TÍTULO: O bosque do duque (´s- Hertogenbosch)
AUTOR: Fran Fernández Davila
EDITORIAL Galaxia
Hai unha certa caste de
novelas de fantasía que removen as entrañas e marcan tendencia cara ás
inquedanzas que, como seres humanos, precisamos posuír. Non me gusta a fantasía
porque si. Ás veces é moi baleira e fica ancorada en foguetes artificiais que
non conducen a nada.
Un dos exemplos que sempre
seguín como lector de libros fantásticos comprometidos coas persoas foi, é e
será Michael Ende.
Na literatura galega
interésame o universalismo das historias. Que sexan moi nosas e que, á par,
poidan ser entendidas por persoas doutros lugares. Literatura aberta ao mundo.
Isto é o que me atopei cunha
novela magnífica de Fran Fernández Davila.
Editada por Galaxia, O
bosque do duque (´s-Hertogenbosch), conta unha historia a cabalo da
realidade e da fantasía que nos atrapa e nos induce a sentir todo aquilo que os
protagonistas senten.
Sabine, Wilko, Jeroen e Anja
son catro amigos inseparables. O día do seu décimo aniversario Sabine recibe un
agasallo misterioso. Un agasallo -ou dous, co lapis de bolboretas- que os vai
levar por terreos descoñecidos nunha aventura frenética, delirante e que poñerá
patas arriba as súas conciencias de xente nova.
Absorbidos tras un furacán
pola porta máxica do concello, os catro amigos emprenden unha viaxe incerta
ateigada de situacións descoñecidas para eles, con reivindicacións varias
(entre elas a palabra galega) e personaxes incribles, que os van axudar e, por
outra parte, outros que lles poñerán unha chea de trampas para que non acaden
un dos obxectivos: chegar a un castelo e salvar a raíña.
Quen son os rozadores? Quen
Quercus, Chrys, a rapaza-peixe? Que queren dicir esas palabras galegas que
aparecen nalgunhas árbores? Quen son Canilonga ou Amaro? E un tártalo?
Unha novela de aventuras que
sinala. Detrás da fantasía está unha realidade que é criticada: o mal uso
social do galego, o concepto de “mercado” que todo o quere xustificar, a queima
das fragas para lograr maiores beneficios, a amizade ben entendida, a
solidariedade, a importancia da familia ou a capacidade de chegar a coñecer a fortaleza
que os personaxes posúen e non eran conscientes…
Todo se desenvolve entre unha
cidade dos Países Baixos e o mundo que se atopa tras as portas máxicas. Un
mundo descoñecido e misterioso.
Novela en 44 capítulos todos
eles encabezados polas definicións de árbores que, á súa vez, levan pequenas
lendas arredor de cada especie arbórea que enriquecen o texto. Un sinal da
loita por preservalas da destrución das fragas. Un sinal de supervivencia da
natureza.
Fran Fernández Davila é un
escritor que manexa o seu oficio con enorme sabedoría. Gañador de premios
literarios tanto en narrativa coma en poesía, resulta un pracer ler os textos
que escribe. Faino dunha maneira precisa, moi correcta tanto no emprego das
palabras coma no seu desenvolvemento sintáctico. Unha linguaxe rica e un ritmo
pausado nalgún momento fronte a outros, sobre todo no desenvolvemento da
aventura que chega a ser vertixinoso.
Os personaxes, reais ou
ficticios, moi ben construídos, aparecen cunhas tinguiduras de humanidade que
se agradecen. En ningún momento O bosque do duque (´s-Hertogenbosch) devén en algo frío nin perde as súas raíces
galegas, moi ben suxeridas e moi ben desenvolvidas.
Unha novela que non ten
idades recomendadas como ten que ser a boa literatura
Antonio García Teijeiro