo do curso político, fulano e mengana -e outros moitos máis- cumprirán outra vez, aínda sen eles o saber, coa encomenda que alguén lles adxudicou manipulando manequíns articulados nun despacho baixo a teórica supervisión do boneco maior, que está convencido de ser el quen ao final decide as posicións. E ti que segues fronte ao escaparate non podes menos que lembrar unha peza teatral de Marcel Achard na que un dos personaxes pasa a función toda sentado nunha cadeira situada na pista dun circo, inmóbil e calado, mentres dous pallasos van espindo vida, devezos e ilusións aos pés da fermosa écuyère que tan elegantemente se sabe mover entre cabalos e sentimentos. Ao remate, cando xa está caendo o pano, escóitaselle dicir ao home da cadeira: “Ah..., se eu non fose de madeira...!”
E vas separando o fociño do vidro porque sabes que estoutra función non fixo máis ca empezar.

                                                                                                      PACO  MARTÍN


Paco, Xabier e Antonio