domingo, 13 de noviembre de 2022

As miñas columnas en A NOSA TERRA (3). "Contos na cama"

 



Hai uns anos tiven a honra de escribir unhas columnas no histórico xornal A Nosa Terra.

Nestas columnas tocaba eses temas que a min me preocupaban en relación coa escola e a lectura fundamentalmente.

Sempre me sentín moi cómodo e encantado de colaborar cunha publicación que endexamais debeu desaparecer.

Por iso, aquí e agora, vou recuperar algunhas delas e vostedes xulgarán o meu punto de vista e a vixencia das mesmas.

 

Nesta terceira entrega escribo sobre o pracer que produce ler contos na

cama aos nosos fillos e fillas antes de durmir.




Foto do autor: Ricardo Grobas



                                           

                                               CONTOS NA CAMA

 

  

“O que máis me gustaba era que me contases un conto na cama. Lembras?- Malva – dicías -, ¿cama e conto? Oír esas palabras era o mellor do día, o mellor da vida”. Así comeza o libro Cama e conto (Ed.Xerais) do meu querido Gonzalo Moure. E isto fíxome revivir momentos fermosos na formación dos meus fillos. Susi, a miña compañeira, líalles todas as noites un ou varios contos antes de durmir. Eu andaba pola casa dicindo poemas en voz alta a quen me quixese escoitar. A noite de Reis, a Noite Máxica (que aínda celebramos) era un pequeno espectáculo arredor dos libros. Agora incluímos música. Moure reflexiona nesta historia sobre o seguinte paradoxo: aprender a ler é, ás veces, unha fronteira na que se perde ese delicioso pacto entre pais e fillos. Refírese o autor á relación especial que, ler ou contar un conto pola noite, semella perderse cando os cativos acadan a autonomía lectora. Dámoslles o libro e desaparecemos. E algo si se perde, porque nesa transmisión oral créanse uns lazos afectivos dunha fondura marabillosa. A lectura na cama resulta unha actividade enriquecedora, chea de tenrura, para pais e fillos. Créanse complicidades e acádanse ilusións comúns. É un pracer escoitar pero tamén ler. Sentes ben preto os cativos, modelas a súa atención, espertas sentimentos moi ricos e compartes un espazo común que beneficia a todos. E non vale a desculpa do cansazo. Compensa compartir cos fillos unhas páxinas como un acto de sedución mutua e deixarse levar pola forza da literatura escrita ou oral. Chegar xuntos a ese horizonte, onde fábula e realidade comezan a ser a mesma cousa na beira do sono, convértese nunha aventura que alegra os sentidos.

 

                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO