domingo, 16 de noviembre de 2014

DEZ HISTORIAS COS DEREITOS DOS NENOS COMO OBXECTIVO.



     Doen moito os informes que cada certo tempo publican institucións coma Cáritas ou UNICEF en relación cos problemas que a infancia no mundo padece: fame (que horror!), falta de medios para garantir a saúde dos pequechos, utilización dos nenos nas guerras, abandono por parte das autoridades, inxustizas, sen dereitos reais a recibir unha educación mínima, mortalidade infantil alta,etc.
     Pero doe máis, moito máis, que os gobernos do mundo desenvolvido miren para outro lado, permitindo que isto ocorra no século XXI e sendo conscientes de que as cifras aumentan e non fan nada para arranxar o problema.
     Que nome ten isto? Como hai que cualificar estas actitudes? A resposta tería que ser tan dura que, afirmo, os dicionarios de todas as linguas do mundo fican sen palabras axeitadas para nomear  tan crúa realidade.
      
    
Nestas andamos, cando nas librarías aparece un libro marabilloso e necesario. A fabulación, o talento literario únese aos problemas da infancia e dez grandes autores da LIX escriben senllos relatos nos que recrean os principios da Declaración Universal dos Dereitos do Neno que a ONU aprobou en 1959. Sería en 1989, trinta anos despois, cando a Asemblea Xeral de Nacións Unidas deu un paso máis coa Convención sobre os Deritos do Neno. Ao longo de 54 artigos o documento introduce novidades moi importantes con respecto á Declaración de 1959, como por exemplo o recoñecemento dos nenos como cidadáns desde o seu nacemento.
    
      

     Dicía que aparece un libro, Os dereitos da infancia, editado en galego por Edicións Xerais de Galicia, no que Antonio R. Almodóvar, Eliacer Cansino, Gloria Cecilia Díaz, Agustín Fernández Paz, Mariasun Landa, Gustavo Martín Garzo, Gonzalo Moure, Daniel Nesquens, Ana María Shua e Lorenzo Silva escriben fermosos contos para dar a coñecer, dende a mestría creadora, a pequenos e adultos, eses dereitos que velan pola protección e desnvolvemento dos cativos e cativas, aínda que, por desgraza, non se cumpren con demasiada frecuencia.
      
     Dez contos orixinais ilustrados por Emilio Urberuaga, cos seus debuxos pícaros, expresivos, cheos de cor que lles acaen perfectamente aos relatos.
      

     Ten este volume un significativo prólogo de Francesco Tonucci (o gran Frato), pensador, psicopedagogo e debuxante italiano, que pecha as liñas cunha suxestión para os rapaces e rapazas: procurade defender vós mesmos os vosos dereitos. Aprendede a pedir que os adultos vos respecten. Collede o bo costume de protestar, con respecto pero con firmeza, utilizando as armas da palabra, da escritura. Escribídille ao voso director para pedirlles que vos escoiten e facede valer os vosos dereitos, empezando polo do xogo.
    



        Cada principio ten o seu conto.
   
     O principio 1 di: O dereito á igualdade, sen distinción de raza, relixión ou nacionalidade.
      


     Gustavo Martín escribe “As mondas da lúa”, que nos fala dun país no que, ao chegar a primavera, as mulleres poñían un ovo, branco, perfecto, de tacto aveludado, e sentaban a esperar que o neno nacese. Durante tres lúas tiñan os ovos con elas e, ao chegar a terceira, levábanos á fraga…
    
     O principio 2 di: Dereito a ter unha protección especial para o desenvolvemento físico, mental e social do neno.
      


     Antonio R. Almodóvar escribe “A nena perdida”, no que unha nena chega ´`a Feira do Libro cunhas ganas enormes de ler un conto que lle lera a súa avoa. Non lembraba o título e só sabía que trataba dun neno que vivía só, porque fora abandonado polos seus pais e tiña un único amigo, un falcón peregrino co que se entendía a base de asubíos…
    
      
     O principio 3 di: Dereito a un nome e a unha nacionalidade desde o seu nacemento.
      


     Aquí, Ana María Shua, co seu conto “No mundo dos Seres Estraños”, nos fala dun fillo que lle conta á súa mamá troll que atopa un neno humano que non se reflicte nos espellos. Tiña grandes ollos escuros e non sorría. Examinado por distintos veciños e persoas tratan de saber de onde procede…
   
      
     Principio 4: Dereito a unha alimentación, vivenda e atención médica axeitadas.
      


     Mariasun Landa escribe “Chamarse Elna”, onde unha rapaza e  a súa nai reciben unha invitación moi especial. Cando a nena chega á casa do instituto ve a súa avoa e mais a nai choromicando e lendo a carta unha e mil veces…

     
      Principio 5: Dereito a unha educación e a un tratamento especial para aqueles nenos que sofren algunha discapacidade mental ou física.
      


     O conto de Gonzalo Moure leva por título “A cabeza dun sabio”. Os piollos están a agardar a repartición de cabezas e andan nerviosos, axitados, excitados. Pi era o piollo máis feble de todos, o máis lento porque nacera do último ovo e pensaban que non viviría. O seu pai desprezábao, pero a súa nai, perante a súa fraxilidade, coidábao con tenrura. Pi vía como os seus irmáns saltaban ás cabezas; sen embargo el…

      
     Principio 6: Dereito á comprensión e ao amor dos pais e da sociedade.
     


     No conto “Un pai, unha nai, un gato” Daniel Nesquens fala da historia dun rapaz que non tiña pai nin nai, pero tiña unha casa. E un gato azul, a súa verdadeira familia. O seu mellor amigo. Aos dous gustáballes pasear polas aforas da vila. Ademais o rapaz padecía unha estraña enfermidade que lle impedía falar. A casa onde o rapaz vivía non tiña ventá…

      
     Principio 7: Dereito a unha educación gratuíta. A divertirmonos e a xogar.
      


     O único escritor galego do libro, Agustín Fernández Paz, deléitanos con “O voo das bolboretas”, un conto no que un inmigrante de Senegal abandona coa súa nai a casa do seu país de orixe para reunírense co pai que leva catro anos traballando en España. Un conto de lembranzas: do primeiro día na nova escola, de Sara, a profesora que entra na aula para traballar con el, da noite en que mamá lle di que este curso non podería ir ao comedor…

      
     Principio 8: Dereito a estar entre os primeiros en recibir axuda en caso de perigo.
     


      “Non che pasará nada”. Así se chama o conto que escribe Lorenzo Silva. Nel, Eva foi espertada moito antes da hora acostumada. Eran as cinco da mañá e preguntábase por que a súa nai a obrigaba a madrugar tanto. A nai deixa unha maleta pequena no corredor, xunto á porta da rúa e, sen volverse cara á nena, dille que non se equivocou. Isto a Eva empeza a cheiralle a chamusco e…

     Principio 9: Dereito á protección contra calquera forma de abandono, crueldade e explotación.
      


     Gloria Cecilia Díaz, escritora colombiana, escribe “A transparencia da chuvia”. Lourenzo, un rapaz de clase acomodada, lembra as últimas palabras que lle dirixiu o seu bisavó antes de morrer: “Non esquezas atravesar a luz”. El foi o seu refuxio. Era quen o coidaba cando estaba enfermo, quen o consolaba cando a ausencia dos seus pais se facía moi dura. Un día Lourenzo viu un rapaz moi fraco que corría dun lado para outro tratando de recoller a súa pobre mercadoría esparexida …

      
     Principio 10: Dereito a recibir unha educación que fomente a solidariedade, a amizade e a xustiza entre todo o mundo.
     
     

     O derradeiro relato do libro está escrito por Eliacer Cansino. Co nome de “Confusión” un mozo vese salavado cando enxerga as tendas onde acampan os homes do deserto. Non o coñecen e mírano con desconfianza ao pdirlles axuda. Están dispostos a darlla pero pídenlle algo a cambio. O mozo lembra as palabras do seu mestre : “só é valioso o que se ama”. Rebusca na súa alforxa e saca dela un…
    Dez contos que poñen o dedo na chaga, que nos fan pensar, que alimentan o nos gusto pola literatura.
     Dez contos moi ben editados, magnificamente ilustrados (grande, Emilio Urberuaga), nove deles traducidos por Begoña Varela agás, loxicamente, “O voo das bolboretas” de Agustín, por razóns obvias.
     Un agasallo para o espírito. Un deses libros que deben estar presentes decontino na nosa vida cotiá.
     Achegarse a estas historias fainos, sen dúbida, un pouco mellores.




                                                                                                                              ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO