Primaletras é un proxecto das Bibliotecas Municipais da Coruña no que se festexa a Primavera dos libros e das Letras. Encontros diversos, teatro, poesía, conferencias, animación musical, obradoiros, cómic etc. están representados dende o 21 de marzo ata o 21 de maio na cidade coruñesa.
E ata alí fun eu para ter
un encontro/obradoiro con tres clubs infantís de lectura: o da Biblioteca Municipal
Castrillón, o Club Miúdo da Biblioteca Municipal Durán Loriga e
os compoñentes do Punto de Servizo Bibliotecario do Mesoiro.
Foi un acto lúdico e
agradable no que os rapaces e rapazas destes tres clubs amosaron distintas
tarefas arredor dos meus poemas, leron creacións feitas por eles, mostraron ilustracións
e fixeron moitas preguntas sobre a miña obra e a miña persoa.
Eu, como non, faleilles
da importancia da poesía nas súas vidas, conteilles como comecei a escribir as
miñas obras, xoguei con eles coas palabras e faleilles da xénese da miña Triloxía
do mar.
Máis dunha hora a palabra
poética foi o centro de atención nun lugar fermoso (aínda que non con moi boa
acústica) na entrada na Casa da Cultura coruñesa.
Alégrame que os clubs de
lectura para os nenos e nenas rachen o xeo e fagan da poesía, de cando en vez, o
centro da súa actividade.
Velaquí o poema conxunto que escribiron os compoñentes do Punto de Servizo Bibliotecario de Lectura de Mesoiro.
E agora o libriño que fixeron no Club Miúdo da Biblioteca Durán Loriga: