martes, 22 de noviembre de 2022

"SEMPRE EN GALEGO", un relato orixinal de ANTÓN RIVEIRO COELLO, verdadeiro agasallo para "Versos e aloumiños"

 

Antón Riveiro Coello


Antón Riveiro Coello é para min, talvez, o novelista que máis me interesa da actual literatura galega.

     Síntome moi en concordancia cos seus temas (lembranzas, incursións nos conflitos bélicos, a visión psicolóxica das persoas e os seus comportamentos (a covardía, a vinganza, a fidelidade, a homosexualidade, as crises económicas e as súas consecuencias…) e pola maneira directa sen reviravoltas de contar as historias. Salientar, ademais, a linguaxe coidada que emprega, na que non falta nin sobra ningunha palabra.

     




     Hei recoñecer que a súa novela Laura no deserto é unha das mellores novelas que teño lido en lingua galega. Nela atopamos como escenario da narración a Compostela, Barcelona, Europa (na Segunda Guerra Mundial) e Nova York a finais do século XX, nun exercicio narrativo extraordinario, que penetra no máis fondo dos personaxes e cunha voz ateigada de intensidade e fálanos da identidade, da culpa, do amor e da liberdade. Unha alfaia que recomendo moi ferventemente.

     



     A súa obra é dunha magnitude extraodinaria e nela podemos atopar títulos como Casas Baratas, Os elefantes de Sokúrov, Os ollos de K, As rulas de Bakunin, A ferida do vento, O paraíso dos inocentes ou Días de intemperie, entre outras.

     Ademais de grande escritor, Antón Riveiro Coello é un ser sensible e dunha enorma xenerosidade. De aí que eu sempre arelaba contar cun achegamento da súa autoría para o noso blog-revista, Versos e aloumiños.

     



     Foi dicirllo e con rapidez e con moitísimo agarimo envioume dous relatos para que escollese. Calquera dos dous poderían ser publicados -faltaría máis- pero eu decidinme por Sempre en Galego, que me resultou tan próximo coma necesario.

     Hoxe é un gran día para Versos e aloumiños. A voz, a palabra de Antón Riveiro Coello engrandece os nosos contidos. É esta unha publicación especial que nos enche de satisfacción e orgullo. Desfrutádea. Gozade da súa habelencia literaria porque paga moito a pena. Un verdadeiro luxo.

     Nós só lle podemos dicir: Grazas, mestre!!!




                                     Sempre en galego

 

Antón Riveiro Coello

 

 

  Aquel accidente foi soado. Ás veces penso que puido haber un refinado cálculo na actitude de Ramiro Carracedo. Non o sei, pero o azar fixo daquilo un macabro acontecemento que transcendeu a nosa comisaría. Lembro con doada nitidez os intres previos, cando o comisario Carballo facía tronar as súas palabras e empoleiraba a súa pregunta alporizada, sen lle importar a media ducia de persoas que atendían, impacientes, detrás do mostrador.

         ─Onde diaños se meteu ese home?

Ninguén lle contestou; apenas algún aceno de ignorancia.

─E logo non lle quedan aínda tres días?

Tres días, si, tres días para se xubilar e xa eran as nove da mañá e o berciano que non viña.

─Riveiro, vostede sabe onde vive?

─Non.

─Nunca estivo na súa casa?

─Non.

         Nin eu nin ninguén dos que traballabamos na comisaría estiveramos nunca na casa de Ramiro Carracedo. É máis, a súa vida privada era para todos nós un misterio; el nunca falaba dela. Sabiamos que vivía na cidade, no barrio de Mosquete. O resto xa era toda unha morea infundada de sospeitas: que se se trataba dun célibe furibundo, que se era misóxino, que se vivía coa súa nai tola, que se unha vez o viron entrar nun bingo canda un mozo... O único certo era que cando saía da comisaría e se perdía na distancia, desaparecía engulido pola cidade e non volviamos saber del até as oito e media da mañá, xusto ao abrirmos a oficina. Alí estaba sempre, teso coma un estadullo, exhibindo a súa puntualidade suíza. Por iso, cando aquela mañá non o vimos cadrado diante da porta coa súa arrogante timidez, deu en tomar conta de nós un agoiro tráxico que foi medrando cos minutos, porque Ramiro Carracedo nunca faltou ao seu traballo, nin tan sequera para ir ao médico. O seu expediente limpo só sufriu unha pequena falta cando un venres, vindo para o traballo, o atropelou un coche diante de correos; o retraso só foi dunha hora xa que el se negara a ir a urxencias; seica tiña cousas que facer na oficina. E velaí como, adoecido, coa perna ensanguentada, termando da dor, estivo a atender ao público até as tres, xusto cando xa non puido máis e houbo de coller un taxi para ir ao hospital. Con todo, o luns, escravo da súa responsabilidade, apareceu na oficina arrastrando unha coxeira que o acompañaría sempre.

         Tres días. Só tres días lle faltaban a Ramiro Carracedo para se xubilar e xa eran as nove e dez da mañá. Corenta minutos era tempo dabondo para que o comisario Carballo se sumase á sospeita de que algo lle acontecera a este funcionario galeguista que sempre lle estaba a corrixir os informes e os oficios. O día anterior ao accidente mesmo tiveran unha forte discusión porque o comisario se negaba a que no informe aparecese a palabra móbil con be e Ramiro Carracedo non agachou o seu aceno de desprezo diante de todos.

         ─Non teñen o teléfono na súa ficha?

─Supoño.

─Pois chámeno.

A xente amoreaba as súas consultas e deron en xurdir as primeiras protestas. Deixei por un intre a unha muller que viña poñer unha denuncia por malos tratos e obedecín a orde do comisario. Remexín no arquivador do persoal até dar coa ficha, marela de vellez. Nela, cunha caligrafía de cursivas nerviosas, apareceu o enderezo e mais un teléfono. Premín os números e agardei un intre.

─Señor, neste teléfono non dan razón.

O comisario Carballo torceu o fociño. Semellaba preocupado, mais coido que a súa preocupación non era polo aprecio que lle puidese ter a este administrativo do Bierzo senón porque a oficina estaba ateigada de xente e os papeis semellaban rebelarse contra nós. Quería solucionar canto antes este rebulicio burocrático que se estaba a armar na oficina, sobre todo, porque a rapaza que o viña substituír era a primeira vez que traballaba.

─Achéguese até a súa casa. Pregúntelles aos veciños, faga o que sexa para que ese parvo veña axiña! Non sei de onde sae tanta xente! Deulles a todos por vir hoxe!

Só tres días para unha merecida xubilación e este funcionario austero, cumpridor, que non aparecía. A súa ausencia deixábase sentir nunha desorde a cada volta maior.

Puxen o abrigo e saín da comisaría. Ía frío. A cidade alentaba o seu bafo de vida na miña respiración quente. Un cartel publicitario erguía unha fermosa fotografía e tiña unha lenda escrita en castelán que me fixo lembrar as teimas idiomáticas de Ramiro Carracedo e toda a restra de problemas que isto lle trouxo no decorrer dos anos. Mais el, que sabía o sitio que ocupaba no mundo, adoitaba marcar unha distancia grave cos seus superiores. Nunca perdía os nervios e o seu acougo puxo fóra de si a ducias de mandos que pasaron polas dependencias. Tívoas tesas con moitos deles, pero sempre dentro da lei e facendo uso dunha fría corrección coa que defendía as súas ideas. E esta actitude, que moitos, coma o comisario Carballo, sempre estimaron insubmisa, carrexoulle inimigos, sobre todo, dentro do corpo policial. Malia todo, a situación interina dos mandos axudou a que Ramiro Carracedo consolidase o seu poder e rematase por galeguizar parte da comisaría con feitos que viraron costume. E é que a historia deste administrativo era a propia historia da oficina. E si, era funcionario, con todas as connotacións pexorativas: vivía ben, tomaba o seu café de vinte minutos ás once e estaba sentado a maior parte da mañá. Pero el non escollera as condicións deste traballo. Redactar informes, declaracións ou oficios podíase facer sentado. Por riba, el, que non era amigo dos uniformes e da obediencia cega, polo calado fora informatizando os oficios e, aos poucos, coma quen non quere a cousa, inserira o galego nos formularios. Ás veces, cando o comisario Carballo o chamaba á orde e lle preguntaba quen lle mandara redactar aquilo en galego, el contestáballe que fora o propio interesado. E, certamente, Ramiro Carracedo arrimaba ao galego o seu acento medio leonés para convencer aos interesados, que se decantaban polo noso idioma. Tamén hai que dicir que era máis a actitude que o mérito, xa que os máis dos nosos administrados eran galegofalantes, coma o comisario Carballo, que se negaba a recoñecelo e que sempre, no mesmo intre do coller o teléfono, afinaba na voz un ridículo esforzo por abrir todas as vogais e usar a reo os verbos compostos dun idioma que lle era alleo. Ramiro Carracedo adoitaba botar ao aire a pregunta de por que razón había que usar o castelán se entre nós falabamos galego e os administrados tamén o facían. Era algo insensato, mesmo infantil.

Aquela mañá subín ao coche e conectei a radio. Unha música absurda de acordes desafinados acompañoume até o barrio de Mosquete. Aparquei diante do edificio e entrei no portal, que estaba aberto. Dous nenos, alleos ao frío, xogaban ao xadrez no descanso das escaleiras. Estaba concentrados e non parecían reparar en min. Só cando premín o timbre, o máis pequeno ergueu a cabeza e me espetou os seus grandes ollos negros.

─Nesa porta non lle hai ninguén.

─Seguro?

─Esa porta está selada.

─Como selada?

O máis grande virouse tamén e púxose de pé.

─Esa porta ten un muro detrás. Os dous pisos están unidos.

─Ah, comprendo. E coñecedes ao señor Ramiro?

─Pois claro! -dixo o máis pequeno, cunha xorda euforia que agachaba un sorriso.

─E non está?

─Coido que non, pero pode petar na porta do lado. A avoa poderá dicirlle onde anda.

─A avoa?

─Si, a nosa avoa -explicou o máis grande mentres eu timbraba. Unha muller duns sesenta anos abriu a porta e mais un sorriso aínda mozo e amable.

─Que desexa?

─Ando a buscar ao señor Ramiro Carracedo. Non está?

─Non, vai no traballo. E vostede quen é? -preguntoume cunha voz melancólica e doce.

─Son un compañeiro del.

─Riveiro?

─Si. Como sabe o meu apelido?

─Tenme falado de vostede. Pase, non quede na porta.

Abraiado pola sorpresa, deixeime levar pola curiosidade e entrei nun piso enorme, decorado con certo gusto. No salón, as paredes estaban forradas de libros e cadros.

─Vostede quen é?

─Sonlle a súa dona.

─Non sabía...

─Ramiro non é moi falador. Non si?

Sen agachar o meu asombro mirei de esguello para os retratos nos que aparecía o administrativo abrindo un sorriso imposible á cámara mentres agarraba polos ombreiros a dúas mozas. A muller decatouse da miña ollada furtiva.

─Son as nosas fillas. E os mangantes que están a enredar nas escaleiras son dous dos nosos sete netos. Quere tomar algo?

─Non. Teño que marchar. Na comisaria hai moito choio.

─Ramiro saíu cedo, coma sempre, e dixo que ía traballar.

─Pois non veu. É estraño. El élle o máis cumpridor de todos.

         ─Non sei. O certo é que leva un tempo un chisco anoxado. El non me quere dicir nada, pero sospeito que estes días lle debeu de pasar algo na oficina.

─Que eu saiba, nada. A non ser algunha rifa habitual co comisario Carballo.

─Ramiro é teimudo.

─Si, señora, pero adoita levar razón. Se volve dígalle que chame á comisaría.

Cando estaba a piques de pechar a porta, asaltoume unha curiosidade e busquei a ollada da muller para lle facer unha última pregunta.

─De onde lle vén ao seu marido ese amor polo galego?

─Transmitiullo o seu avó materno, que era galego e puxo escola nunha aldea do Bierzo.

Baixei as escaleiras e deille un euro a cadanseu neto. Os dous rapaces collérono sen apenas ergueren a ollada do taboleiro de xadrez.

─Isto é pola información.

─Grazas, señor.

Subín ao coche, conmovido, vítima do estupor que me viña de producir a descuberta da vida privada de Ramiro Carracedo. Era certamente un milagre agachar a intimidade durante tanto tempo e nunha cidade tan pequena coma a nosa. Incrible, pero este home, ao que só lle faltaban tres días para se xubilar, conseguírao.

Tres días non é moito tempo en trinta anos que levaba nunha comisaría á que viñera por se ter confundido no concurso de traslados. Esa cifra maldita trouxérao do Bierzo e non sabiamos cal fora a razón de non volver concursar para marchar dun destino que non pedira. Se cadra foi a propia rutina a que rematou por escravizalo ou a querenza que lle colleu á nosa lingua. Talvez o motivo de el ficar foi a muller coa que eu viña de falar. Non sei. O caso é que esa mañá non aparecía e eu xa imaxinaba a desfeita da comisaría.

En efecto, cando cheguei ao aparcadoiro tiven problemas para atopar un sitio. Algo raro estaba a acontecer. Non era normal que un día coma aquel houbese tanta xente. Entrei na oficina e o primeiro que vin foi o mostrador ateigado de persoas que berraban con certa esixencia. O comisario Carballo, coma se estivese disposto a lle facer fronte a esta ducia de persoas, estaba arremangado e suaba para lle explicar á nova administrativa todo o que tiña que facer. A rapaza, que nunca se vira noutra, acenaba coa cabeza e semellaba que dun intre a outro daría en chorar un pranto desconsolado.

En canto me viu entrar, o comisario guindoume unha pregunta feroz coma se me arrebolase unha pedrada.

─Riveiro, non me diga que non deu con ese mangante?

─Non. A muller di que saíu coma sempre para vir traballar.

─Que muller?

─Está casado, señor.

─Veña, oh!

─Si, e ten oito netos.

Todos os compañeiros da oficina, incrédulos, miraron para min cos ollos desorbitados. Mesmo a xente, que non sabía de quen estabamos a falar, calou un intre, coma se a nosa conversa tivese algo que ver coas súas peticións administrativas.

─Este cabrón mandou vir hoxe a toda a cidade! Hoxe precisamente!

─Isto é vergonzoso! -dixo alguén que estaba a esperar, e o comisario tomouna pola brava e encarouse con el. Era un home duns cincuenta anos.

─Estea caladiño se non quere vir outro día.

As palabras do comisario foron coma unha ofensa colectiva e as voces, lonxe de se apoucaren, medraron até converter a oficina nun galiñeiro.

Cando entrou o carteiro co correo, reclamou a presenza do comisario para asinar un recibín que viña ao seu nome. Como a carta procedía da central e viña asinada polo comisario xefe, abriuna axiña e, despois de a ler, botouna enriba da mesa cun xuramento xordo que lle prendeu na ollada unha luz rabiosa.

─Será fillo...

─Que pasou? -preguntei.

─Pediu os tres días, arriba, sen avisar. Seica lle sobran uns cantos por asuntos propios. Mal raio o parta!

Cun pulo anárquico, o comisario Carballo, que tiña o rostro contraído por unha rixidez castrense, tirou varios papeis ao chan e mirou o reloxo coa súa ollada dura. Aínda non deran as doce. Na oficina o aire era pesado, coma de hospital. A xente seguía a vir, e a ringleira, coma unha serpe, estendíase case até a rúa.

─Aquí ninguén sabe manexar o ordenador? -preguntou o comisario cunha voz áspera, gutural. Todos baixamos a cabeza. Só Luciano, o conserxe, coa súa inxenua insolencia foi quen de responder cheo de razón.

─O señor Ramiro é o único que sabe. Como nunca faltou non nos decatamos da importancia.

As palabras de Luciano foron dinamita pura na conciencia do comisario Carballo, que, empurrado polo seu orgullo, axiña buscou unha vella Olivetti, coma se con ela puidese facer fronte a aquela morea de xente impaciente que o espreitaba cunha mestura de ira e compaixón. Pero foi imposible. A desorde era moita e mesmo algúns que pasaban pola rúa entraban na comisaría para ver qué ocorría alí dentro. O comisario non tardou en estoupar e mandou saír a todo o mundo da oficina. Só deixou dentro a dúas persoas. A min mandoume poñer na porta para que coidase de que non entrase ninguén. Foi nese intre, mentres miraba de manter a orde e acougar os ánimos revoltos da xente, cando o vin detrás da vidreira da cafetería que había por fronte da comisaría. Alí estaba aquel rostro inexpresivo que agora semellaba mostrar un sorriso saciado. Ramiro Carracedo pasaba as follas do periódico cun mecánico pracer, alleo aos minutos vertixinosos que viviamos na oficina. Na súa actitude solitaria había unha violencia sofisticada.

Luciano foi o segundo en reparar nel e non puido termar da súa sorpresa.

─Que fai alí o señor Ramiro?

O comisario ergueuse, de súpeto, e viu ao administrativo gastando lecerosamente un dos tres días que lle quedaba para se xubilar.

Escravo do seu ímpeto, o comisario entendeu aquilo como unha provocación, e, arremangado como estaba, saíu fóra e cruzou a rúa creando ao seu paso unha enorme expectación. Fervíalle o sangue e non sei que lle dixo dentro da cafetería. Podo imaxinar a esgrima verbal saíndo daquela boca severa, a sonoridade metálica das ameazas, os insultos veloces, os espaventos... Con todo, o que máis me impresionou daquela escena que se representaba por tras da vidreira, foi a indiferenza, o mudo desafío do berciano, a hostilidade daquel silencio no que se rexistraba o pracer dunha vinganza. Así, cando o comisario Carballo abandonou a cafetería, coa ollada desolada, totalmente fóra de si, eu permanecía atento á actitude calada de Ramiro Carracedo e non reparei nin no renxido das rodas sobre o asfalto, nin nos berros da xente, nin no forte impacto do camión contra o corpo. Aínda tardei un segundos en me decatar de que o comisario Carballo viña de ser atropelado por un camión que, curiosamente, coma unha broma do destino, levaba na cabeceira da cabina un lema doloroso que o accidentado nunca esquecería: Sempre en galego.