Woody Guthrie |
Entrei,
como fago a miúdo, na libraria. É un acto case cotián.
A
libraría, xunto con Elepé, vén sendo para
min unha segunda casa.
Vou directamente á mesa de novidades en
galego. Despois, diríxome á sección de poesía. Folleo os poemarios que me
chaman a atención, leo algúns poemas, algúns versos e decido o futuro do libro
en cuestión. Xa o convertín nun rito que se repite un día si e outro tamén
dende hai moitos anos.
Feito isto, reviso os andeis da LIX e as
diferentes mesas que amosan os títulos máis recentes das diversas editoriais.
Síntome moi feliz entre libros. Case sempre deixo reservado algún título ou
saio cun par deles no bolso. Non o podo remediar.
O
acto lector, que se produce na miña casa en cada un dos recunchos creados para
iso, resúltame un pracer difícil de expresar con palabras.
Case sen querer, estou afastándome do
que quería dicir. Ou talvez non. Tanto ten. Pois facendo o percorrido habitual
na libraría, cheguei aos libros da editorial Anagrama. Tras unha primeira ollada, reparei nun libro cuxo autor
era Woody Guthrie. Non o podía crer.
Woody Guthrie? Era o Woody Guthrie que eu admiro tanto? Era. Non tiña nin a
menor idea de que este home, luz para tantos artistas comprometidos coa música
e coa liberdade, que levaba tatuado na súa guitarra o lema Esta máquina mata
fascistas, escribise unha novela. Veume á cabeza ese fermoso himno “Esta
terra é a túa terra” e, deseguido, lembrei as súas magníficas memorias “Bound
for glory”, publicadas en español por Global Rythm, co nome de “Rumbo a la gloria” na tradución de Ezequiel
Martínez.
Coñecía fondamente a súa obra musical
(hai ben anos que mercara un vinilo cunha selección dos seus temas máis
importantes), pois, ao longo do tempo fora mercando cedés coas súas cancións,
sempre tan suxestivas.
Sabía, ademais, a profunda admiración
que Bob Dylan sentía por este
pioneiro do folk americano (el foi quen mo descubriu) e, mesmo, coñecía as
opinións ben favorables que Pete Seeger tiña
sobre Woody.
Pero unha novela? Grandísima e
marabillosa sorpresa. O seu título? "Una
casa de tierra”, cunha edición e introdución de Douglas Brinkley e Johnny
Depp! Si, si, ledes ben. Trátase do coñecido actor, que era amigo do
primeiro.
Ilusioneime, tras refregar os ollos e
ver a fotografía do xenial trobador. Era el! E lin por detrás que era a única
novela de Woody Guthrie, rematada en 1947 e inédita ata o momento. Aínda non a
rematei (estou con ela)*, pero quero salientar o feito. Segundo podemos saber (e
así o vou comprobando), trátase dun retrato do “Dust bowl” americano que, coas súas tormentas de area e a súa
pertinaz seca, agravou os devastadores efectos da Gran Depresión dos anos
trinta.
Din os editores, Brinkley e Depp, que
“Guthrie perdura coma a alma da cultura folk norteamericana do século XX.
A súa música é a terra. As súas palabras – letras de cancións, memorias,
ensaios e, agora, narrativa - son os ladrillos de adobe. É un home do pobo,
polo pobo, para o pobo”.
Certeiras palabras. Podo aseguralo dende
o coñecemento das súas cancións.
Saín feliz da libraría. E pensei, axiña,
no meu fillo Antón, alá nos EE.UU. A
el gústalle, sempre lle gustou, dende que o escoitou por vez primeira. Falamos
ben de veces del. E de Hank Williams,
de Jimmy Rodgers, de Phil Ochs, do propio Seeger, de Dave Van Ronk ou de Odetta, entre moitos outros. Estaba
desexando chegar á casa para intentar localizalo através do Skype, claro. Púxenlle un correo
electrónico. Conectouse e falamos. Tampouco el non coñecía a novela. Foi unha
feliz descuberta. E comezou, como fai sempre que algo se lle escapa, a
investigar.
Pedinlle que traducise, directamente
dende o inglés, “This land is your land”, a súa canción de referencia.
Comprometeuse e cumpriu.
Unhas horas máis tarde, tiña a tradución
no meu ordenador.Portouse, porque Antón, que está decontino a facer cousas, ás
veces é un pouco “informal” cando lle pides algo. Informal nos prazos soamente,
pois non deixa endexamais de cumprir o prometido.
Velaquí a tradución:
Woody Guthrie
Esta terra é a túa, esta terra é a miña
Dende California ata a illa de Nova
York;
Das fragas vermellas ás augas do
Golfo
Esta terra fíxose para ti e para
min.
Mentres camiñaba por esa fita de
autoestradas,
Vin aí enriba ese ceo infindo;
Vin aí abaixo ese val dourado:
Esta terra fíxose para ti e para
min.
Vaguei sen rumbo e seguín as miñas
pegadas
Ata chegar ás areas brillantes dos
desertos de diamante;
E ao meu redor unha voz soaba:
Esta terra fíxose para ti e para
min.
O sol brillaba e eu camiñaba,
Cando se ergueu a néboa unha voz
cantaruxaba:
Esta terra fíxose para ti e para
min.
E no meu camiño vin un cartel
E nese cartel dicía: “Prohibida a
entrada”.
Mais do outro lado non dicía nada.
E ese lado fíxose para ti e para
min.
Á sombra dun campanario vin a miña
xente,
Onda un posto de axuda humanitaria
vin a miña xente;
Estaban alí de pé, famentos, e eu
preguntei:
Fíxose esta terra para ti e para
min?
Ninguén pode xa determe,
Pois camiño pola autoestrada da
liberdade;
Ninguén pode xa facerme voltar
atrás,
Esta terra fíxose para min e para
ti.
E agora escoitamos a canción nun vídeo
que contén un documento excepcional.
Comentoume, ademais, que leu no New York Times que poucos sabían da existencia da novela, cuxo manuscrito rematou en 1974 e permaneceu inédito ata estes momentos.
O escritor Douglas Brinkley
soubo del cando estaba a facer unha investigación sobre Bob Dylan para un
artigo que debía publicar na revista Rolling
Stone.
Por outra banda, ningunha das
biografías publicadas de Guthrie ata estas datas mencionou a novela, polo que
Brinkley, coa axuda da Woody Guthrie
Foundation e de Nora, a filla do
cantante, empeñouse en buscar o manuscrito. A súa obstinación deu froitos.
Acabou atopándoo e a edición de “Una casa de tierra” converteuse nun
feito importante. Brinkley e Depp, bos amigos, escribiron o limiar. Ambos
senten un grande interese pola figura de Woody Guthrie.
E xa que sae Bob Dylan á palestra, direi que no primeiro
disco do mestre de Duluth, Bob Dylan (1962) que contén 13 temas, 11 arranxados
por el e dous coa súa firma, aparece unha canción chamada “Song for a Woody” (unha
evidente homenaxe ao seu venerado folksinger)
na que, tomando a música de “1913 Massacre”
de Guthrie e escribindo Dylan unha nova letra, podemos apreciar a admiración
que por el sentía.
Sempre se dixo que o Dylan
mozo, o segundo día da súa chegada a Nova York, o 25 de xaneiro de 1961,
visitou un Guthrie, xa terminal, no Greystone
Hospital. “Bound For Glory”
impresionara a Bob e, debido á lectura das memorias, tomou a Woody Guthrie como
referencia persoal e artística.
Velaquí unhas liñas deste
tema:
Estou aquí,
a miles de millas do meu fogar,
Estou a ver
o teu mundo de xentes e cousas,
Oigo os
pobres e labregos, princesas e reis.
Eh, eh,
Woody Guthrie, escribinche unha canción,
Sobre un
mundo paradoxal que dá voltas,
Que semella
esfameado e enfermo, canso e roto,
Que semella
estar a morrer sen ter nacido aínda.
Eh, Woody
Guthrie, pero eu sei que ti sabes
Todo o que
che poida contar e moito máis,
Estou a
cantarche unha canción que non di abondo
Porque hai
poucos homes que fixesen o que ti levas feito (…)
E podemos escoitar a canción
na voz de Bob Dylan, en directo no Continental Airlines no ano 1999.
No seu libro “Crónicas, I” escribe Dylan sobre o trobador de Oklahoma: “ A miña vida cambiou para sempre o día no que me puxeron un disco de Woody (…) El captaba como ninguén a esencia das cousas. Era poético e duro á vez… O seu estilo, a maneira como a súa lingua ía debullando a letra, abatíate de costas (…) Para min foi coma unha revelación, coma se unha áncora moi pesada acabase de mergullarse nas augas dun porto…”
Curiosamente, ao mesmo tempo
da descuberta desta novela, mercara eu un disco fermosísimo chamado “Woody
Guthrie at 100! Live at the Kennedy Center”, no que artistas como Rosanne Cash, Tom Morello, Lucinda
Williams, Judy Collins, Ani DiFranco, John Mellencamp, Donovan
ou Ramblin´Jack Elliott entre outros
homenaxean en vivo ao máis grande cantante de folk americano.
Non podía deixar pasar este
interesante achádego. Por iso dou conta del neste artigo. Por iso entra en “Versos
e aloumiños” coa dignidade que este home merece.
Espero e desexo que a figura
de Woody Guthrie sexa coñecida e valorada como corresponde.
Woody Guthrie é grande, moi
grande.
* No momento de saír esta entrada neste blog-revista, hai dous días que rematei a novela de Guthrie.Non me defraudou. Non é unha obra mestra, dende logo, pero si a expresión dunha psicoloxía do ser humano que vive na miseria nunhas condicións humanas, laborais e familiares ínfimas. Ten tesión narrativa, uns toques eróticos, certos momentos poéticos e fai que o lector ou lectora mastigue a area que se levanta e que se una a uns personaxes trazados dende a crúa realidade.
Antonio García Teijeiro
* No momento de saír esta entrada neste blog-revista, hai dous días que rematei a novela de Guthrie.Non me defraudou. Non é unha obra mestra, dende logo, pero si a expresión dunha psicoloxía do ser humano que vive na miseria nunhas condicións humanas, laborais e familiares ínfimas. Ten tesión narrativa, uns toques eróticos, certos momentos poéticos e fai que o lector ou lectora mastigue a area que se levanta e que se una a uns personaxes trazados dende a crúa realidade.
Antonio García Teijeiro