sábado, 11 de febrero de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (7) Francisco Fernández del Riego en senllos libros de Ramón Nicolás e Héctor Cajaraville

 



A piques de que comece o “Ano Del Riego”, a quen se lle adica no 2023 o Día das Letras Galegas, as editoriais poñen en marcha os seus motores.

     Edicións Xerais de Galicia vén de editar dous libros ben interesantes como sucede cada ano para celebrar o día das Nosas Letras.

O primeiro deles aparece da man e do saber do escritor e crítico literario Ramón Nicolás, cun libro que leva por título Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo, incluído na colección Xerais Libro X.

Trátase dun volume moi interesante de carácter divulgativo. Escrito cunha prosa amena e directa, o autor vai deitando unha biografía moi clara sobre don Paco, que nos leva, sen dúbida, a entrar na súa complexa vida, chea de proxectos, feitos e investigacións e que nos permite comprender as claves fundamentais do galeguismo e da cultura galega no século pasado.

     

Cando un remata a súa lectura, entende a chea de atrancos e dificultades que os pioneiros, e neste caso Del Riego, tiveron que superar para dotar a Galicia dun espírito intelectual e cultural de seu. Os diversos capítulos van levándonos por unha vida chea de sobresaltos, fannos entender certas realidades e amósanos a figura de Francisco Fernández del Riego como un home xeneroso, poliédrico, comprometido e honesta.

     Ao pechar a última páxina do libro, un sente as ganas de afondar na persoa e nas múltiples actividades que desenvolveu ao longo de moitísimos anos.

     Isto é, sen dúbida, o que Ramón Nicolás pretendía e abofé que o conseguiu completamente. Nicolás escribe no limiar que “o propósito destas páxinas é o de ofrecerlle á persoa interesada unhas claves sintéticas e apertadas, construídas desde o respecto e a admiración, que posibiliten coñecer quen foi Francisco Fernández del Riego e o que supuxo para a nosa cultura”.

 

O segundo libro editado por Xerais na colección Merlín é da autoría de Héctor Cajaraville, vai dirixido a un público máis novo e titúlase Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro.

     Cajaraville é consciente da importancia de achegar a figura de tan eximio intelectual á rapazada e á mocidade e sabe que debe escribir nun ton sinxelo pero sen concesións. As primeiras páxinas teñen como obxectivo centrar a figura de don Paco e destacar a súa importancia como un dos intelectuais máis relevantes da nosa historia e engade “non só polo seu labor persoal, senón porque grazas ás súas iniciativas foron moitos os autores que puideron dar a coñecer e ver recoñecida a súa obra”.

     

Gústame o espírito do libro que é fiel ao concepto que enmarca todas esas iniciativas no “galeguismo”, que, para quen isto escribe, é o fundamental dos seus variados proxectos.

 Ao longo da obra imos vendo as distintas etapas da súa vida: a posguerra e os “anos da fame”, a creación da editorial Galaxia (“o máis emblemático fito do ´segundo rexurdimento´ da cultura galega tras a Guerra Civil”), a revista Grial, outros proxectos como a Fundación Penzol, a súa faceta de escritor entre os anos 1997-2010. Cómpre destacar a inclusión dun Epistolario que inclúe cartas de Álvaro Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Antonio Fraguas, todos eles galeguistas sobranceiros que compartiron con Del Riego moitos das súas inquedanzas culturais. Entre as cartas figura unha moi agarimosa enviada a Héctor Cajaraville, autor desta obra. Non falta no libro unha cronoloxía, a súa obra publicada, os recoñecementos acadados por don Paco e unha bibliografía selecta

     Por se fose pouco inclúe unha presentación audiovisual, a través de código QR, onde Cajaraville fala sobre Fernández del Riego.

 


     Ambos volumes son dun interese ben grande. Os dous reflicten a función de Del Riego, na súa longa vida, coma un alicerce ao redor do cal se artellou o difícil traballo conxunto entre os intelectuais do exilio e dos que permaneceron no interior.

Dous libros amenos e sedutores, en principio dirixidos a dúas clases de público, que se len con moito pracer.


                                                                                     Antonio García Teijeiro