Xa estou de volta.
Atrás
quedan catro días marabillosos.
Quedan
atrás no tempo, mais non no reloxo dos sentimentos vividos, gozados.
Nese
reloxo as agullas xiran pero ese tempo é infinito. Máxico.
E volvo
feliz, orgulloso, emocionado. A presentación do noso proxecto, (si, noso, dos rapaces e rapazas de
Secundaria), “Haciendo camino con Paco Ibáñez” removeu o máis fondo dos
asistentes ao acto no Centro de
Iniciativas Culturais da Universidade de Sevilla (CICUS).
Expoñíanse
alí, experiencias didácticas baseadas na obra de Paco Ibáñez. Esa obra inigualable, monumental que abrangue unha
parte esencial da poesía en lingua castelá – España e Iberoamérica – dende o
século XIII ata o momento actual.
Comezou
o acto cunha mesa redonda que inaugurou Julia
Sanjuán, doutora en Historia e directora de “A Flor de Tiempo”, e na que
participou o editor, profesor, crítico de arte, Francisco Lira, coordinada por Rafael
de Cózar, catedrático de Literatura da universidade sevillana.
Tras a sentida e lúcida intervención destas
tres persoas, de Cózar coordinou tamén as diversas exposicións pedagóxicas.
Matilde Rodríguez-Castellano
e Julio Flórez comentaron “Palabras
con alas. Una propuesta para el aula”, realizada en centros educativos
de Xixón, Madrid, Bruxelas e Edimburgo. Impresionantes os obxectivos marcados e
conseguidos.
Miguel Alcedo, director do CEIP
“Alfonso X el Sabio” de Xerez da Fronteira, presentou unha fermosísima
proposta, “Paco Ibáñez, desde niño”. Realizada por rapaces de Primaria do
centro, moi plástica, encantounos. Un traballo gozoso e necesario.
Foi Violeta Luque, doutora en Psicoloxía
social e profesora da Universidade de Cádiz quen nos falou de “Foro
de Debate: La Labor Conscientizadora de Paco Ibáñez”, “Nos queda la palabra”,
dentro da comunidade virtual. Unha rede de debate internacional arredor do
traballo do “poeta musical”, como o definiu acertadamente Rafael de Cózar. Unha
interesantísima actividade.
Javier Alonso, profesor de Xeografía e
Historia, foi o encargado de facernos viaxar pola Vega granadina, co proxecto
do IES “Ilíberis” de Atarfe (Granada) chamado “Lorca para la Vega”. Un
proxecto, aínda en construción, moi ambicioso e vencellado a esa fermosa terra.
E
chegamos á nosa iniciativa. Aquí teño que dicir que os meus alumnos e alumnas
(algúns xa ex) foron a sensación do
acto pedagóxico. Non esaxero ren.
O labor desenvolvido cada luns, ao longo de cinco meses, tivo un recoñecemento xeral e brillou con luz propia. Que fachendoso me sinto deles!
O labor desenvolvido cada luns, ao longo de cinco meses, tivo un recoñecemento xeral e brillou con luz propia. Que fachendoso me sinto deles!
Os seus
poemas, os seus textos poéticos, as súas preguntas a Neruda e a Paco, as súas
reflexións, as súas cartas a persoas descoñecidas, os seus versos compartidos
cos grandes poetas, a súa inmersión en Latinoamérica (grazas, Alba), os poemas
conxuntos, as recreacións plásticas (fermosa guitarra, Dana), a Poemoteca levantaron
a admiración dos asistentes que chegaron a aplaudir, no medio da exposición, a
beleza dos textos que eu ía lendo emocionadísimo.
O
propio Paco Ibáñez deume, ao rematar, unha efusiva e interminable aperta e
manifestoume que lle encantaran os textos lidos. Seguía nunha nube.
Veño
mantendo, dende sempre, que, malia problemas e situacións difíciles que existen,
as
rapazas e rapaces son o mellor do ensino.
Unha
vez máis, quedou comprobado. Por iso loitamos, non ?
Nun
silencio que se cortaba, os textos de Wendy Carrillo, de Iago Freire, De Nicole
Doural, de David Couceiro, de Silvia Castro, de Paula Cabañas, de Iriana
Cabaleiro, de Jacobo García, de Ariana del Valle,de Laura González, de Fran
Otero, de José M. Malga, de Lía Aldea, de Álex Cerdeira, de Javier Freije, de
Alexia Venegas, de Jennifer Rodríguez e dalgúns máis, entraron
directamente no corazón do numeroso público asistente.
Comprendín, de novo, canto quero os meus alumnos e alumnas e que importancia
ten a poesía na súa formación coma persoas.
Comprendín,
por enésima vez, a forza dos versos, os seus efectos tan beneficiosos.
Comprendín que a palabra poética posúe un encantamento insubstituíble. Achega,
apreixa, aloumiña, sacode. É unha fonte de reflexión. Dá forzas.
Non
esquecerei endexamais ese día 18 de novembro en Sevilla. A palabra do alumnado
do Colexio Possumus voou e atravesou
fronteiras. Fixo máis universais os sentimentos humanos e demostrou que non
todo son exames e cualificacións na vida. Hai bastante máis.
Xa
estou de volta, dixen ao principio.
E
síntome feliz (coido que xa o comentei, pero tanto ten). Feliz xunto a eles e elas. Feliz porque o orgullo que me fixeron
sentir estes rapaces non se pode expresar con fidelidade total.
Todo isto foi un achegamento imperfecto, pero sincero.
Bicos e
versos para todos!
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO