Mostrando entradas con la etiqueta queda la música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta queda la música. Mostrar todas las entradas

viernes, 22 de mayo de 2015

"QUEDA LA MÚSICA" na LISTA de HONRA da revista CLIJ.





     A  revista de literatura infantil e xuvenil  CLIJ  vén de  publicar no  número de maio-xuño a Lista de Honra do ano 2014.
    
     Cada ano aparece esta prestixiosa  lista co obxecto de facilitar a selección de bos libros, sobre todo aos profesores e bibliotecarios, pero tamén a pais e nais, estudosos e interesados na LIX.
     
     Por bandas de idade, reflicten, a xuízo dos membros de redacción de CLIJ, os mellores libros tanto de ficción como coma de coñecementos, cómic, agasallo e ensaio.
     

     
     No apartado  de literatura, para nenos e nenas de 8 a 10 anos, figura o poemario de Antonio García Teijeiro,  QUEDA   LA  MÚSICA ,  poemario editado por Amigos de papel  e ilustrado por Tesa González.
    


     En distintos banzos de idade aparecen nomes de escritores e escritoras galegos coma Fina Casalderrey, Francisco Castro, Gloria Sánchez, Agustín Fernández Paz, Antonio Manuel Fraga, Pinto & Chinto ou Rosa Aneiros compartindo espazos salientables con clásicos coma Mark Twain, Maurice Sendak, Gianni Rodari, Astrid Lindgren, Ana María Matute  ou  Tomi Ungerer  ou con prestixiosos autores  do estado coma Carme Riera, Jordi Sierra i Fabra, Rodríguez Almodóvar, Mónica Rodríguez, Joana Raspall e Carlos Reviejo, entre outros.


                      Ver vídeo promocional do poemario.




miércoles, 13 de agosto de 2014

ESCRIBIR POESÍA PARA OS NENOS. QUE PRACER!




Escribir poesía para os nenos.
Que pracer!
Un sabe que está a facer aquilo
que lle dita a emoción.
Dedicatoria de Tesa González para o autor.
Sabe que, sen esa emoción, os actos
creativos son fríos, non penetran na
esencia das persoas.
E aínda que non sexan conscientes, esas
persoas precisan da arte en calquera
das súas múltiples manisfestacións.


Escribir poesía  para os cativos.
Achegarlles o espírito de Lorca, Alberti,
Juan Ramón, Rosalía, Machado, Celso Emilio,
Pimentel, Curros, Manuel María e tantos  outros.
Que pracer!
Ilustración de Tesa González.
 
Salientar as pequenas cousas, levalos a recunchos
tan comúns coma marabillosos, enchelos
de cor, de auga limpa e cristalina; levalos
polas sendas da natureza, cantarlles en voz alta,

xogar con eles á rolda, convidalos a rir, a sentir,
a imaxinar, a que valoren a maxia das palabras,
a que se fixen nas miudezas, a encherlles os sentidos
de mar, de luz, de vida.
Levalos da man polo suxestivo mundo da música,
pola  musicalidade dos versos, polo ritmo dos poemas.
Que pracer!


Hei recoñecer que gozo
cando escribo poesía infantil.
Que me emociona o labor
de mestres e mestras (máis mestras que
mestres, iso é certo), de bibliotecarias,
de persoas que están convencidas
do valor da poesía na formación
dos cativos e cativas.


Un non escribe para os premios.
O premio máis marabilloso é aquel
que recibes, cando unha mestra che
dá as grazas polo que escribes.
Un premio é a ilusión dun rapaz
ou rapaza por dicirche que sabe e que
lle gustan os teus poemas.
Un premio é esa ollada infantil,
chea de tenrura, mentres recitas.
O premio está en axudar a conseguir
que os adultos lle perdan o medo
á poesía. A que os nenos sigan a
ser felices no mar poético. (Porque
o son, eh? Iso que non o dubide
ninguén).

Por iso, se a crítica celebra os teus poemarios,
faiche ilusión e, cos pés no chan, debe servir
ese recoñecemento para
seguir traballando a prol desa tarefa
ardua e  gratificante á vez.
Agradezo as críticas de Antonio Gómez
Yebra en "SUR"e das revistas PEONZA e CLIJ,
por prestaren atención a “Queda la música”.
Agradézoa, sobre todo, pola poesía
en si mesma.
Amosan esas recensións unha indiscutible
sensibilidade polo xénero poético (Gómez
Yebra é un magnífico poeta e editor).
 
Luis Eduardo Aute con "Queda la música" na Feira do Libro de Madrid.

E está ben que se fale de poesía.
Ten que saír desa invisibilidade,
que na LIX é un feito, para que
chegue a ser máis próxima aos lectores.
Quedo coa afirmación das liñas de Diego
Gutiérrez del Valle en PEONZA, cando di
que estes poemas “reclaman ser lidos
en alta voz para extraer ata
o derradeiro eco das súas vibracións
e que, dese xeito, poidan chegar
ata o oído e o corazón do lector”.
Atinadas palabras, porque eu
veño mantendo, dende hai ben tempo,
a necesidade de que a poesía
debe entrar nas aulas, nas casas,
nas bibliotecas en voz alta.



Decidín engadir, de novo, dúas cancións
do libro, postas en música polo
excepcional poeta, Juan Carlos Martín
Ramos e Lurdes López, a súa muller,
que as canta cunha sensibilidade e unha tenrura
exquisitas.


Que a poesía sexa, dunha vez  xa,
ese instrumento que marque o ritmo
emocional e dea vida
ás sonatas dos nosos soños.


lunes, 17 de febrero de 2014

TRES POEMAS EN CANCIÓNS de "QUEDA LA MÚSICA" (Juan C. Martín Ramos e Lurdes López) E PALABRAS DE LUIS EDUARDO AUTE




Lurdes e Juan Carlos, en plena actuación.

Non é a miña intención falar de novo do acto da presentación do poemario “Queda la música” que tivo lugar en Vigo o mes pasado na Libraría Librouro.
Xa se falou abondo dela e sería reincidir ata facerse un pesado. Si comentar que, para min, coma autor do libro, o acto non puido ser máis entrañable e emocionante.
E boa culpa diso tivérona Lurdes López e Juan Carlos Martín Ramos, que namoraron o público asistente (e, xa que logo, a min) coas súas intervencións.
Foi cando actuaron xuntos, o momento álxido do acto.
Juan e Lurdes, coa bruxa e os seus monicreques, deleitaron aos asistentes con tres cancións fermosísimas, poñéndolles música a tres poemas do libro. Esa é a primeira razón destas liñas.
Seguro que John Lennon, Libby, a miña andoriña, e demais elementos poéticos destes versos foron felices ao escoitaren a preciosa voz de Lurdes e a guitarra de Juan Carlos. Eles escribiron, entre os dous, as melodías dos versos. Tres xoias, sen ningunha dúbida.
Non poden ser máis axeitadas, as tres, ao espírito dos poemas.
Unha sorpresa de difícil definición. Vaia se a literatura une!


E a outra razón, a segunda, foron as palabras que recibín hai uns días de Luis Eduardo Aute sobre “Queda la música”. Non as agardaba. Sorprendéronme. Aute é un músico  de primeira orde, pero é, dende logo, unha mellor persoa, que xa é difícil. A súa amizade éncheme de orgullo polo que significa. Atento, preocupado polo que fas e polas situacións persoais (quixo saber se tanta tormenta en Galicia afectara a alguén da miña familia), xeneroso, cunha enorme dignidade, Luis Eduardo Aute é, para min, un dos músicos de maior entidade deste país. E todo isto, pese a quen pese.
Así que tres amigos, tres artistas marabillosos, tres persoas excepcionais son a verdadeira razón de que escriba estas liñas.
Podedes escoitar, utilizar nas aulas, cantar estas tres alfaias ao voso gusto. Son para compartir. E, ademais, quero que gocedes á miña beira das palabras dun músico, poeta, pintor, letrista, encantador depalabras e cineasta extraordinarios.
Que vos preste o que vén deseguido.










Coas fermosas ilustracións de Tesa González, reproducimos os poemas, que canta Lurdes con grande agarimo e unha evidente mestría.













Este terceiro tema leva por nome  Canción para Libby, e está dedicada á miña andoriña que cada vez voa máis alto. A voz de Lurdes brilla con luz propia.




    







 Velaquí as liñas de Luis Eduardo Aute. Penso que esaxera, pero, non o podo negar, emocionáronme.



Con Aute, na súa casa en Madrid



“Queda la música” es una joyita poética con la música como protagonista absoluta. Es un hermoso concierto de palabras que interpretan el papel de instrumentos musicales, como partituras para todos los sonidos de una orquesta hecha de versos. Son versos melódicos, escritos y compuestos sobre armonías que proyectan imágenes fabulosas, llenas de magia e imaginación. Antonio García Teixeiro, acompañado por el instrumento gráfico de Tesa González, compone una pieza orquestal dirigida al oído y visión del universo de la infancia.
No podía faltar, cómo no, un homenaje a los Beatles, unos magistrales creadores de canciones que ya están fuera del tiempo y el espacio... allí donde sólo “queda la música”.
Gracias, Antonio, por regalarme el título de tu bellísimo poemario, de esa cajita de música y poesía.

Luis Eduardo Aute