Mostrando entradas con la etiqueta xabier romero. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xabier romero. Mostrar todas las entradas

lunes, 26 de mayo de 2025

CONVERSA ARREDOR DE 'SENTADO DIANTE DA FIESTRA' NA LIBRARÍA LIBROURO (con Mª Xosé Porteiro e X. Romero)

Un momento da conversa guiada pola escritora e xornalista María Xosé Porteiro


Coincidindo co aniversario da Revoluçao dos Cravos, o 25 de abril, na Librería Librouro tivo lugar un acto fermoso arredor do libro Sentado diante da fiestra, editado pola Editorial Elvira.

De novo, María Xosé Porteiro e Xabier Romero conversaron comigo sobre os múltiples temas que os artigos recollidos no libro gardan no seu interior.

Conversa distendida que resultou moi agradable para os asistentes e que rematou, cantando entre todos, a canción insignia da revolución, Grândola Vila Morena, cun caravel na man. Uns momentos moi emocionantes.

 

Noa García Garrido participando no acto

Nun intre do acto, unha asistente, Noa García Garrido, leu un fermoso poema coma homenaxe á miña obra, algo que lle agradecín moi fondamente.

 

Estamos a vivir un tempo moi gris e estes actos nos reafirman no concepto de LIBERDADE; unha liberdade que podemos perder, a pouco que nos despistemos.

 



O acto foi gravado en audio e, para todas as persoas que o desexen, Versos e aloumiños ofréceo cunha enorme satisfacción e agarimo aquí embaixo.


(Dedicado ao meu prezado amigo, João Pedro Mésseder, un loitador incansable)





jueves, 30 de enero de 2025

Conversa arredor de "Sentado diante da fiestra" na Asociación Évame-Oroza. Xaneiro 2025

 



Que o libro Sentado diante da fiestra dá moito para conversar é un feito.

Así o considerou Xabier Romero, director da Editorial Elvira e presidente da Asociación Évame-Oroza e decidiu que fixésemos unha palestra arredor dalgúns temas que se tratan nesta compilación de artigos.


Os tres participantes no acto

Isto levounos á sede da Asociación a María Xosé Porteiro, escritora, xornalista e activista cultural (á que tanto quero), ao propio Xabier e a min para conversar.

Foi un acto entrañable, dirixido por Mª Xosé, no que interveu Susi Fernández, a miña muller, e algúns dos presentes entre o público.

Moi feliz por estar máis dunha hora falando da miña vida, dos meus obxectivos, de cultura, da sociedade e de literatura, esa arte que tanto nos encanta.

 

O acto foi recollido en audio e, embaixo, está reproducido para todos e todas as seguidoras deste blog-revista.






 


miércoles, 18 de diciembre de 2024

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO LIBRO "SENTADO DIANTE DA FIESTRA", de Antonio García Teijeiro no CLUB FARO

 

De esquerda a dereita, Manuel Bragado, Noa García, Antonio GT e Xabier Romero (Foto de Pablo Hernández)


 

O luns día 16 de decembro, presentouse no Club FARO, no MARCO, en Vigo, o libro Sentado diante da fiestra, de Antonio García Teijeiro.

 Unha edición marabillosa, ao coidado de Arantxa Amatriain e Rubén Romero, que Editorial Elvira, no seu selo Luscofusco, tirou do prelo cun agarimo e unha elegancia admirables e na que teñen unha presenza salientable as pinturas de Xulio García Rivas.

 


Sentado diante da fiestra é un monllo de 51 artigos publicados por García Teijeiro no suplemento Estela, do decano da prensa nacional e un deles, á marxe da revista, co gallo do centenario do Real Club Celta de Vigo.

 Participaron nesta charla-coloquio, ademais do autor, Manuel Bragado, que falou do libro e de AGT, Xabier Romero, que presentou o acto como responsable da editorial e a xornalista Noa García (filla do autor) que foi a responsable da entrevista.

Noa e AGT



Resultou un acto fermoso que foi seguido polo numeroso público asistente e respirouse un aire de reivindicación da palabra literaria, da necesidade de pensar, da fuxida do pensamento único, da preguiza intelectual que se está instalando na sociedade e moitos temas e anécdotas de García Teijeiro.

A música, a poesía, a lectura literaria, o xornalismo narrativo e literario tamén saíron á palestra nun acto do que o público saíu moi satisfeito.

 



A charla-coloquio foi gravada en audio e, loxicamente, Versos e aloumiños ten o pracer de ofrecelo a todo aquel que queira saber o que alí se dixo.

Así pois, embaixo destas liñas está a gravación para que poida ser escoitada.

 




jueves, 16 de febrero de 2023

AUDIO DA PRESENTACION DE "SE FALASES DE MIN" NA LIBRERÍA VERSUS



A finais do mes de febreiro, tivo lugar unha nova presentación do libro Se falases de min na prestixiosa librería Versus.


     Introduciu o acto o director da editorial Elvira, Xabier Romero, e deseguido o artista Alberto Cunha dixo unhas palabras referentes ao espírito desta xuntanza literario-musical.

Intervención de Xabier Romero

     Antes de que eu contase a miña impresión do libro, Alberto e Andrés Cunha interpretaron a canción Se falases de min, que no libro aparece na voz do gran Paco Ibáñez. Foi, sen dúbida, unha fermosa versión, como neles é costume.

Alberto Cunha fala do acto e do libro

      Tamén eles dous, tras a miña intervención, deixaron no aire (e nos nosos sentimentos) dúas cancións baseadas en poemas do libro. Foron intres de emoción nada disimulada.

 

Os irmáns Cunha deleitando aos asistentes


     Resultou, sen ningunha dúbida, un acto entrañable nun recuncho precioso da librería que nos acolleu cun enorme agarimo.

O acto foi gravado en audio e aquí está para os que vos animedes a escoitalo.

AGT falando do libro

       Versos e aloumiños segue a ser un espazo para xente sensible ás artes. Se falases de min, que reúne arredor da poesía, as pinturas de Xulio García Rivas, as palabras de Jordi Sierra i Fabra, a composición de Paco Ibáñez (case nada!), seis temas de Alberto Cunha e a miña voz lendo poemas do libro; Versos e aloumiños, digo, séntese un blog-revista moi honrado de recoller estas pezas, algunha delas, histórica.







E velaquí o audio deste acto tan marabilloso.