lunes, 8 de septiembre de 2014

ÁLVARO CUNQUEIRO E OS PAPEIS QUE FORON VIDAS

Como ben amosou en innumerables ocasións ao longo da súa obra, para Álvaro Cunqueiro, literatura e vida son inseparables, ata tal punto que sería case impensable para o autor mindoniense vivir sen fabular, sen contar historias e sen falar dos libros que algunha vez chegaron ata as súas mans. Isto é evidente nos seus copiosos epistolarios, e tamén nun libro seu co que me topei non hai moito, unha antoloxía de artigos periodísticos de carácter literario publicada por Xesús González baixo o tan acertado título de Papeles que fueron vidas (Tusquets, 1994). Trátase dunha serie de textos que Cunqueiro escribiu en castelán entre 1973 e 1975 para seren difundidos no diario catalán El Noticiero Universal e que lle foron requeridos polos directores do seu suplemento literario, Julio Manegat e Enrique Badosa.


Álvaro Cunqueiro
Para a súa edición, González compilou practicamente todos os artigos, aínda que deixou algúns fóra co obxecto de manter a unidade temática do volume, que xira—como non?—arredor das lecturas feitas por Cunqueiro por eses anos. Funcionan, así, estes textos, coma unha sorte de diario literario no que o escritor dá a coñecer algúns autores que lle gustan, ofrece as súas opinións, sempre persoais e intransferibles, sobre certas obras lidas e mesmo ten tempo para facer conexións sorprendentes de diverso tipo. Un bo amigo meu chama, de xeito un tanto pexorativo, "telefonistas" aos críticos e escritores que se adican a facer conexións improbables e baleiras de contido entre autores e épocas, pero nada disto atopamos nestes artigos de Cunqueiro, quen, esteamos ou non de acordo coas súas filias e fobias, sabe sempre de que está a falar.


António Nobre
E o que é falar, Cunqueiro fala de moitas cousas nestas páxinas, e todas elas interesantes. En todos os artigos emerxen ideas e opinións que son proba da erudición do de Mondoñedo e que invariablemente nos fan pensar e nos descobren universos acotío descoñecidos. Unhas veces Cunqueiro amosa a súa predilección polas lendas e os mitos celtas, xermánicos e escandinavos, como por exemplo nos artigos que adica aos lamentos gaélicos e ao Kalevala, o poema épico finés. Outras veces reflexiona sobre literatura en francés (Paul Éluard, François Nourissier), en inglés (a Spanish Tragedy de Thomas Kyd, a poesía de Sylvia Plath) e mesmo en letón a través da tradución francesa (Os pescadores de perlas, de Janis Poruks). Importantes son, así mesmo, os artigos que adica a personalidades literarias galegas, como Rosalía ou Castelao, e a textos medievais e populares galegos. Dun interese especial resulta o artigo titulado "Cómo se escribe", no que Cunqueiro repasa as manías que algúns escritores clásicos tiñan á hora de sentar a escribir as súas obras. Aí aprendemos que "Renan y Chateaubriand preferían para escribir el tiempo del otoño" ou que o poeta romántico portugués António Nobre "no sentía el corazón lo suficientemente dolorido para sus poemas hasta que le dolían igualmente los pies descalzos con el frío de la noche, que descendía de la redonda luna". De Rosalía dinos que "gustaba de escribir a la hora vespertina, a la hora de entre lusco y fusco, y llegaba un momento en que se encontraba escribiendo en plena tiniebla, y silenciosamente le encendían una lámpara para que pudiese continuar". Cara a fin do artigo, Cunqueiro pregúntase retoricamente se aínda queda algún escritor que saiba cortar plumas de ave, e cita o caso do italiano Italo Svevo, a quen lle ensinaran a cortalas cando traballaba nun banco en Trieste. E remata así Cunqueiro a peza:
Italo Svevo


"Quizás alguna vez, cuando ya no se usaban esas plumas, necesitó una para un momento difícil, uno de esos momentos en los que el pensamiento o el sueñoque queremos decir, no encuentra las palabras precisas, la frase se confunde a sí misma. A mí me sucede el tener que interrumpirme, escribiendo a máquina, y buscar un lápiz de grueso trazo para poder continuar el surco."

Velaquí só un exemplo das múltiples pequenas xoias que podemos atopar nestes Papeles que fueron vidas, un libro no que Cunqueiro non só repasa vidas de papel, senón que tamén demostra unha e outra vez que calquera vida fica incompleta se non somos quen de enchela de literatura.

                                                    ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ