Afirmo, guste ou non guste, que neste país
aínda estamos en transición democrática. E pensar que algúns queren dar
leccións de democracia! Hai que ser ousados.
Existen exemplos abondos que retratan a
realidade ata extremos incribles e que
demostran que non estou a afirmar barbaridade ningunha.
Só por comentar algunhas cousas direi
que existe un ministerio fiscal que, no canto de acusar, se converte en avogado
defensor dunha infanta imputada e criminaliza o xuíz. Ver para crer. E sigo.
Políticos corruptos que seguen nos seus postos (aquí non dimite ninguén),
dirixentes que afirman algo e, meses antes, afirmaban o contrario. Non hai
vergoña. E aínda queren dar leccións de moral. As hemerotecas están aí, son
testemuñas nidias que non os arrubian. Recortes de dereitos acadados con sangue
e suor ao longo de moitos anos, política difusa e displicente contra a
inmigración, algo que nos enche de vergoña. Onde están os dereitos humanos?
Un
país no que a Igrexa máis retrógrada ten un peso antidemocrático evidente.A lei
do aborto. Ai, as palabras dese tal Rouco…! Que medo! Cínicos! Un país no que
non se poden ver os telexornais da televisión pública, manipulados ata a
esaxeración. Impotencia. Noxo.
Paso
por riba a Monarquía, sen falar dela. Abdicación, aforamento, información
escura, présas para manter unha orde hipócrita. Non falo de Felipe VI, nin da
posibilidade dunha República, nin de campañas organizadas para desprestixiar
aqueles proxectos, máis ou menos ilusionantes (Podemos), por parte da dereita
ultramontana deste país,da prensa ultraconservadora ao seu servizo, e doutros
xornais que, cada vez máis, vanse escorando á dereita. (El País, por exemplo).
E, malia todo, creo na clase política,
pois na sombra hai milleiros de persoas que están a traballar con honestidade
para que a cousa pública funcione. Son os que non saen nos xornais, os que
detestan o que está a suceder, os que semella que non existen porque o seu
labor fai menos ruído. Os políticos son necesarios. Non quero tecnócratas nin,
xaora, salvapatrias. Quero ideoloxías que humanicen esta sociedade aletargada.
Un país no que hai aeroportos sen avións,
delitos probados e non pasa nada! Un
país que encabeza as listaxes máis vergoñosas de pobreza real (Cáritas, dixit).
Un país que cos retallos decididos polos que mandan (mandan?) están a
empobrecer os cidadáns máis necesitados e están a cargarse unha clase media,
cada volta menos media.
Mellor, deterse aquí e ir polo vieiro
que tiña marcado.
Chego a onde quería chegar: á Memoria Histórica. Que triste ver o mapa
de rúas da capital do Reino ateigado de nomes de personaxes e feitos
relacionados co franquismo (Xeneral Mola, Yagüe, Arriba España, Xeral
Moscardó…) perante (e isto si que é preocupante) da indiferenza da xente.
Que triste constatar que os políticos do
PP, e o propio PP, non se atreven a repudiar a a ditadura franquista e a figura
do ditador. Isto é democracia?
Estou farto de frases como “Hai que
pasar páxina”, “non podemos estar sempre a mirar atrás”, “tamén houbo
barbaridades no bando republicano”, “deixemos os mortos en paz”. Tremendo.
E lémbrome das igrexas da miña infancia e mocidade con listas de nomes
con símbolos fascistas, coa cruz e co lema “Caídos por Dios y por España”
Que noxo! Que abuso! Que descaro! Que
inxustiza!
E a
carraxe sobe de ton cando escoito a un político do PP, o “ínclito” Rafael
Hernando, do partido no goberno, afirmar “que moitos se moven e teñen interese
de saber dos seus país cando hai subvencións”. Horror! E o seu partido, repito,
no goberno, non o obriga a dimitir nin sequera a pedir desculpas. Que falta de
respecto!
Non penso descualificar a clase
política. Reitero o dito anteriormente. Nunca entrarei nese xogo que a tantos
lles encanta para meter a todos nun mesmo saco.
Así que, un día (xa entrada a noite)
paseando polo centro de Cangas (había moito tempo que non o facía) deime de
fronte cun pequeno monumento que me emocionou. Ía frío pero quecín por dentro.
Dedicado ás vítimas da represión e na
lembranza das liberdades, presentaba este texto do poeta Claudio Rodríguez Fer:
Que o libre voo das pombas da paz erga para sempre a memoria
solidaria das xentes xustas que o deron todo pola liberdade e a xustiza.
Pombas! Pombas!! Pombas!!!
Non o puiden evitar e pedín a un amigo
que me fixese una fotografía diante del.
Viñéronme
á mente demasiadas cousas. Volvín á miña nenez nuns segundos. E sentín o
engano, a mentira ben orquestrada, a manipulación, a dor; sentín, de novo, a
historia artificial, ruín e falsa na que me fixeron vivir durante tanto tempo
entre a miña familia, a igrexa coa relixión coma bandeira, a educación recibida
e os muros que estaban a pór diante de min durante anos e anos, nos que case me
volvo tolo.
E respirei fondamente. Aire fresco
envolveu os meus sentimentos.
Claudio Rodríguez Fer |
Notei una satisfacción ao pouco tempo.
Esvaeceran as lembranzas.
Cando cheguei á casa, volvín a ese
cívico poemario “Ámote vermella” (que xa estivo presente neste blog hai unas
datas) e volvín a emocionarme coas súas homenaxes a tantas mulleres que loitaron
ata a extenuación polos seus dereitos. Loitas sen conto. Loitas con
consecuencias funestas. E esas cinzas deberían servir para asentar as bases
dunha sociedade democrática, limpa, que recoñecese as accións de tantas persoas
que creron nun ideal de vida, para eles/as, para os seus, para todos e viron
coutadas as súas forzas pola crueldade e polas paredes abafantes que levantaron
diante deles e delas para enmudecelos, agochalos e que fosen esquecidos.
Unha sociedade hixienicamente aberta non
pode permitir semellante desatino. Xa está ben de deixarse manipular, someter,
adurmiñar. Están a tentar facer cidadáns planos, sen ideas, acomodadizos, que
non pensen. Que alimenten o seu espírito de aire, de nimiedades, de fruslerías.
Están a ocultar o importante a reflexión crítica, a acción, a rebeldía, a loita
pola xustiza para guiar a nave polos mares que eles teñen sucados dende sempre.
Queren unha sociedade funcionalmente analfabeta que se alimente de actos
chocalleiros e, xaora, á marxe de feitos culturais con peso específico.
Por iso, boto man de Claudio Rodríguez Fer e sinto arrepíos
cando leo a dedicatoria do poema “Inscripción
para unión libre”.
A María Vázquez Suárez,
mestra socialista en Miño, torturada e asasinada na praia de Bañobre (Miño) o
19 de agosto de 1936, acusada entre outras cousas de postular a escola laica e
o amor libre, así como de enterrar a súa nai sen rito católico.
E a todas as
mulleres perseguidas por ter ideas de cambio e de progreso.
Ilustración de Sara Lamas |
Asasináronas,
máis sempre
estarán vivas en nós.
Encarceráronas,
mais
sempre estarán libres en nós.
Exiliáronas,
mais
sempre estarán dentro de nós.
Acaláronas,
mais
sempre falarán para nós.
Como para pasar páxina, non querer ver
cara atrás e ler/escoitar tantas necidades que os insensatos van deixando nos
medios, nas conversas cotiás, perante a indiferenza de moitos e a
insensibilidade de tantos outros.
Dá gusto ler un poemario coma “Ámote vermella”, no que as mulleres
loitadoras toman o protagonismo que tanto lles roubaron (e seguen a roubar),
malia a súa loita por unha sociedade xusta e libre. E aproveito para reler algún
poema do poeta lucense. Abro o seu poemario A boca violeta e leo:
DESDE
A NADA
espirais
de violeta en castro celta
ou
praias caracolas no burato da loia.
Desde
agora coñeces toda xénese
o
arrebato de amor á natureza
que
concibe estes versos que son vida.
A
creación intuida nos teus ollos
ensinoume
de min a perspectiva
e viu
nacer o poema desde a nada.
A
espiral da violeta é flor de pedra
que
cultiva Galicia no meu dentro.
Fermoso
poema, en verdade. Aproveito para ler de novo o poemario, que data de 1987.
Volvo
a Ámote vermella para rematar estas
liñas crispadas con outra pequena mostra poética, “As tolas soñando”, dedicada “ a todas
as mulleres que tolearon de dor” (ademais do investigador X Luís Axeitos).
Ilustración de Sara Lamas. |
Perderon
ata a razón,
o
único que lles quedaba.
Pero
non perderon o amor
que
quixeron quitarlles.
Que sintan vergoña (terana?) todos
aqueles que seguen a mirar para outros lados diante de tanta atrocidade, diante de tanta inxustiza.. Que
lles batan estes versos nos seus corpos ata desarmalos.
E, a ver se,copiándolle a expresión a
Aníbal Malvar, deixa este país de ser “intelectualmente desenvolvido” dunha vez
por todas.
A inxenuidade, pola miña banda, que non falte.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO