Paco Martín |
A súa auga lizgaira flúe sarcástica
polas páxinas deste Versos e aloumiños que
medra coa palabra do escritor lugués.
Sempre en presente, non esqueceremos os
textos de Paco
Martín, tan ricos, tan
irónicos e tan atinados, capaces de espertar nos lectores ese sentido crítico,
ás veces demasiado adormecido.
Un luxo e un pracer.
A nosa admiración e mais o noso cariño
por Paco Martín aumentan día a día.
Grazas, prezado amigo, pola túa
xenerosidade con este blog-revista. Conseguiches facernos máis ricos, máis
abertos e, xaora, máis auténticos.
Paco Martín
Habería que
procurar a maneira de implicar no proxecto que hoxe pretendo propoñer aquí aos
diversos colectivos que se moven no mundo da pedagoxía: as Facultades de
Ciencias da Educación, as Escolas de Formación do Profesorado –co Ministerio e
mais a Consellería de Educación non sei eu se se podería contar visto o pouco
atinado dalgunhas das súas actuacións- e mais a todos cantos profesionais do
ensino e outras artes e disciplinas estean en disposición de colaborar na súa
posta en marcha e posterior funcionamento. Trataríase de instituír, en Lugo por
exemplo, unha Alta Escola Técnica de Correcta Interpretación Direccional nos
Relanzos das Escaleiras dirixida a eses profesionais da política, da
información e da tertulia que, contumaces no tópico do galego e a escaleira,
non dan saído desa pobre mediocridade na que se veñen movendo con sospeitosa
naturalidade.
O ensino que nela
se impartise sería dese que chaman a distancia, debido ao espallamento
xeográfico dos posibles alumnos e mais á súa proverbial aversión a estar
presentes en lugares nos que se traballe e non haxa fotógrafos que dean fe
publicitaria do evento. A matrícula sería gratuíta e mesmo poderían concederse
algunhas Matrículas de Honra en casos moi significados e e, co fin de estimular
ao alumnado e ante a imposibilidade de ofrecer futuras reconversións e outros
incentivos, faríase todo o posible por desenvolver o programa a través das
distintas emisoras de televisión, medio este que, como é ben sabido, posúe un
irresistible atractivo para estas persoas.
Epi e Blas |
O ideal sería poder contar con
aqueles entrañables Epi e Blas para que o primeiro, convenientemente vestido de
gaiteiro con mestura de pailán con zocas, faría de galego mentres que o outro,
paciente como corresponde ao bo mestre que está a traballar cun discípulo non
moi agudo e situados todos nun punto estratéxico dunha escaleira, iría
explicándolle ao político, ou política, alumno, ou alumna, os movementos que o
galego realizaba. “Agora Epi baixa! Dise que baixa cando se despraza pola
escaleira indo en dirección ao portal...!” “Agora Epi sobe! Dise que sobe cando
se despraza pola escaleira en dirección ao sobrado!”
Tamén
aproveitaría para aclararlle outros conceptos que esta xente parece non soen
ter moi definidos: arriba e abaixo, diante e atrás, antes e despois, tarde e
cedo e, sobre todo, dereita e esquerda...
Isto, claro, non
é máis ca un sinxelo bosquexo do que a A.E.T.C.I.D.R.E. podería ser, pero por
algo se empeza...