Con Paco Ibáñez e o libro Se falases de min |
Foi unha fin de semana
abraiante. Fixemos, iso si, 2.400 kms, ida e volta en coche.
Conduciu Xabier Romero,
director de Editorial Elvira. Había un obxectivo principal: entregarlles
a Paco Ibáñez e a Jordi Sierra i Fabra o meu novo libro Se
falases de min.
Resultou unha aventura
marabillosa. O venres agardábannos Paco e Julia na súa nova casa en
Camallera (Girona).
Na casa de Julia e Paco |
Sorprendeulles o libro. A
súa edición recibiu mil parabéns. Notamos axiña a ledicia e o recoñecemento nas
súas facianas. Deleitáronse coas pinturas de Xulio García Rivas e lendo
algúns poemas díxome Paco: “Antonio, de aquí van saír unhas cancións”. Sei que
o dixo de corazón, sentíndoo, pero non vai ser doado.
Julia e Paco follean o libro en presenza de Susi |
Cantamos en galego fragmentos de Que ocorre na terra?, de Pomba e fixo especial fincapé nun tema que nos encanta aos dous: O vento dorme. Emocionouse cando lle lin “Palabras para…Paco”, un meu texto que figura no libro. Julia, tamén.
Paco lendo Se falases de min |
Gustáronlle, ademais, as palabras sobre a súa vida
que Xabier escribiu no libro e que lle leu cun grande agarimo. Houbo aplausos, e
a face de Paco era para desfrutar: tiña os ollos húmidos. Gabaron, e moito, a
elegancia da edición “que fuxiu da vulgaridade” e cualificaron a Xabier de
“valente” por atreverse a publicar un libro destas características. Chamamos a
Xulio e tanto Paco como Julia felicitárono persoalmente a través do teléfono.
Xabier Romero le as palabras que escribiu na biografía no libro |
Foi un xantar entrañable. Un xantar ateigado de luz, que nos fixo saír desa fermosa casa (aínda en recuperación) moito mellores do que eramos ao entrar.
Paco, Julia, Antonio e Susi |
Contounos que en Jaén, o día
28, cun público entregado (como ocorre sempre con el) cantou a Celso Emilio
Ferreiro. Interpretou unha delicadísima canción, Chove,
baseada nun poema do poeta celanovés e volveu referirnos a pena que lle quedou
por non poderlla cantar a Moraima, a viuda do poeta, a quen lle
presentamos nunha das súas visitas a Vigo. E non esqueceu salientar a
importancia que Georges Brassens ten para el e recomendarnos que
escoitásemos o cante jondo de El Chocolate.
Pódese pedir máis?
Imposible.
Con Jordi Sierra i Fabra no seu cuarto de traballo en Barcelona |
Ao día seguinte, quedamos co meu prezadísimo amigo Jordi Sierra i Fabra, unha persoa auténtica, creativa, xenerosa e moi interesante.
Tras dar unha volta por Monjuïc cos nosos grandes amigos Francesc Gómez e Margarita Cruells, fomos á Fundación que o escritor barcelonés ten na cidade hai xa bastantes anos.
En |
Susi e
mais eu xa a coñeciamos, pero sempre é un pracer visitala. Quen si quedou engaiolado foi o
editor, Xabier Romero, a quen Jordi en persoa lle foi explicando a multitude de
libros, de manuscritos das súas obras, de fotos, de obxectos varios que alí
están expostos.
Vista do interior da Fundación Jordi Sierra i Fabra |
Jordi é un verdadeiro
personaxe, pero, ademais dun enorme escritor é, sobre todo, unha magnífica
persoa.
Había xa ben anos que non
estabamos xuntos (e con Antonia, a súa muller, aínda máis). Pero o agarimo, o
respecto, a admiración mutua permanecen intactos.
Xantamos na súa casa e
rimos, rimos moito coas súas ocorrencias e anécdotas sempre tan aqueladas e
simpáticas. E meterse comigo xa forma parte do seu ritual. Eu gozo.
Jordi lendo e comentando o libro baixo a ollada risoña de Antonia |
Entrar no seu domicilio
resulta un verdadeiro luxo. Cheo dos seus libros, de cadros interesantes
(Antonia é pintora), de figuras preciosas, de obxectos curiosos… sentímonos,
unha vez máis, moi felices. Ao entrar no seu despacho, onde escribe cando non
sobe a Vallirana, decote sentimos o espírito do grande escritor que é e o
minucioso en todo o que fai.
Libros intercambiados |
Mostrounos de novo uns
exemplos de como é o seu proxecto literario. Dá gusto ver os seus guións
trazados ao milímetro, máis ou menos extensos segundo a extensión da novela.
Na Fundación diante dun cadro que me engaiola |
Agasallounos a Susi e a min
os seus últimos libros -como fixo sempre- e volvemos cunha alfaia ben especial:
o cómic dunha parte importante da súa vida, no que demostra a enorme humanidade
que posúe. Debuxado por Carlos Moreno, cun guión seu e publicado pola Editorial
Norma, El largo y tortuoso camino é un libro que hai que ler
si ou si. Permítenos coñecer facetas da vida de Jordi ata ese intre
descoñecidas.
Encantoulle Se falases
de min, do que forma parte coa creación dunhas frases definitorias e
moi enxeñosas dos músicos (homes e mulleres) que aluman a segunda parte do
libro (Palabras envoltas en cancións).
Antonia e Jordi |
Despois marchou ao Camp Nou
(é un culé empedernido) mentres eu quedei na súa casa para ver como voaban
rumbo a Pamplona os tres puntos do Celta-Osasuna.
Ao día seguinte, 1.200 kms.
ata Vigo, pero cheos de felicidade tras vivir un marabilloso oasis de primeiros
de novembro.